Venres 19 Abril 2024

Previr os incendios extremos con queimas prescritas

O lume técnico pode ser unha ferramenta económica e ecolóxica para xestionar, de maneira sostible, a prevención de grandes incendios forestais

Non lonxe do Centro de Interpretación Ambiental de Corno do Bico, na parroquia de Vascões, no concello portugués de Paredes de Coura, un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo) observa unha parcela chea de matogueira mentres debuxa un esbozo e xeoreferencia varios puntos de control cun GPS. Este é o primeiro paso para que, pouco máis tarde, as enxeñeiras que fan hoxe o exercicio poidan recorrer o terreo cun lídar portátil e obter así unha estimación da cantidade de biomasa que hai na parcela.

“Estamos probando esta tecnoloxía porque neste terreo vaise realizar unha queima prescrita coa que se quere reducir a carga de combustible dispoñible en caso de incendio. Se somos quen de estimar a cantidade de biomasa que hai na parcela antes da queima e saber, volvendo a pasar o lídar, canto se puido eliminar, iso axudaranos a avaliar a eficacia desta intervención”, explica Juan Picos, director da EEF.

Publicidade

Prevención a un custo máis reducido

A uns 10 quilómetros de Corno do Bico, na parroquia de Padornelo, xestores de mancomunidades de montes, bombeiros e axentes forestais do Baixo Miño galego e do Alto Minho portugués, participan xa nun exercicio conxunto de queima prescrita. A actividade forma parte das xornadas de convivencia organizadas polo Laboratorio Rural de Paredes de Coura no que participa a Escola Forestal do campus de Pontevedra e no que se comparten coñecementos e experiencias.

Queima prescrita experimental nun piñeiral da parroquia portuguesa de Padornelo, en Paredes de Coura.

O obxectivo hoxe é reducir o combustible nun piñeiral da mancomunidade de montes de Padornelo. O seu xestor, Manuel Barbosa, que participa no exercicio experimental, debe deixar claro na reunión preparatoria, e en voz alta, cal é a súa demanda: reducir o combustible sen perder ningunha árbore. “Cunha hectárea de piñeiro adulto podemos obter uns 10.000 euros, pero temos que agardar 25 anos e iso quere dicir tamén 25 anos de mantemento para protexer o terreo dos incendios. Por iso queremos atopar outras técnicas como poden ser as queimas para recuperar o investimento e gañar un pouco máis. Ademais, é unha intervención máis ecolóxica”, explícanos.

Sempre baixo a supervisión dun técnico

E quen di queima prescrita en Portugal, di técnico acreditado que dirixa e se responsabilice da operación ademais da definición dos parámetros que permitan reducir a biomasa sen danar o solo.

“O fogo é bo servente e mal señor, por iso poñelo do noso lado é sempre mellor que telo como un inimigo”

JUAN PICOS, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra

“Temos que ter en conta a meteoroloxía ademais do vento, temperatura e humidade, entre outros elementos. Estes son algúns dos rexistros que necesitamos para definir o plan operacional que temos que comunicar aos servizos forestais. Ademais, neste contexto de formación, interésanos traballar cunha chama non moi alta e que o fume non chegue ás copas das árbores para non damnificalas e evitar escapes”, precisa Emanuel Oliveira, o técnico acreditado polo estado portugués que dirixe hoxe a queima experimental xunto con José Luís Duce, especialista e formador de fogo prescrito na organización ambiental que traballa con comunidades rurais The Watershed Research and Training Center de California, en Estados Unidos. Duce asegúranos que as queimas “son unha ferramenta económica e ecolóxica xa que nos permite protexer e conservar os ecosistemas ademais de unir á xente para recuperar uns coñecementos perdidos que poden ser útiles para establecer novas metodoloxías para a prevención”.

Unha avaliación continua

As queimas poden ser unha boa ferramenta para xestionar as áreas estratéxicas definidas no proxecto Firepoctep para previr e loitar contra os grandes incendios na zona fronteiriza entre España e Portugal. Pero para apostar por elas como medio de prevención, os científicos da UVigo buscan datos obxectivos que os avalen na súa proposta.  

Juan Picos móstranos, moi preto de Padornelo, outra parcela na que se realizou tamén un exercicio de queima prescrita hai un ano e que serve aos científicos para avaliar a recuperación do terreo despois da intervención.

“O estrato herbáceo case non se tocou porque tiña boas condicións de humidade e aínda que se aprecian talos negros, por exemplo dos toxos, xa vemos que está todo cheo de rebrotes. A recuperación é mellor do que agardabamos, o que tampouco é moi desexable para non ter que intervir de novo en pouco tempo. O importante é que demostra que o impacto da queima non é permanente, non é irreversible como no caso dos incendios forestais. Pero para non basearnos nunha impresión visual, nós temos que medir, cuantificar, poñerlle números aos resultados das queimas e iso é o que estamos facendo”, subliña.

Unha ferramenta coa que contar

Para loitar contra os grandes incendios forestais, cada vez máis numerosos no sur de Europa, todas as ferramentas posibles de prevención deben ser estudadas e a utilización do fogo é unha delas. “Portugal permite que técnicos acreditados as realicen mentres que en Galicia é, exclusivamente, o servizo da Consellería do Medio Rural quen as fai”, explícanos Picos para quen aínda hai que seguir investigando para coñecer mellor esta ferramenta antes de chegar a regular como e cando podería empregarse no noso territorio.

Para o coordinador na Universidade de Vigo do proxecto Firepoctep, quen defende as queimas como unha ferramenta sostible para eliminar biomasa antes da chegada da tempada de alto risco do verán, “o fogo é bo servente e mal señor, por iso poñelo do noso lado é sempre mellor que telo como un inimigo contra o que non poidamos loitar”, remata Picos.


*A Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo desenvolve as súas actividades en Corno do Bico grazas a súa colaboración no proxecto de Laboratorio Rural creado polo concello de Paredes de Coura xunto con outras universidades, entidades e ONG de España e Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

O risco de cegueira en persoas diabéticas é 25 veces maior que no resto da poboación

A perda de visión severa é evitable en máis do 90 % dos casos se se aplica un diagnóstico e tratamento precoz