Desde hai algo máis de dous anos, enxeñeiros forestais, industriais, de aeronáutica, investigadores, profesionais das Ciencias da Educación e outros expertos traballan en conxunto para fortalecer os sistemas de prevención e extinción de incendios forestais en España e Portugal, en concreto na zona da raia, a fronteira entre os dous países.
Este é o principal obxectivo do proxecto europeo Firepoctec no que participan 21 entidades, organismos e institucións baixo o liderado da Junta de Andalucía. Sobre o terreo, o traballo lévase a cabo en diferentes áreas piloto e O Baixo Miño, en Galicia, xunto co Alto Minho portugués, conforman a chamada zona 4.
Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo), entidade que participa no proxecto, e coordinador das actividades de todos os socios nesta área piloto, subliña algunhas características comúns do territorio no que traballan. “Non é só a mesma paisaxe, a mesma climatoloxía, a mesma densidade de poboación e a súa distribución. É como mirar ao outro lado do espello. Só atopamos diferenzas en como lexislamos, en como administramos. Hai outros puntos que temos en común como a cultura do uso do fogo ou o problema do abandono agrario. Por todo isto, é lóxico que poidamos probar as metodoloxías que desenvolvemos para ser aplicadas aos dous lados da fronteira”, explica Picos.
Zonas estratéxicas que cortan o camiño aos incendios
O enxeñeiro forestal do Campus de Pontevedra e o seu equipo traballaron nos últimos dous anos na definición de metodoloxías que permitan establecer zonas estratéxicas de xestión. É dicir, zonas coas que minimizar o risco e o impacto dos grandes incendios forestais. Reproducir dixitalmente os bosques coa tecnoloxía LiDAR ou simular incendios para coñecer o comportamento do territorio, foron algunhas das liñas principais de investigación.
“Non podemos xestionar todo o territorio porque non hai nin diñeiro nin recursos suficientes. O que queremos é intentar ver onde son máis eficaces as actuacións e para iso temos que ser capaces de seleccionar esas zonas e poder darlles esa información aos responsables da política sectorial respecto aos incendios e poder así ser máis eficientes á hora de empregar recursos públicos na prevención”, afirma Juan Picos.
Mellorar a protección dos que traballan sobre o terreo
Capacitar e equipar os grupos transfronteirizos de extinción de incendios para mellorar a súa acción e garantirlles unha maior protección, é outro dos obxectivos do proxecto europeo.
Para o grupo co que traballa na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo o investigador Pedro Orgeira en Ourense, a prioridade era responder a unha necesidade expresada por aqueles que se encontran sobre o terreo. “Dixéronnos que pola noite os medios áreos non poden operar e quedan a cegas. A única maneira de controlar o lume é desprazándose persoalmente polo monte, nunha zona descoñecida, cunha lanterna, ata o perímetro do incendio. E aí naceu a idea por parte do servizo da Axencia Galega de Emerxencias: dotar os grupos de extinción dun medio aéreo que poida traballar pola noite. Os drons parecéronnos perfectos e nós dotámolos dunha intelixencia que permita ver e inspeccionar o que está pasando debaixo deles”, relata Orgeira, quen engade: “É, dalgunha maneira, como iluminar a noite para que o piloto do dron poida ver perfectamente o que está pasando no incendio”.
Cámaras térmicas que vixían o monte
Na Escola de Enxeñaría Industrial en Vigo, os investigadores do grupo CIMA (Centro de Enxeñaría Mecánica e de Automoción) coordinados por Ángel Fernández Vilán, avanzaron, pola súa banda, co Firepoctep, noutra ferramenta que pode ser esencial na prevención de incendios e axuda á extinción.
Unha vez demostrado o uso de cámaras térmicas para a detección temperá de incendios nun proxecto europeo anterior bautizado FireRS, o equipo traballou no deseño dun programa que permita optimizar a súa instalación no terreo.
“Para nós, Firepoctec significa unha continuación do proxecto FireRS. Pola nosa parte había unha pregunta que é: Cantas cámaras podemos instalar e onde as imos poñer? Fixemos o plan piloto cunha soa e agora queriamos saber onde imos poñer esas cámaras e o número delas para vixiar de xeito óptimo unha zona”, explícanos Ángel Fernández, coordinador para este proxecto das actividades do grupo CIMA que tamén traballa agora para facilitar o uso das cámaras aos que loitan contra o lume en primeira persoa.
Educar, guiar e sensibilizar á poboación rural
O proxecto europeo tamén establece, nesta ocasión, un diálogo coas Ciencias da Educación na UVigo baixo a coordinación de María Isabel Doval, profesora titular e investigadora. O obxectivo desta alianza é responder a un terceiro reto do Firepoctep: educar á poboación rural sobre os riscos dos grandes incendios forestais e guiala nas boas prácticas de prevención e autoprotección.
E para iso, Doval e o seu equipo organizaron en decembro no Concello da Guarda dúas xornadas de sensibilización sobre os grandes incendios ás que asistiron bombeiros, nenos, profesores, familias e curiosos. Unhas xornadas nas que todos os participantes deixaron por escrito a súa opinión, a súa queixa ou as súas experiencias cos incendios forestais e que servirán de modelo para que outros territorios da Área Piloto 4 poidan levalas a cabo.
“O meu rol neste proxecto é poñerme ao servizo das outros equipos de investigación, das enxeñerías, para recoller os seus produtos científicos e innovadores e traducilos a un idioma que os centros educativos, as familias, o profesorado e os estudantes entendan para que os compartan, os valoren, os aprecien e contribúan na súa posta en valor e o seu emprego”, remata Doval.