“Xestionar o risco coas prácticas ancestrais de cada territorio”. Esta é a receita que Emanuel Oliveira prescribe ao problema dos grandes incendios forestais que poñen en xaque, de maneira cada vez máis frecuente e máis violenta, o sur de Europa. Para Oliveira, investigador de excepción dos usos do fogo, técnico acreditado de queimas prescritas e consultor da Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Alto Minho (AREA) en Portugal, o número de grandes incendios rexistrados neste territorio nos últimos anos é preocupante. “Un total de 56 de máis de 500 hectáreas de terreo afectado, entre 2001 e 2020”, precisa.
Ante o desafío de facer fronte a este tipo de incendios contra os que os medios de extinción non teñen capacidade de loitar, Emanuel Oliveira propón volver poñer o fogo do noso lado, como fixo o ser humano durante miles de anos. “Cando se fala de fogo a xente pensa automaticamente en incendios forestais, pero grazas a el cociñamos, abrimos novas áreas para o cultivo de alimentos, para o pasto do gando e para crear as primeiras aldeas que máis tarde foron cidades. O fogo socializou o ser humano, formou o espazo no que habita e, polo tanto, tamén pode ser bo porque o problema son as causas dos incendios que son fogos sen control, causas como a dispoñibilidade de combustible para que o lume se alimente e se propague. O fogo foi durante séculos o recurso enerxético para transformar o espazo e tamén para coidalo, para protexelo”, afirma o consultor da AREA, un dos socios do proxecto europeo Firepoctep.
O fin do uso tradicional do lume

A introdución de novos sistemas para tratar a terra, como a motorización agrícola ou a introdución de fertilizantes inorgánicos, foi a primeira ruptura do ser humano co fogo que pasou de queimar biomasa a queimar combustibles fósiles. O éxodo rural, o condicionamento do uso do fogo por parte das comunidades tradicionais e a perda consecuente de coñecemento das prácticas ancestrais, condenou o territorio á homoxeneización da paisaxe sen descontinuidades que negocien co lume o seu comportamento.
“Nas comunidades tradicionais a xente xuntábase antes para empregar o lume cun obxectivo como pode ser a renovación dos pastos, a queima de residuos agrícolas ou a produción de abono para manter as terras fértiles. No norte de Portugal existe a expresión pastorear o fogo. Como acontece co gando, isto non quere dicir controlar, senón pastorear, gardalo, e o fogo levábase ao pasto como os rabaños. Agora non está permitido que se faga libremente e o que fan algunhas persoas é plantar lume cando teñen un interese determinado en fuxir. Isto é algo moi negativo”, explica o investigador.
O fogo institucional como resposta ao abandono
Oliveira, técnico acreditado polo Estado portugués para a realización de queimas prescritas, relata a existencia de manuscritos de mediados do século XVIII nos que xa se describe tecnicamente cales son as regras para levar a cabo esas intervencións na paisaxe. “Portugal ten moita antigüidade no uso do fogo técnico como demostran eses manuscritos. Pero, atención, realizábase só nos bosques do rei, tratábase dun fogo institucional, técnico, como acontece hoxe en Galicia”, afirma.
“Nas comunidades tradicionais a xente xuntábase para empregar o lume para renovar os pastos”
EMANUEL OLIVEIRA, consultor da Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Alto Minho
O fogo técnico, foi tamén a resposta na segunda metade do século XX, ao abandono do fogo tradicional para xestionar grandes áreas que antes eran queimadas sistematicamente pola existencia de pastores e agricultores. Por iso, a partir dos anos 70 en Portugal, deseñouse xunto coas universidades a mellor prescrición técnica posible para usar ese fogo respondendo tamén de maneira ecolóxica ao territorio.
“Volvemos caer nun erro. O fogo institucional só quere xestionar a paisaxe, eliminar combustible e substituír os incendios forestais. Pero caeuse no erro de querer facer moito traballo en pouco tempo. E iso é un problema porque respondemos a cuestións estatísticas e moitas veces políticas e non ás necesidades das comunidades rurais que son as que viven nese territorio. O fogo técnico trata de medicións e parámetros e a relación ancestral e tradicional do home co lume volve quebrarse unha vez máis”, asegura o técnico forestal.
Responder de novo ás necesidades das comunidades locais
Emanuel Oliveira preconiza un fogo prescrito integrado, é dicir, que responda de novo ás comunidades locais, como un dos pasos a dar para fortalecer os sistemas actuais de prevención contra grandes incendios. Ir máis alá das queimas controladas, técnicas, para xestionar a paisaxe e pensar como pensaría un pastor.
“O fogo institucional fai falta, sen dúbida, pero de maneira puntual en determinadas zonas. Hoxe esa estratexia non é nin eficiente nin eficaz. O que eu quero é un fogo prescrito que vaia ao encontro das comunidades, das súas necesidades, eles viven no territorio, eles teñen o gando. Volver ao fogo raíz, ao nativo, que pode ser diferente no Alto Minho, en Ourense ou en Braga”, afirma Oliveira.
Liberalizar o uso do fogo, con condicións
Coñecedor sobre o terreo do uso do fogo nas comunidades tradicionais de Portugal, España ou Brasil, Oliveira defende tamén que o fogo volva ás mans daqueles que o precisan e establecer de novo unha dinámica que favoreza a protección da paisaxe.
“Pero para iso antes temos que seguir mellorando o noso coñecemento e iso é algo que estamos facendo no proxecto Firepoctep e no Laboratorio Rural do concello portugués de Paredes de Coura onde traballamos coas universidades neste sentido. Para que o fogo volva ser empregado polas comunidades rurais primeiro temos que capacitar as persoas, responsabilizalas, só así cambiaría a lei e deixaría de ser proscrito, só tiña que mudar unha vogal. Xa existen algúns bos exemplos no mundo. Algúns estados americanos están devolvendo o fogo aos indíxenas, en Brasil tamén se está levando a cabo ese proceso e, en España, Cantabria foi a primeira comunidade que devolveu o fogo aos produtores, son eles os que fan as queimas, non teñen que agardar que a institución veña facer o fogo”, insiste.

Resolver antes as causas para evitar a ameaza
“Os incendios forestais non son un problema, son unha consecuencia”, afirma Oliveira para quen a solución á ameaza dos incendios forestais pasa tamén por unha revalorización do minifundio que axude o medio rural a sobrevivir con produtos certificados, de produción local, por exemplo. “É difícil entender como os responsables políticos consideran o rural como un problema e non como unha oportunidade porque sempre foi así, porque sustentou á xente aquí, no Alto Minho, en Galicia, en todas partes. Temos que ter políticas que permitan volver ao rural, polo contrario atoparémonos con territorios baleiros cunha paisaxe homoxénea e iso non é o recomendado, foi o que aconteceu en Pedrogao”, explica.
“É difícil entender como os responsables políticos consideran o rural como un problema e non como unha oportunidade”
EMANUEL OLIVEIRA, consultor da Axencia Rexional de Enerxía e Ambiente do Alto Minho
O consultor da AREA, subliña tamén as vantaxes medioambientais das queimas tradicionais e lémbranos que o río Miño non divide os dous países, non cando se fala de incendios. Por iso, Oliveira asegura que a avaliación e solución de riscos debe ser abordada de forma conxunta en proxectos como o Firepoctep ou intercambiando experiencias e coñecemento sobre o terreo. “Ao final, o fogo fai parte de nós, somos xente do noroeste ibérico e sabemos que temos algo en común. O fogo socializounos e transformounos na sociedade que somos. As persoas gozan, por exemplo, saltando o fogo de San Xoán ou visitando o madeiro en Portugal no Nadal, porque así o fixo a xente durante centos de anos. E así debe acontecer co fogo tradicional para axudar coa prevención de grandes incendios forestais. Temos que mantelo durante os próximos séculos”, remata.
Está claro, non hai nada mellor para evitar que un incendiario queime o monte que a Xunta se adiante e o queime antes.