Planificar a prevención coa simulación de incendios forestais

Un equipo da Escola Forestal da UVigo desenvolve unha metodoloxía para atopar os camiños do lume no Baixo Miño e impedir así o seu avance

Identificar posibles áreas estratéxicas de xestión no territorio para loitar contra os grandes incendios forestais na zona fronteiriza entre España e Portugal é un dos principais obxectivos do proxecto europeo Firepoctep no que participan 21 socios da raia liderados pola Junta de Andalucía.

Para definir cales poderían ser esas zonas coas que se quere cortar o paso ao fogo para poder controlalo e reducir o seu impacto, un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal (EEF) da Universidade de Vigo (UVigo) desenvolveu unha metodoloxía que permita facelo con criterio científico e de maneira obxectiva. O territorio no que se centraron as investigacións destes enxeñeiros forestais foi a comarca galega do Baixo Miño, que xunto co Alto Minho portugués conforma a chamada “Área piloto 4” do Firepoctep.

Publicidade

“O noso obxectivo é comprender como se comporta o territorio fronte a un incendio forestal que se inicie ou chegue desde unha área externa á zona de estudo, comprender o seu comportamento en ausencia de medios de extinción. Para iso o primeiro que tiñamos que facer era coñecer o estado actual do territorio e así poder simular diferentes actuacións para ver cales serían os efectos que terían nun eventual incendio forestal. O que queremos é ter un criterio para identificar posibles áreas de xestión, áreas cunha maior capacidade para resultar efectivas na prevención da propagación de incendios forestais”, explícanos Julia Armesto, profesora na EEF e investigadora do proxecto.

Simulación de incendios forestais na comarca do Baixo Miño, unha das zonas piloto xunto co Alto Minho portugués do proxecto Firepoctep IMAXE EEF Uvigo
Simulación de incendios forestais na comarca do Baixo Miño, unha das zonas piloto xunto co Alto Minho portugués do proxecto Firepoctep IMAXE EEF Uvigo

Os elementos esenciais dunha boa simulación

Para simular os incendios grazas a ferramentas de soporte lóxico e algoritmos e así saber como reacciona o territorio, o equipo da Escola Forestal do campus de Pontevedra traballou na optimización da información coa que se debe contar: a topografía, condicións meteorolóxicas típicas e atípicas e, sobre todo, a vexetación que existe.

Publicidade

“É importante identificar a vexetación porque cada clase ten un comportamento diferente fronte ao lume”

JULIA ARMESTO, profesora da EEF e investigadora de Firepoctep

“A vexetación ten que ser analizada en termos xeométricos, é dicir, a cantidade que hai nun territorio, xa que isto determina o combustible dispoñible para arder, e como está distribuída, se hai continuidade ou descontinuidade da vexetación que permita o avance ou non dos incendios. Outro elemento importante é a identificación da vexetación porque cada clase ten un comportamento diferente fronte ao lume. Todos estes compoñentes son esenciais e deben ser actuais para que o simulador nos ofreza comportamentos de incendios o máis axustados posible á realidade”, sinala Armesto.

O retrato da vexetación no Baixo Miño

Para coñecer a xeometría da vexetación, o equipo contou con datos da tecnoloxía LiDAR, un sistema de medición grazas ao láser, co que se fai unha cobertura de todo o territorio, a nivel estatal, cada seis anos. Para identificar a vexetación, empregaron como fonte imaxes do satélite Sentinel 2 da Axencia Espacial Europea que ten como misión a observación terrestre dentro do programa Copérnico. Un programa que axuda, con recursos cada cinco días, a mellorar a xestión do medio ambiente e a mitigar as consecuencias do cambio climático para garantir a seguridade cidadá.

Julia Armesto, profesora da EEF da Universidade de Vigo e investigadora do Firepoctep.

“A necesidade de desenvolver unha metodoloxía propia é resultado das singularidades do territorio forestal galego. A metodoloxía empregada para elaborar o mapa forestal en toda España pode funcionar noutras zonas, pero aquí  en Galicia temos elementos que hai que ter en conta. Temos unha estrutura da propiedade con miles de parcelas cunha superficie inferior a unha hectárea, que é a unidade que se emprega para realizar o mapa xeral. Ademais, somos a comunidade autónoma con maior volume de cortas, temos moitísimos incendios, desgraciadamente, e unha taxa moi importante de abandono de terras. Estas circunstancias fan que un 3% do territorio cambie cada ano. Se a actualización do mapa forestal é cada 10 anos, poderiamos dicir que aquí, en Galicia, o 30% do territorio é susceptible de ter cambiado”, afirma a investigadora da Universidade de Vigo.

Miles de simulacións para atopar os camiños do lume

Thais Rincón, outra das investigadoras do proxecto Firepoctep na UVigo, foi a encargada de realizar a simulación, de establecer a metodoloxía que a faga posible e da interpretación dos resultados que permitan chegar a definir as zonas estratéxicas de xestión.

Co territorio de estudo seccionado en cuadrículas que permitan realizar simulacións sistemáticas de inicios de incendios a un quilómetro de distancia cada unha, coa cartografía forestal preparada e os modelos de combustible definidos, Rincón deseñou tamén oito escenarios meteorolóxicos diferentes, desde o máis típico na época de verán ata o máis perturbador. “Para definir eses escenarios empregamos datos do Servizo de Meteoroloxía de Galicia de xullo a setembro. Seleccionamos condicións de temperatura, humidade e velocidade e dirección do vento propias do verán nese territorio pero tamén algunhas excepcionais, cando as condicións son extraordinarias”, subliña.

Con toda esta información, o equipo realizou máis de 300 simulacións por cada escenario meteorolóxico. O resultado foron case 3.000 simulacións que, xuntas, indicaron aquelas zonas con máis probabilidade de sufrir grandes incendios. Descifrar os camiños do lume foi outro dos logros.

“Nas simulacións podemos ver que hai puntos comúns a todos os incendios. Zonas polas que, pola acción do vento, polo combustible dispoñible ou pola topografía, sempre van pasar, o camiño que tenden a seguir principalmente. E é nesas áreas onde sería beneficioso intervir, establecer áreas de xestión, para unha mellor prevención de grandes incendios que son aqueles que poden afectar a máis de 500 hectáreas”, explica Thais Rincón.

O equipo da Escola Forestal da UVigo conseguiu descifrar os camiños do lume grazas a máis de dúas mil simulacións de incendios forestais IMAXE EEF UVigo

Zonas de prevención con criterio científico

O pasado mes de outubro, o equipo da Universidade de Vigo presentou o resultado da súa investigación nun congreso dedicado ao proxecto Firepoctep que tivo lugar en Huelva. Na posta en común da metodoloxía establecida co resto de socios, os científicos do campus pontevedrés, presentaron unha lista de áreas estratéxicas de xestión posibles no Baixo Miño, que poden representar arredor do 5% do territorio forestal da comarca. Pero antes de definir as mellores zonas candidatas e transmitir as conclusións á administración competente, o equipo visita esas áreas para verificar que os resultados de laboratorio corresponden co que hai no terreo e avaliar outros elementos que, como os accesos, mellorarían a súa posición na lista de propostas.

“O verán pasado publicouse un Real Decreto Lei de medidas urxentes para a prevención de incendios forestais que contempla a elaboración de plans de prevención por parte das comunidades autónomas. E é aí onde aparece a necesidade de establecer áreas estratéxicas de xestión. O inicio deste proxecto é anterior ao Real Decreto pero creo que esta metodoloxía que desenvolvemos pode ser unha ferramenta moi útil á hora de decidir con criterio e de maneira obxectiva esas zonas coas que se podería evitar ou frear a propagación de grandes incendios”, remata Julia Armesto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM

Como os xacementos arqueolóxicos poden ser clave na loita contra os incendios

Unha metodoloxía deseñada na UVigo permite identificar enclaves paleontolóxicos que serían tamén puntos importantes na prevención de lumes

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A UVigo emprega plantas trampa para loitar contra unha praga nas patacas

A 'Solanum sisymbriifolium' é capaz de enganar ao nematodo que ataca ao tubérculo causando a súa morte