Domingo 21 Abril 2024

LiDAR, a tecnoloxía que fai máis eficaz a prevención de incendios forestais

Xestionar mellor a vexetación para diminuír o combustible do que se alimenta un incendio é unha ferramenta chave para fortalecer a prevención

Na zona protexida de Corno do Bico, no concello portugués transfronteirizo de Paredes de Coura, un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, a EEF, ten o seu propio laboratorio a ceo aberto. O seu obxectivo, nas súas xornadas de traballo neste terreo, é desenvolver unha metodoloxía que permita aos servizos de prevención de incendios forestais manexar ferramentas que fagan máis eficaces os seus esforzos de loita contra o lume e, en concreto, contra os grandes incendios.

E para iso, os seus investigadores, contan desde hai case dous anos cun aparato lídar portátil, unha tecnoloxía recente de teledetección próxima grazas ao láser. O seu nome é resultado das súas siglas en inglés, Light Detection and Ranging. “Trátase dunha tecnoloxía moi innovadora que nos permite obter un xemelgo dixital da contorna que nos interesa. Este sistema de medición ofrécenos a localización das árbores, a separación entre elas, os seus diámetros, a súa altura ou a altura das pólas. Grazas a esta copia dixital total tamén podemos avaliar, por exemplo, o sotobosque para saber se a zona está limpa ou ten moita vexetación. Pero o que vimos probar son os algoritmos que nos permitan caracterizar as árbores de maneira automática”, explícanos Julia Armesto, profesora na EEF do Campus de Pontevedra.

Publicidade

Un retrato do bosque en tres dimensións

Ana Solares, investigadora da UVigo na prevención de incendios, é a encargada hoxe de escanear o terreo. Xunto co tamén investigador José Luís Cuevas, o primeiro que fan ao chegar á parcela é deseñar un esbozo da traxectoria a seguir co lídar portátil. Traxectoria na que irán marcando certos puntos cunha estaca no chan despois de medir as coordenadas coa axuda dun GPS. “Sempre é interesante xeolocalizar a copia dixital e, se se precisa, poder así repetir o exercicio noutra estación do ano, por exemplo”, subliña Solares.

A profesora Julia Armesto da indicacións ao seu equipo antes de escanear a parcela en Corno do Bico.

A investigadora pon en marcha o lídar e comeza a camiñar pola parcela en zigzag “para minimizar as zonas escuras que poden ser resultado de pólas ou outro tipo de obxectos que se atopen entre o aparato e as árbores, que é o que nos interesa escanear para obter a representación de todos os seus perímetros”, precisa sen levantar a ollada do camiño. Facendo paradas de quince segundos nos puntos coas estacas nos que mediron as coordenadas e, en apenas uns minutos, Solares volve ao punto de partida, apaga o escáner e garda a información nunha chave USB. “O que fai o lídar é ir lanzando moitos puntos de láser que rebotan nos obxectos ou no chan, por exemplo, e que despois volven ao escáner que mide o ángulo, a distancia e forma unha nube de puntos en tres dimensións”, explica.  

Medir para ofrecer recomendacións con fundamento científico

Non lonxe da parcela, no Centro de Interpretación Ambiental de Corno do Bico, os resultados son presentados a un grupo internacional de estudantes e investigadores por Juan Picos, coordinador desde a Universidade de Vigo da chamada área piloto 4 do proxecto europeo Firepoctep, é dicir, O Baixo Miño, en Galicia, e o Alto Minho ao outro lado da raia. Un proxecto no que se enmarca esta investigación e co que se queren fortalecer os sistemas de prevención de grandes incendios forestais na zona fronteiriza entre España e Portugal.

“Se non podes medir o único que acabas tendo é unha simple opinión. Unha medición permítenos ser obxectivos, detectar cambios, avaliar a eficacia das medidas de prevención. Só medindo podemos obter conclusións científicas que podemos trasladar en forma de recomendacións que poidan ser aplicadas polos servizos de prevención”, explica Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo.

E unha das aplicacións prácticas da metodoloxía na que traballa o equipo da EEF sería poder comparar copias dixitais dun bosque antes e despois dos labores de prevención, como apunta o enxeñeiro forestal. “Comparando os dous modelos seriamos capaces de saber canto combustible retiramos dun potencial incendio e, polo tanto, avaliar en termos de custo e beneficio o impacto do labor de prevención que se leva a cabo.

Unha nova ferramenta para fortalecer a prevención

Deseñar os algoritmos que permitan a un ordenador distinguir de xeito automático na nube de puntos resultante do escaneo as árbores, o sotobosque e outros elementos necesarios para coñecer e avaliar un terreo, foi a liña principal de traballo do equipo de Juan Picos.

Nun futuro non tan afastado, un líder portátil podería estar ao alcance dos equipos de prevención grazas á diminución do custo desta tecnoloxía. Os científicos deben adiantarse a esta situación para ofrecer recomendacións e programas que axuden os profesionais a tratar os resultados de maneira sinxela.

Representación en 3D da parcela en Corno do Bico grazas ao lídar portátil

Isto é o que asegura o coordinador na UVigo do proxecto Firepoctep quen resalta, antes de rematar, a importancia de coñecer cada detalle do terreo “para prepararlle emboscadas ao lume”.

“Non podemos esquecer que a biomasa fina e a morta, por exemplo, son as que determinan o comportamento dun incendio. Se temos ferramentas para coñecer a cantidade exacta de combustible que hai nun terreo e a súa distribución, seremos capaces de saber como de intensa ou veloz sería a propagación do fogo. A maior parte dos grandes incendios só se matan de fame, é dicir, cortándolle o alimento. Esta é a única maneira de controlalos”.


*A Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo desenvolve as súas actividades en Corno do Bico grazas a súa colaboración no proxecto de Laboratorio Rural creado polo concello de Paredes de Coura xunto con outras universidades, entidades e ONG de España e Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:12:08

A ciencia, na fronte da loita contra os incendios forestais

Así son as novas ferramentas deseñadas polos científicos da UVigo para convivir co fogo no noso territorio
00:05:55

“Se protexes a túa casa, tamén estás protexendo o monte”

O enxeñeiro forestal Ferrán Dalmau-Rovira explícanos como planificar a defensa do lume e llembra que é unha responsabilidade compartida
00:06:52

“Apagar todos os incendios, desde o punto de vista ecolóxico, é discutible”

O investigador forestal José Antonio Vega axúdanos a coñecer mellor os incendios forestais para previlos e, sobre todo, para protexernos
00:05:28

Biblioteca Humana: Un novo capítulo no relato dos grandes incendios

Da ficción dos estereotipos á realidade do terreo, científicos da UVigo, bombeiros e cidadáns, establecen un diálogo para mellorar a prevención do lume