Xoves 25 Abril 2024

“Se protexes a túa casa, tamén estás protexendo o monte”

O enxeñeiro forestal Ferrán Dalmau-Rovira explícanos como planificar a defensa do lume e llembra que é unha responsabilidade compartida

Para defender un monte do lume o primeiro que hai que facer é aplicar as recomendacións de autoprotección contra incendios forestais. Isto é o que afirma Ferrán Dalmau-Rovira, enxeñeiro forestal e consultor medioambiental, a quen entrevistamos pouco antes de dirixir un exercicio de extinción, nunha paisaxe a escala reducida, durante un encontro de profesionais do sector de España e Portugal.

Dalmau-Rovira afirma que nas interfaces urbano-forestais estas medidas teñen non un, senón dous obxectivos: protexer o monte da actividade urbana que pode causar incendios e, por suposto, protexernos a nós da ameaza do lume que pode chegar desde a zona forestal.

Publicidade

Aínda que o concepto pareza sinxelo, que é exactamente a autoprotección cando falamos de incendios?

—A autoprotección é o conxunto de medidas que eu podo tomar na miña contorna inmediata para protexerme do fogo. Iso inclúe a miña casa, a miña parcela ou incluso as parcelas veciñas. Existen varios círculos de responsabilidade. O primeiro deles é o que eu podo facer directamente, o segundo o que pode facer a miña comunidade e o terceiro o que pode facer a miña contorna paisaxística, é dicir, o meu barrio, o meu concello ou a miña comarca.

Na maioría de países europeos, e no caso concreto de España, a autoprotección non é un dereito, é un deber. A lexislación nacional de Protección Civil tipifica o deber de cautela e autoprotección. De todos xeitos, máis alá da lei, creo que se trata dunha cuestión de sentido común. Canto valen as túas fotografías de familia? E o xoguete favorito do teu fillo ou a túa guitarra? E a paisaxe que ves pola ventá? Todo isto é o que estás protexendo. Non é o mesmo vivir nunha contorna cunhas condicións medioambientais fantásticas que nunha zona queimada que perdeu o seu valor.

“Na maioría de países europeos, e en España, a autoprotección non é un dereito, é un deber”

Cal é o primeiro paso para definir un plan de defensa para a miña vivenda?

—Se nos atopamos nun lugar no que temos contacto coa zona forestal, o primeiro que debemos avaliar son as vulnerabilidades da nosa casa. Cales poden ser? Pois, por exemplo, esa ventá que non ten persiana ou contraventá desde hai un tempo, é dicir, que non ten protección fronte ao lume. Os cristais poden estoupar e o fogo atoparía unha entrada á vivenda. Na contorna inmediata non debemos ter combustible acumulado. No inverno, por exemplo, é moi cómodo ter a leña acumulada preto da fachada para acceder a ela de xeito sinxelo. Isto convértese nun enorme risco durante o verán. Por cuestións coma estas, é moi importante previr con antelación por onde me pode chegar o lume e deseñar a miña propia defensa.

O noso xardín ou a parcela asociada á casa, poden xogar un papel importante na nosa estratexia de autoprotección?

—O xardín da miña casa é a miña primeira liña de defensa, non pode ser o que acabe queimando a miña vivenda. É necesario avaliar o tipo de vexetación que teño. É o que nós chamamos piroxardinería. As especies menos aconselladas son aquelas que xeran máis necromasa, é dicir, moito combustible fino e seco. Canto máis negro e máis seco, con máis intensidade vai arder. As árbores deben estar a 10 metros da vivenda e separadas entre elas. No xardín, tamén podemos dispor dunha reserva de auga para defender a casa do fogo se é necesario, por exemplo.

Creo que é boa idea lembrarlle á poboación que a propiedade dunha vivenda tamén supón a propiedade do risco ao que pode estar exposta. Se, por exemplo, temos ao lado da nosa parcela un terreo que pertence a unha persoa que xa non se pode ocupar da súa limpeza, sería aconsellable chegar a un acordo co veciño e ocuparnos nós mesmos. Só hai que limpar o terreo, para que non ameace a miña seguridade. As comunidades que están ben articuladas e funcionan, resisten mellor o impacto do lume.

“Protexer a túa casa non é só un deber, tamén é unha cuestión de sentido común”, afirma o enxeñeiro forestal Ferrán Dalmau-Rovira.

Que debemos facer se o incendio nos sorprende preto da casa e non podemos abandonar con seguridade o lugar?

—O primeiro é seguir sempre as instrucións dos servizos de emerxencia cando, por exemplo, ordenan evacuar unha poboación ou unha zona. Pero pode acontecer que as circunstancias nos leven a ter que refuxiarnos na nosa vivenda.

Nese caso, e se non preparamos con antelación este posible confinamento, o primeiro que temos que facer é pechar as ventás, as contraventás, retirar as cortinas ou calquera tipo de combustible que poida alimentar o fogo. Podemos poñer toallas molladas debaixo das portas para evitar que entre o fume ou faíscas do incendio. Temos que refuxiarnos no cuarto menos exposto ao lume, gardar a calma, hidratarnos, usar roupa que non sexa sintética e comunicarlle aos servizos de emerxencia a nosa situación mentres agardamos que o lume pase.

É moi importante lembrar que o fume é moi perigoso e que se nos vemos tentados a abandonar o lugar no que nos encontramos, temos sempre que avaliar se temos tempo de facelo ou se nos imos encontrar nunha situación difícil no medio do camiño pola cantidade de fume, por exemplo.

“Un dos retos que temos en Europa é lograr que os nosos espazos agroforestais volvan ser rendibles”

Como se pode mellorar a autoprotección individual e colectiva?

—Un dos retos que temos en Europa e noutras partes do mundo, é lograr que os nosos espazos agroforestais volvan ser rendibles. O que é rendible é máis difícil que arda e se acontece, será un fogo de menor intensidade e polo tanto causará menos problemas aos servizos de extinción. Temos que recuperar a economía asociada ao sector primario.

O aproveitamento da biomasa para xerar enerxía de quilómetro cero e reducir ao mesmo tempo o combustible na contorna dunha poboación, conseguir informar en tempo real ás poboacións afectadas ou a realización de simulacros de incendio y evacuación frecuentes nas zonas de alto risco, son algunhas ideas ou liñas de traballo nas que se quere avanzar.

Pero tamén é esencial avanzar na concienciación e na percepción social dos riscos que supoñen os incendios. É moi importante ser capaces de asumir que se non protexes a túa casa, non estás protexendo o monte e freando a ameaza. Se aplicas as medidas de autoprotección, deixas de formar parte do problema, participas na solución, pola túa seguridade, pola do monte e polo territorio que deixamos ás xeracións futuras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:12:08

A ciencia, na fronte da loita contra os incendios forestais

Así son as novas ferramentas deseñadas polos científicos da UVigo para convivir co fogo no noso territorio
00:06:52

“Apagar todos os incendios, desde o punto de vista ecolóxico, é discutible”

O investigador forestal José Antonio Vega axúdanos a coñecer mellor os incendios forestais para previlos e, sobre todo, para protexernos
00:05:28

Biblioteca Humana: Un novo capítulo no relato dos grandes incendios

Da ficción dos estereotipos á realidade do terreo, científicos da UVigo, bombeiros e cidadáns, establecen un diálogo para mellorar a prevención do lume

“A loita contra o lume necesita dunha nova narrativa nos centros educativos”

María Isabel Doval, investigadora da UVigo, quere desenvolver novos recursos que coloquen as escolas rurais no quilómetro cero da prevención de incendios