Xoves 25 Abril 2024

A ciencia, na fronte da loita contra os incendios forestais

Percorremos nesta última entrega da serie Cortalume as novas ferramentas deseñadas polos científicos da UVigo para convivir co fogo no noso territorio

Enxeñeiros da Escola Forestal de Pontevedra, da Escola de Aeronáutica e do Espazo de Ourense, o Grupo CIMA de Mecánica e Automoción de Vigo e, por primeira vez, as Ciencias da Educación, uniron o seu traballo para crear, desde a Universidade de Vigo, novas ferramentas que nos axuden a previr, loitar e protexernos dos grandes incendios forestais. Un novo tipo de incendios no noso territorio que poden chegar a ter un comportamento extremo e que son unha ameaza para a vida das persoas, os seus bens e os recursos dos que viven. 

As investigacións desenvolvéronse no Baixo Miño, en Galicia, e no Alto Minho portugués, como parte do proxecto europeo Firepoctep no que participaron máis de 20 entidades de toda a fronteira entre España e Portugal, un dos territorios do sur de Europa nos que estes incendios son cada vez máis  frecuentes como consecuencia do cambio climático. 

Publicidade

Definir, cientificamente, zonas estratéxicas de xestión 

O grupo de Juan Picos, que é o coordinador do proxecto na Universidade de Vigo, centrouse en deseñar metodoloxías que permitan determinar, de maneira científica e eficaz, zonas estratéxicas de xestión da vexetación para reducir a intensidade do fogo e os danos que pode causar. 

Para iso, conseguiron simular incendios dependendo das condicións meteorolóxicas e despois de avaliar os tipos de vexetación e combustible do terreo. Grazas á metodoloxía que desenvolveron, o resultado foi poder visualizar os chamados “camiños do lume”, un mapa innovador que permite detectar aquelas zonas nas que se debería actuar para crear descontinuidades na paisaxe.

“Cando se producen os incendios, os medios de extinción non poden ir a todos os sitios á vez. Van aos sitios en función dos seus criterios de urxencia e previsión de como vai evolucionar cada un dos eventos que se rexistran nun momento determinado. Nesta situación, se podemos ter un territorio que sexa capaz de defenderse o máximo posible por si só mentres non chegan os medios de extinción, pois moito mellor”, explicounos Julia Armesto, Enxeñeira Forestal da EEF. 

Os enxeñeiros forestais do campus de Pontevedra tamén deseñaron algoritmos que permitan caracterizar de xeito automático as árbores nun xemelgo dixital dun bosque que obteñen cun lídar portátil. Trátase doutra nova ferramenta que mellorará a prevención do lume grazas a medicións científicas que axuden a reducir de maneira eficaz o combustible a disposición do incendio. 

Por último, estudaron como xestionar esas zonas estratéxicas de prevención e cal é a maneira máis eficaz de reducir nelas o combustible. As queimas prescritas foron experimentadas, medidas e avaliadas para saber, por exemplo, cal é o seu impacto no solo ou canto tarda en recuperarse unha parcela despois dun fogo preventivo.

Algoritmos de paxaros e drons que iluminan a noite dos bombeiros

No reforzo da prevención dos incendios, un dos obxectivos principais do Firepoctep, tamén traballaron os enxeñeiros do Grupo CIMA no campus de Vigo. Conseguiran demostrar, nun proxecto anterior, a eficacia de cámaras térmicas para a detección temperá dun incendio no monte

Agora, desenvolveron e experimentaron un algoritmo que permite optimizar a colocación desas cámaras. É dicir, vixiar unha zona de risco co menor número de dispositivos posible. O algoritmo replica o movemento dun enxame de paxaros buscando alimento. Un traballo científico que supón unha primicia na resolución dun problema de optimización complexo como é a instalación de sensores nun terreo a grande escala. 

Capacitar e equipar os grupos transfronteirizos de extinción de incendios para mellorar a súa acción e garantirlles unha maior protección, foi outro dos obxectivos do proxecto. E, xustamente, para o grupo co que traballa na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo o investigador Pedro Orgeira en Ourense, a prioridade era responder a unha necesidade expresada por aqueles que se encontran sobre o terreo: poder controlar o perímetro dun incendio de noite sen necesidade de achegarse a el. É dicir, contar cunha ferramenta que lles permita ter unha visión clara de como avanza o lume e os posibles accesos para intentar controlalo. 

Os enxeñeiros do grupo de Orgeira construíron e dotaron de intelixencia un dron capaz de dar solución a esta problemática dos servizos de extinción. 

“Isto pode ser a base doutras investigacións futuras como a localización en tempo real dos medios de extinción de forma precisa ou a posibilidade de manexar pequenos enxames de drons”, afirmaba Orgeira pouco despois de verificar que todo o sistema que deseñaron funcionaba correctamente.

A educación, chave de toda estratexia de loita contra o lume

Poñer fin á escaseza de contidos e recursos educativos relacionados co fogo nas aulas do medio rural galego, foi a misión da Profesora titular da Universidade de Vigo e investigadora María Isabel Doval, quen sentou por primeira vez as Ciencias da Educación á mesa da loita científica contra os incendios forestais.

Durante meses, Doval e o seu equipo estableceron pontes entre diferentes axentes: desde os científicos do Firepoctep ata aqueles que viviron un incendio en primeira persoa, pasando por responsables políticos, profesionais da educación, estudantes, bombeiros e servizos de emerxencias. 

“Dende a pedagoxía podemos construír outra narrativa con formatos e materiais didácticos interactivos”

MARÍA ISABEL DOVAL, profesora da UVigo

Empregaron técnicas como a organización dunha Biblioteca Humana onde bombeiros e axentes do servizo de emerxencias responderon ás cuestións do público, a celebración dunha exposición fotográfica que axudou aos visitantes a contar a súa propia historia co lume ou a experiencia da “Feira do Grande Incendio Forestal” nun centro de educación infantil e primaria no concello da Guarda, no Baixo Miño.

“Cremos que estes resultados tan importantes necesitan doutra narrativa que, desde a pedagoxía, podemos axudar a construír con formatos e materiais didácticos interactivos e formación e capacitación continua do profesorado. E para iso estamos aquí nós, para poder achegar os resultados do traballo dos nosos científicos da Universidade de Vigo á poboación, ás comunidades locais e aos centros de ensino”, contounos Doval durante a Feira do GIF na escola. 

Responsabilidade, solidariedade e máis ciencia

Responsabilidade, solidariedade, formación en autoprotección e máis investigación para seguir traballando na rehabilitación dos terreos despois dun incendio. Estas foron algunhas das chaves coas que outros expertos contribuíron a este traballo da Universidade de Vigo que enriquece a loita contra o fogo, pero só contra aquel que nos ameaza. 

O experto en autoprotección Ferrán Dalmau-Rovira e o investigador forestal José Antonio Vega, aportaron o seu consello a esta investigación e puxeron no centro de calquera actuación futura, as novas xeracións.

“Nunca imos ter un bombeiro á porta de casa. Temos que aprender a defendernos e a tomar decisións máis responsables”

JOSÉ ANTONIO VEGA, investigador forestal

“É moi importante asumir que se ti non protexes a túa casa, non estás protexendo o bosque. Pode parecer un contrasentido, pero protexendo a túa casa e aplicando as políticas de autoprotección, estás axudando a protexer o monte e, sobre todo, estás pensando nas próximas xeracións”, díxonos Dalmau-Rovira.

“Eu quero pensar que as novas xeracións están mellor educadas respecto ao medioambiente, que son capaces de asumir responsabilidades de xeito máis acorde coa natureza e que serán quen de xestionar mellor o territorio. Os incendios xorden como un problema social e é a sociedade quen ten que facerlle fronte. Nunca imos ter un bombeiro á porta de casa para protexernos. Temos que aprender a defendernos e a tomar decisións máis responsables e solidarias”, afirmou Vega despois de lembrarnos o papel esencial que o fogo xogou na evolución da humanidade e da natureza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións