Xoves 28 Marzo 2024

As escolas: a materia pendente da loita contra o lume

Un equipo da UVigo emprega métodos de educación participativa para acabar coa escaseza de recursos sobre os incendios forestais nos centros de ensino

Cando María Isabel Doval, profesora Titular da Universidade de Vigo e investigadora Firepoctep, analizou co seu equipo os recursos cos que conta hoxe a comunidade educativa respecto ao lume, o resultado confirmou inmediatamente a sospeita: escasos nas aulas e obsoletos. O grupo que lidera Doval púxose mans á obra e cada actividade de sensibilización e diálogo coa comunidade local que levaron a cabo no Baixo Miño, a súa área de estudo, converteuse en fonte non só de información, senón tamén de ideas e propostas de gran valor para escribir as liñas de novos materiais educativos.

Unha desas actividades foi a que organizou recentemente o equipo da UVigo no Centro de Educación Infantil e Primaria Manuel Rodríguez Sinde na Guarda. Pola súa biblioteca foron pasando durante toda unha mañá alumnos e profesores para asistir á Feira do Grande Incendio Forestal (GIF).

Publicidade

“Esta feira ten tres apartados fundamentais: unha zona onde se mostra a literatura infantil e xuvenil que ten que ver co lume e onde os estudantes poden ler un libro ou un cómic, por exemplo. Respecto a isto debo dicir que hai pouco material que fale dos incendios e o que hai xa ten uns anos, por iso creo que se trata dunha boa oportunidade para os profesionais deste tipo de literatura que poderían abordar este contido. Na feira tamén hai unha mesa dedicada ao material audiovisual e, por último, está o recuncho da experiencia no que participan tanto persoas da Facultade de Educación como xente que traballa na prevención e na extinción de incendios”, explicounos Doval ao inicio da xornada.

Mangueiras e cascos de bombeiros como ferramentas educativas

Bombeiros do Baixo Miño e axentes do Servizo de Emerxencias na Guarda, foron convidados a dirixirse ás nenas e nenos desta escola que entran con curiosidade e por quendas na sala da biblioteca. Aos máis pequenos chámanlles sobre todo a atención as fundas ignífugas amarelas e os grandes cascos cos que os bombeiros forestais se protexen do lume e, hoxe, comezan a charla. Partes dunha longa mangueira tamén percorren as mans dos alumnos que, sen reparo, responden ás preguntas dos bombeiros e de María Isabel Doval sobre os coñecementos cos que xa contan e os formatos que preferirían para falar do lume nas aulas. “Fichas non!”, sentencia un rapaz que segue atentamente a visita.

Rodrigo López é bombeiro e xefe de brigada no Distrito Forestal XVIII, o que comprende as demarcacións de Vigo e do Baixo Miño. Para Rodrigo, que visita por primeira vez unha escola para falar dos incendios, a prevención do lume no monte debería formar parte da nosa educación desde a infancia.

A prevención do lume no monte debería formar parte da nosa educación dende a infancia

 “Eu non tiña moita experiencia neste tipo de actividades, pero parecéronme moi interesantes e moi curiosas as intervencións dos nenos, que son os que protexerán os nosos montes no futuro. Esta é a mellor prevención que hai. Os encontros deberían facerse con alumnos de todas as idades. É necesario explicarlles ao que facemos fronte no noso traballo para que o teñan en conta e para que nos poidan axudar. Isto é moi importante porque a sociedade axúdanos cando hai incendios”, afirma.

David Docampo do Grupo de Emerxencias Supramunicipais na Guarda xa foi a outras escolas para falar cos estudantes sobre o lume, a súa prevención e o que se debe facer para protexerse en caso de incendio. O bombeiro asegura que nos últimos anos o coñecemento sobre os incendios nos centros educativos mellorou e tamén nas familias. “Aínda así —afirma— este tipo de actividades debe ir en aumento e se as ideas son benvidas, eu pediría que se saíse máis cos nenos ao monte, por exemplo, para mostrarlles de preto un terreo despois dun incendio e explicarlles mellor as consecuencias do fogo”.

Un profesorado con recursos innovadores á súa disposición

Ao recuncho da experiencia tamén asisten as mestras e mestres desta escola da Guarda, outro dos elementos chave na educación sobre a prevención de incendios nas escolas. E xustamente dotar o profesorado de materiais didácticos innovadores, máis interactivos e actualizados con datos científicos, é outro dos obxectivos do equipo de investigación da UVigo. “Queremos capacitar o profesorado para que poida empregar metodoloxías máis participativas e actualizarse cientificamente con contidos que teñen que ver con esta cuestión que tanto preocupa. De feito, tamén estamos levando a cabo actividades cos futuros profesores nas facultades de Educación nas que elaboramos materiais didácticos para os mestres, cos mestres”, subliña Doval.

As mangueiras dos bombeiros foron as protagonistas dunha xornada de sensibilización e formación no centro de ensino Manuel Rodríguez Sinde da Guarda.

Belén Bascoy é mestra e participa na Feira do Grande Incendio Forestal cos seus alumnos. Belén asegura que a creación de novos recursos sobre os incendios e a celebración de actividades semellantes a esta feira, serán de grande utilidade para incluír de xeito permanente a cuestión do lume nas aulas e non só cando acontece algo na contorna. “Estas accións de sensibilización e formación danme tranquilidade. Canto maior sexa a información na escola, mellor podes reaccionar se te atopas nunha situación delicada. É certo que non contamos con moito material ao respecto, pero os nenos hai que educalos desde moi pequenos sobre esta cuestión e da maneira máis axeitada”, afirma.

As escolas, centro de innovación e cambio nas comunidades locais

Como en todas as actividades de sensibilización e formación organizadas por este equipo da Universidade de Vigo nos últimos meses, contar coa opinión e as ideas dos asistentes é fundamental.  “Queremos que nos digan o que máis lles gustou e o que menos, e como mellorarían esta actividade. Para nós trátase dunha actividade piloto e, polo tanto, necesitamos probala e revisala, porque o noso obxectivo é que se leve a cabo en moitos máis centros educativos”, dinos a investigadora María Isabel Doval mentres soa unha música que anuncia o recreo e os nenos de todas as aulas corren xa cara a biblioteca para gozar do material despregado nas mesas.

Os libros que trouxo a UVigo para a actividade de hoxe quedarán nos estantes desta escola para saber ou volver consultar o que é un grande incendio forestal, para fomentar un espírito crítico sobre as informacións que nos ofrecen, por exemplo, as redes sociais e para que os centros educativos como o CEIP Manuel Rodríguez Sinde da Guarda, se convertan en centro de innovación e cambio das comunidades locais. “Son realmente un motor moi importante, e, ás veces, esquecémonos delas —insiste Doval para rematar—. Traer cousas de valor a centros de ensino como este para analizar e experimentar cos estudantes e o profesorado actividades como a Feira do GIF, é moi importante. E creo que as bibliotecas como na que nos atopamos agora, son o escenario ideal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde