“A loita contra o lume necesita dunha nova narrativa nos centros educativos”

María Isabel Doval, investigadora da UVigo, quere desenvolver novos recursos que coloquen as escolas rurais no quilómetro cero da prevención de incendios

María Isabel Doval é Profesora Titular da Universidade de Vigo e Investigadora do proxecto Firepoctep.
María Isabel Doval é Profesora Titular da Universidade de Vigo e Investigadora do proxecto Firepoctep.

Profesora titular da Universidade de Vigo e investigadora Firepoctep, María Isabel Doval séntese orgullosa de ter sentado as Ciencias da Educación á mesa da loita científica contra os incendios forestais. Coa súa participación neste proxecto, quere poñer fin á escaseza de contidos e recursos educativos relacionados co fogo nas aulas do medio rural galego, onde a problemática do lume forma parte da vida cotiá.

Con este obxectivo, Doval estableceu durante meses pontes entre diferentes axentes, desde os científicos do Firepoctep ata aqueles que viviron un incendio en primeira persoa, pasando por responsables políticos, profesionais da educación, estudantes, bombeiros, servizos de emerxencias e cidadáns de todas as idades. É o que ela define como o enfoque inclusivo e multi-actor co que se debe construír unha nova narrativa sobre os incendios nos centros educativos. Un enfoque que conta coas comunidades rurais como deseñadoras dunha estratexia na que a ciencia chegue, actualizada e en formatos accesibles, ata ás escolas que son os mellores lugares, afirma a investigadora, para comezar a loita contra o lume.

Por que é tan importante que as Ciencias da Educación participen no proxecto Firepoctep?

—Os problemas do medio rural respecto aos incendios teñen causas moi diversas, por iso a resposta debe estar feita de diferentes achegas que, xuntas, crean unha ferramenta de valor. As Ciencias da Educación poden deseñar programas que sexan panca de cambio desde lugares que poden parecer pequenos, como as escolas rurais que temos en Galicia, pero que, en realidade, son unha rede moi potente, con moitas fortalezas e cun profesorado moi bo, aínda que non sempre conta coas ferramentas necesarias.

Por todo isto, creo que é moi importante que hoxe formemos parte deste proxecto, por que, ás veces, sentimos que se nos afastou deste diálogo, que non se nos escoitou o suficiente como si se fixo coas outras ciencias. Nas facultades de Educación sabemos deseñar plans eficaces de acción e formación, sabemos chegar a estudantes e profesores, pero tamén a propietarios, comunidades de montes e grupos de acción local.

“Os grandes incendios forestais non están presentes no día a día das aulas”

Cando o seu equipo empeza a traballar neste proxecto realiza unha análise dos recursos sobre incendios forestais que están hoxe dispoñibles nos centros educativos. Cal foi o diagnóstico?

—Descubrimos que había pouco ou ningún material e o que había estaba obsoleto. Os grandes incendios forestais non están presentes no día a día das aulas, nas coreografías didácticas dos profesores e nos libros de texto que seguen sendo o principal ou mesmo o único recurso que se emprega na aula. Trátase dunha problemática que está presente na vida cotiá da xente no rural galego, pero non temos bos recursos nin para os estudantes nin para a formación do profesorado. Non tratar de maneira educativa o lume ao longo de todo o ano nas escolas é un erro.

Os incendios son un tema que ten que instalarse no discurso pedagóxico dos docentes para ter a garantía de que se está ensinando correctamente, con datos científicos actuais. Evidentemente, no ámbito rural as persoas están moi sensibilizadas con este tema, pero hai que levar novos contidos e formatos aos centros de ensino nos que se integre o traballo dos científicos cunha nova narrativa máis axeitada e actualizada, e co emprego de metodoloxías máis innovadoras e participativas.

A implicación das comunidades locais é un elemento chave no traballo de investigación que o seu grupo está levando a cabo.

—Non se pode facer nada no rural sen contar coa comunidade local e as súas escolas que son un centro de recursos impresionante, onde hai moito talento e moitas ganas de aprender e ensinar. Queremos saír dos libros de texto tradicionais, levar ás aulas os bombeiros, os científicos, os especialistas en prevención ou auto protección e auxilio. As comunidades locais tamén deben estar implicadas, hai que escoitalas e poñer en valor as súas experiencias e demandas, integralas na solución, non poden ser só fonte de información no problema dos incendios. Na nosa investigación traballamos cun enfoque inclusivo e multi-actor, onde cada un achega elementos importantes para afrontar o lume.

A investigadora María Isabel Doval quere poñer fin á escaseza de recursos sobre incendios forestais nas escolas.
A investigadora María Isabel Doval quere poñer fin á escaseza de recursos sobre incendios forestais nas escolas.

Que tipo de actividades están desenvolvendo para chegar a deseñar os recursos que se precisan nos centros de educación e para a capacitación do profesorado?

—Estamos deseñando materiais que permitan ao profesorado traballar de xeito máis innovador os avances científicos sobre esta cuestión e garantir a mellora das competencias dos alumnos. Tamén queremos fomentar o espírito crítico do docente e xerar unha actitude de análise fronte aos datos que se ofrecen sobre os incendios forestais. Tanto os actuais como os futuros mestres, terán á súa disposición os materiais educativos que desenvolvemos coa nosa investigación.

Outra actividade que realizamos cos profesores das escolas é a análise dos libros de texto para unha boa selección dos mesmos. Vimos, por exemplo, que nos libros e nas programacións do profesorado, o tema dos incendios está sempre ao final, a onde nunca se ten tempo de chegar no curso. Por último, queremos elaborar unha guía para que profesores e pedagogos, en calquera centro educativo, poidan levar a cabo este mesma análise crítica dos contidos e materiais dos que dispoñen.

“O tema dos incendios sempre está ao final dos libros, a onde nunca se ten tempo de chegar durante o curso”

A sensibilización é, xunto coa formación, outra das misións do seu grupo de investigación no Firepoctep. Como están traballando?

Levamos a cabo varias accións que, unha vez estudados e avaliados os resultados, poderían servir de modelo para ser reproducidas nas escolas ou centros de interese dunha comunidade local. No concello da Guarda, por exemplo, celebramos varias xornadas con este obxectivo. A primeira estivo dedicada a unha exposición que xira entorno á técnica “Fotovoz”, é dicir, as fotografías son o elemento facilitador para que calquera poida contar a súa experiencia e expresar a súas emocións e demandas.

Outra actividade de participación importante que desenvolvemos foi o que chamamos unha “Biblioteca Humana”, outro xeito de construír xunto cos cidadáns e profesionais da loita contra o lume, un marco positivo no que se produza unha conversación coa que desafiar os estereotipos e os prexuízos sobre os grandes incendios. Nesa biblioteca, son persoas as que están en préstamo aos lectores, non libros de papel. Establécese un diálogo e a comunidade local pasa a ser elemento protagonista do proceso.

A terceira acción que levamos a cabo nese concello da comarca do Baixo Miño, a nosa área de estudo, foi organizar nunha escola a “Feira do GIF”, é dicir, do gran incendio forestal. Celebráronse unha serie de encontros entre bombeiros da zona e servizos de emerxencia cos alumnos e o profesorado, e tamén se estableceron os recunchos do libro e do vídeo con materiais divulgativos a disposición de todos.

“Oxalá este traballo servise para defender a supervivencia da escola rural”

Cal lle gustaría que fose o resultado do traballo que realizaron desde o campo da Educación neste proxecto?

—Que nos centros educativos se impulsen actividades interxeneracionais para que persoas que viviron experiencias relacionadas cos incendios se senten a falar ao lado dun científico cos alumnos, por exemplo. Ou que a xente que está a vivir no campo logre mellorar os elementos de seguridade da súa casa ou da súa finca para protexerse, en caso de incendio, porque o aprendeu nos recursos didácticos que estamos creando para os centros educativos. A xente das comunidades locais ten que saber que é un elemento importante de cambio, un recurso moi valioso para os investigadores.

Animo a todo o que o desexe achegarse a nós se ten un relato que transmitir e para que nos coñeza tamén un pouco máis. Moitas achegas deste tipo poden ser moi interesantes. As comunidades locais son unha gran fonte de inspiración para os proxectos de investigación que levamos a cabo hoxe e tamén de cara ao futuro. Por último, sentiríame moi orgullosa se este traballo serve para defender a necesidade de garantir a supervivencia da escola rural. A escola rural axuda a crear aulas abertas onde as familias poden ter unha grande implicación, e permiten, ademais, establecer unha relación co medio, escoitalo, sentilo, gozalo e, en consecuencia, actuar para melloralo. E isto, insisto, é estar á vangarda pedagóxica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.