Ola! Andrea de volta 😊,
Cando comezaba a miña aventura en GCiencia visitei o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago (USC), situado na Rúa das Casas Reais, 5 (Santiago de Compostela). Por fóra o edificio de pedra era máxico; non me podía chegar a imaxinar o que me agardaba dentro. Documentos adquiridos, depositados ou doados. Información familiar, empresarial, eclesiástica, política e social. Dende o movemento estudantil antifranquista da cidade ao Hospital Real de Santiago, ademais dunha colección de tres millóns de imaxes, mapas, planos e cartas náuticas. Aí foi cando empecei a darme conta da importancia de coñecer onde se garda a historia.
Esta semana houbo un tema que, unha vez máis, me demostrou as oportunidades que trae consigo o azar. No Arquivo da Deputación de Barcelona estaba agochado un tesouro documental sorprendente cuxa relevancia chegaría ata Galicia: un epistolario inédito entre Micaela Chao Maciñeira —figura relevante na fundación das Irmandades da Fala— e Francesca Bonnemaison —recoñecida pedagoga, escritora e feminista catalá—. A investigadora Helena González Fernándezatopou esta correspondencia por unha casualidade: un erro levouna a solicitar un documento ao Arquivo da Deputación en vez do Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona, e a súa petición nada tiña que ver con Micaela Chao. Con todo, en canto viu as cartas, puido ver o ouro que se agochaba nelas, e que me conta nesta reportaxe.
Ela, con voz pausada e apaixonada, tiña ganas de contarme esta historia de dúas mulleres implicadas no movemento feminista do principio do século XX; unha en Galicia e outra en Cataluña. Así, ambas, a través da súa letra, lanzan unha nova mirada da historia feminista galega. Unha vez máis, o documentos enchen un baleiro ata agora descoñecido, pois é a primeira vez que se pode ver a sinatura da de Ortigueira e é un dos poucos documentos que se conservan onde se pode axexar a súa personalidade.

Na miña opinión, as cartas son extremadamente interesantes: caligrafías fermosas, relacións escritas e ideas atrapadas no papel. Así, outro epistolario que saíu á luz hai unhas semanas foi a correspondencia entre Otero Pedrayo e Cabanillas, recompiladas polo Consello da Cultura Galega. “Meu querido e ademirado amigo”, escribía o ourensán. Aquí se reflicte unha historia máis persoal: etapas históricas e vitais compartidas por dous amigos e figuras destacadas da cultura galega.
A historia tamén se garda nos museos. Era o caso do Tesouro de Caldas, unha das mostras máis importantes da ourivaría prehistórica europea, que ata principios de outubro estaba exposto no Museo de Pontevedra. Pero a historia tamén se pode roubar: é o caso das nove Xoias da Coroa de Francia do Louvre, o Tesouro de Villena de Alicante ou o presunto plan dunha banda profesional de levar o Tesouro de Caldas. Este foi o motivo polo que o tamén chamado Depósito de Silgadas foi retirado temporalmente da exposición por motivos de seguridade. Aínda agochado, é a evidencia e testemuña dos coñecementos técnicos da Prehistoria galega.

Finalmente, en ocasións e cando hai sorte, existe tamén historia viva. Bisavós, avós, tíos; só fai falta tirar un pouco do xornalista que se leva dentro para rescatar historias. E eu, que son unha amante de Baiona, a zona na que vivo, cando vin este tema que vos vou contar na miña bandexa de correo non o dubidei: quería falar con Jesús Moreira. Unha tarde puiden escoitar por teléfono a súa voz xunto á do seu fillo Diego: os dous contábanme o seu obxectivo de recuperar oCuartel de Batería de Costa J-4 de Cabo Sillero —unha localización que visitei centos de veces— en forma de espazo cultural. Por que? Hai case 50 anos Jesús realizou alí o servizo militar. Eles queren recuperar a batería, e eu quería recuperar a súa historia: como chegaba a Cabo Silleiro dende Vigo, como foi destinado alí e como era o seu día a día. Como, como, como. Agora, podes coñecer a iniciativa nesta ligazón e, se queres asinar a petición, déixoche a ligazón de Change.org aquí. Se me preguntas a min, direiche que as fotos antigas de Jesús son unha pasada; aquí che deixo unha.

É importante saber onde se garda a historia, pero máis importante aínda é non esquecela.
Agora, pasemos aos temas da semana!
⚫️ Un asteroide chamado Compostela ☄️Santiago de Compostela xa ten o seu lugar no Sistema Solar. En 2017 dous astrónomos descubriron un asteroide dende Letonia, situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter. Recentemente, o 28 de setembro, este recibiu o nome Compostela en homenaxe a un dos maiores destinos de peregrinación do mundo. Así, convértese na terceira cidade galega que dá nome a un asteroide, xunto a Vigo e A Coruña. Coñece máis aquí.
⚫️ Que poden agochar 21.000 pelos de oso pardo? 🐻 A tese de Esther Valderrábano Cano comezou coa recollida de 21.000 pelos de oso pardo cantábrico (Ursus arctos arctos) ao longo dun ano co obxectivo de descifrar, a través do ADN de restos capilares, os seus comportamentos sociais. Por exemplo, rascar o lombo contra as árbores non só alivia proídos, senón que é unha forma de comunicación; a través do olor e hormonas que quedan impregnadas na cortiza transmiten información social. Isto e moito máis podes ler na reportaxe de Laura Filloy e, se queres ver vídeos monísimos dos osos, aquí está o noso Instagram.

⚫️ Unha nova salina romana na franxa atlántica 🏛️ Os traballos arqueolóxicos no parque do Aguncheiro (Oia) sacaron á luz unha pequena parte dunha salina da época romana cunha extensión estimada provisional de 4.000 m2. “En todo o Imperio Romano non se coñecen unhas salinas tan ben conservadas como as da costa galega; aparecen por ducias”, conta o director científico do proxecto e investigador do CSIC Brais X. Currás a GCiencia. Non apareceron materiais, pero si pavimento e restos dos muros que delimitaban os tanques de cristalización do sal. A investigación continuará na primavera de 2027, pero mentres podes ler o noso artigo nesta ligazóncos primeiros resultados.

⚫️ A historia interactiva dos incendios de Galicia 🔥 A deseñadora de información Isabel Burón Dios crea un único mapa interactivo para narrar os episodios máis escuros da historia galega recente. A aplicación Chama permite descubrir incendios a través dunha liña cronolóxica e comparte información sobre eles, como o número de focos de calor detectados por satélite, a superficie queimada, a velocidade estimada de propagación, o risco meteorolóxico e as emisións de CO2. Podes ver máis aquí.

Recomendación semanal 🪶
A miña terceira opción de carreira sempre foi Historia da Arte. Dende pequena chamábame a atención unha réplica de El Beso de Gustav Klimt na habitación da miña tía. Co paso dos anos comeceime a interesar e a coleccionar algúns libros da editorial TASCHEN que falaban de artistas, ademais dos que tratan outra das miñas artes favoritas: o cine. Por iso, a miña recomendación semanal reúne arte e arquivos nunha película.
The Monuments Men cautivoume dende o primeiro momento en que a vin. No meu Letterboxd —unha rede social para puntuar pelis— ten cinco estrelas. Narra unha historia real con gran liberdade artística: en 1943, durante a Segunda Guerra Mundial, as forzas aliadas crearon o Programa de Monumentos, Arte e Arquivos para recuperar arte e protexer edificios históricos e monumentos da destrución que estaban a provocar os nazis en Europa. Esta cinta conta a misión dende os seus inicios e dende dentro. Tras a guerra, localizaron e recuperaron arredor de 5 millóns de pezas roubadas polo exército de Hitler.
Perfecta para esta finde de chuvia!

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.













