Dúas xeracións únense para rescatar do abandono a historia da batería militar de Cabo Silleiro

Jesús Moreira, quen realizou o servizo en 1971, e o seu fillo Diego impulsan unha recollida de sinaturas para converter o antigo cuartel nun espazo cultural

O vigués Jesús Moreira ía empezar a estudar na universidade, pero os seus sonos foron truncados. El convertiríase nun dos moitos mozos do país que tiveron que realizar o servizo militar obrigatorio, tamén coñecido como “mili”; Jesús non estaba obrigado, pero por medo de que lle mandaran loitar a África, os seus pais decidiron que a elixira de forma voluntaria, aínda que forzada. Tras dous anos de instrución en Figueirido e un mes en Pontevedra, trasladáronno a un enclave máxico que aínda lembra: o Cuartel de Batería de Costa J-4 de Cabo Sillero, no concello de Baiona, ao que chegou no ano 1971. Agora, case 50 anos despois, dúas xeracións tratan de recuperar a súa historia a través dunha iniciativa para salvar as lembrazas do abandono.

Jesús Moreira, xunto ao seu fillo Diego, lanzaron unha recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org onde informan da súa vontade de devolver á vida a batería, que foi abandoada en 1980. No momento de escribir esta información, a petición conta con 200 sinaturas verificadas para converter as ruínas nun miradoiro, crear unha ruta e espazos colaborativos, iniciar visitas guiadas e ata adecuar as galerías subterráneas para transformalas nun museo. A inspiración vén de exemplos como a Batería de Castillitos (Murcia), Formatela de la Mola (Menorca) ou a Sasso San Gottardo na cordilleira dos Alpes Suízos. Así, os Moreira están dispostos a dalo todo por manter en pé os seus recordos: “Meu pai perde 10 anos cando está alí”, conta o fillo.

Publicidade

Dúas xeracións e un cabo

Jesús Moreira no posto de garda de Cabo Silleiro. Foto: Diego Moreira
Jesús Moreira no posto de garda de Cabo Silleiro. Foto: Diego Moreira

A primeira xeración en vivir o Cuartel de Batería de Cabo Silleiro dende dentro foi Jesús Moreira. “Cando comecei, facía horarios de noite e gardas”, sinala o antigo habitante das ruínas. En ano e medio, realizou arredor de 90 gardas. O día dos recrutados iniciaba facendo filas, e despois cada militar comezaba o seu traballo asignado: “Eu ía aos túneles: coidaba da humidade e de que as pezas estiveran limpas; no tempo que estiven, pintáronse dúas veces”. Jesús tamén manexaba pólvora e balas de cañón polos pasadizos subterráneos, onde había vías con vagóns para transportar as mercancías polos aproximadamente 200 metros de galerías. A súa segunda labor era transmitir a rutina do día a día por mensaxes a través do telégrafo. “Son moitas lembrazas as que teño; de noite, cando o faro se iluminaba, aquilo era fermoso”, narra.

Dende a súa casa, en Vigo, collía un autobús ATSA no barrio das Traviesas cara á vila costeira de Baiona, a última parada do traxecto. Son cinco quilómetros os que a separan do cabo, un longo percorrido que, cun macuto enriba, custaba. Con todo, Jesús conta que xa fora un compañeiro da mili que viaxara en moto ou o autobús que se dirixía á Guarda, sempre paraban e lle levaban ata Silleiro. Alí, deixábanlle na estrada que percorre a costa e emprendía a súa vía pola montaña: “Xa había un caminiño feito na herba de toda a xente que pasaba”, lembra Jesús Moreira, así como recorda os nomes dos seus oficiais, o capitán Traseiras e o sarxento Vilán.

Anos máis tarde, a historia de Cabo Silleiro pasou a unha nova xeración, o seu fillo Diego: “Coñecín os túneles pola miña conta, con amigos, como unha aventura“. As galerías da batería militar J-4 pecháronse en 1998, cando o recinto fechou ao público para evitar accesos non autorizados. Agora, volven os dous xuntos ata este enclave máxico para rexuvenecer os días do pai: “Percorrimos todas as galerías, de arriba a abaixo, e en canto meu pai vía algo, lembraba todo o que vivira”, sinala. “Seguro que a máis xente que realizou o servizo militar alí coma min lles ocorre o mesmo“, responde Jesús Moreira con entusiasmo.

A historia de Cabo Silleiro

Compañeiros en Silleiro. Foto: Diego Moreira
Compañeiros en Silleiro. Foto: Diego Moreira

A Batería de Costa J-4 de Cabo Silleiro foi construída nos anos 40 tras a Guerra Civil para defender a entrada sur da ría de Vigo cos seus catro imponentes cañóns Vickers. Hoxe é considerada unha xoia da arquitectura e enxeñaría militar subterránea, con túneles, barracóns e telemetrías. Ademais, tamén é un enclave visitado polos turistas da zona, sobre todo pola instalación dun restaurante e a transformación do fermoso faro nun hotel nas súas inmediacións. “Cando comezaron a abrir estes servizos, levanteime e pensei que unha iniciativa como a nosa pagaría a pena”, explica Jesús Moreira.

Isto nace sobre todo tras a visita do seu fillo a uns búnkeres conservados en Suíza, converténdose así na súa principal aspiración para o proxecto. “Aquí todo o mundo queda cunha sensación de mágoa polo seu estado de conservación; alí, cada metro de parede de túnel está patrocinado por empresas e familias que queren pagar por ter un sitio nel”, explica Diego Moreira, quen sinala que a el lle encantaría ter un oco nas galerías da batería J-4 co seu pai. Ademais, a Sasso San Gottardo —o enclave exemplar— tamén conserva as cámaras principais, onde realizan exposicións itinerantes de arte e minerais, e os niveis inferiores están a escuras para vivir unha experiencia inmersiva.

Con todo, o abandono e o vandalismo son as principais feridas de Cabo Silleiro: “As miñas son lembranzas imborrables; cando veo os entullos, cáeme a alma ao chan“, conta Jesús Moreira. O seu fillo Diego explica que, aínda que as estruturas se manteñen en pé, cada vez hai máis pintadas e, ao pechar tan só con cerrados oxidados, a xente segue a entrar e vandalizar o espazo. Pero detrás dos toxos hai curiosidades aínda por contar, como que algúns dos cañóns da batería proceden dun barco; agora, están deteriorados e a súa visita non é segura. Non obstante, sinalan que todo é recuperable: por iso, elaboraron un plan que lanzan en forma de petición.

Múltiples vías de recuperación

Pai e fillo inician un proxecto de como podería recuperarse este patrimonio único para o desfrute de todos os visitantes, con diferentes vías de recuperación. Dúas das medidas máis importantes e, na súa opinión, sinxelas de realizar serían: por unha banda, crear un miradoiro na Batería N.º 4 acondicionando o seu acceso e instalando paneis interpretativos onde identificar enclaves no horizonte, como as illas Cíes, Estelas, Polveras e os faros Silleiro e Pequeno; e, por outra, recuperar os camiños históricos exteriores para conectar as catro baterías e os faros nun percorrido costeiro seguro. Outra das ideas é facer visitas guiadas con historia viva: “O momento é este, xa que aínda hai quen pode contar a súa experiencia e as súas anécdotas do día a día, como meu pai”.

Impulsan tamén ideas para levar a cabo a longo prazo, como dar unha nova vida aos edificios exteriores en forma de salas polivalentes para exposicións, relatorios, reunións e eventos culturais; ou, como ambición principal, adecuar as galerías subterráneas para exposicións permanentes e visitas activas de exploración polos seus túneles, salas de poleas e antigos postos de mando, ademais de recuperar os postos de telemetría nas rochas para actividades de aventura.

  • Antes e despois do miradoiro da Batería N4. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois da restauración dos cañóns. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois dos arcos exteriores. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois dos posibles espazos colaborativos. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois das exposicións interiores. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois das galerías subterráneas. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois edificios dos arredores. Foto: Diego Moreira
  • Antes e despois das zonas de exploración. Foto: Diego Moreira

“A alternativa de non investir para facer algo porque non é bo momento, é deixar que se destroce“, apunta o novo dos Moreira, quen percibe unha clara deterioración nos últimos 20 anos. Así, o seu obxectivo é abrir Cabo Silleiro a toda a xente que queira, a fin de coñecer a súa historia ao público xeral, ademais de realizar actividades con colexios a clubes de montaña. Agora, toca a esperar para notar o apoio de quen quere ver renovado o Cuartel de Batería J-4 de Cabo Silleiro e demostrar que é “moito máis do que a xente pensa”.


Podes acceder á petición de Jesús Moreira na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha autopista de humidade acende en Galicia alertas laranxas e amarelas por chuvia e vento

A sucesión de borrascas atlánticas deixará máis de 50 l/m2 en menos de 12 horas no oeste da comunidade e refachos de ata 100 km/h

Unha curtametraxe sobre os tesouros agochados baixo o mar da Mariña-Ortegal conquista Donosti

O biólogo focense Carlos Gil dá a coñecer a biodiversidade dos fondos galegos cun galardón no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián

Os premios Zendal galardoan avances en terapia xénica e diagnóstico de infeccións no gando porcino

A VII edición do certame recoñece dous proxectos de investigación que abren novas vías fronte a enfermidades priónicas e o uso responsable de antibióticos en animais

Tecnoloxía e psiquiatría únense para crear un banco de datos para investigar a saúde mental na adolescencia

Un equipo de atlanTTic, xunto con profesionais sanitarios, desenvolve VisIA-Q, un conxunto de información clínica e psicométrica de 207 adolescentes