Faro de Silleiro: unha sentinela na fin do mundo

Inaugurado en 1866, foi reconstruído en 1924 para ser o faro máis moderno de España e agora quere ser destino turístico

En cabo Silleiro érguese un dos faros máis espectaculares de Galicia. Construído en 1866, o edificio actual data de 1924. Situado a 85 metros de altura, ofrece vistas incribles sobre o Atlántico e as illas Cíes. A súa potente luz de 3.000 watts pode verse a corenta millas de distancia. E aspira agora a converterse nun aloxamento turístico único, coas obras que realiza a Autoridade Portuaria de Vigo para transformalo nun hotel singular.

O faro de cabo Silleiro, no entrada sur da ría de Vigo, foi un dos emblemas da renovación dos sinais costeiros de Galicia que se acometeu a mediados do século XIX. Desde a Torre de Hércules, que din que foi levantada no século I en tempos do emperador Augusto, non volveran construírse faros na costa galega.

Publicidade

Dezanove séculos máis tarde, no fondo da ría viguesa levantábase o primeiro da modernidade. En abril de 1944 inaugurábase o vello faro da Guía, para axudar ao tráfico ata o lazareto de San Simón, que fora inaugurado en 1838. Aquela primeira luz empregaba unha lámpada de aceite, que foi logo substituída polo petróleo. En 1914, sería reemprazado pola actual construción que máis tarde incorporaría a electricidade.

O de Silleiro chegou pouco tempo despois. Antes, en 1853, inaugurábanse o de Fisterra e o das illas Cíes. Este último, pola falta de subministración eléctrica utilizou un destellador de acetileno dende 1939 ata moi avanzado o século XX.

Publicidade

A linterna do faro de cabo Silleiro foi restaurada no 2019.

Pouco máis tarde, en 1866, chega en Silleiro a terceira entrega dos faros de Galicia. Foi construído na parroquia de Baredo, en Baiona, cunha lámpada de mecha que utilizaba aceite vexetal como combustible ata que, en 1909, incorporaron o petróleo.

O edificio actual data de 1924. O 8 de agosto daquel ano, celébrase a magna inauguración dun “edificio de construción recente, dotado de todas as comodidades, e faro de primeira orde con lanterna oblicoidal sendo a primeira deste sistema instalada en España e de construción nacional”, explica na súa crónica El Pueblo Gallego.

“Ten un basamento con flotador de mercurio e o aparello componse de seis lentes catadriópticas”, que producen “escintileos lóstregos” cada quince segundos. O cronista afirma que o seu queimador de petróleo xera unha intensidade “de trinta mil buxías”, cun alcance de 33 millas.

Nova do incendio no faro de Cabo Silleiro en 1924 en El Pueblo Gallego.

Poucos meses despois, en decembro de 1924, rexistrábase un incendio. Mentres os torreiros Antonio Bruno e Ildenfonso Ruiz prendían o faro, “un quinqué desprendido dun cravo” fixo explosión e as lapas alcanzaron os depósitos de aire comprimido e petróleo. Os torreiros, axudados polas fillas do primeiro (toda a familia vivía no faro), “con sen igual afouteza conseguiron apagar o lume”, aínda que todos resultaron con diversas queimaduras.

Durante un tempo, tivo que funcionar o faro auxiliar, mentres El Pueblo Gallego pedía a instalación dun teléfono “que tan grandes beneficios daría a esas familias afastadas desta vila”.

No ano 1924 foi reconstruído coa tecnoloxía máis avanzada e tamén padeceu un incendio

O faro foi electrificado en 1960, cando lle foi instalada unha lámpada de 3.000 watios, con alcance ata corenta millas con tempo despexado. Antes, dotáraselle dunha buquina para os días de néboa e dun transmisor de radio con alcance ata as duascentas millas náuticas.

Agora, a Autoridade Portuaria de Vigo está a reformar o faro de Silleiro para acoller turistas. A cúpula de nove toneladas de peso foi retirada, restaurada e recolocada a finais do ano 2019. E, desde as alturas do confín da ría de Vigo, os seus hóspedes poderán lembrar a Xulio Verne, o escritor que visitou esta ría en dúas ocasións, e sentirse como no faro da fin do mundo.

1 comentario

  1. Bo artigo Eduardo. Quixera puntualizar que o faro non está en Baredo (Baiona). Está en Mougás OIA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro