Domingo 28 Abril 2024

‘Augusta’, a corveta prusiana que amagou cunha guerra en Vigo

En xaneiro de 1871, este barco provocou en Vigo un incidente e un bloqueo naval francés que revolucionou a cidade

Vigo foi un niño de espías tanto na Primeira como na Segunda Guerra Mundial. Aquí enredou Mata Hari e aquí houbo unha activa base de submarinos Uboot durante as dúas contendas. Tamén estivo neste porto galego o cruceiro Aurora na Guerra Ruso-Xaponesa, que remataría por ser a espoleta da Revolución Soviética. Pero moito antes diso, aínda no século XIX, a cidade foi protagonista noutra guerra europea, un anticipo das conflagracións do século seguinte: a Guerra Franco-Prusiana. E un episodio nas rúas viguesas dacabalo entre 1870 e 1871 chegou a provocar unha crise internacional.

Todo empezou o 27 de decembro de 1870, cando facía a súa entrada na ría unha corveta de vapor: a prusiana Augusta, cos seus dez canóns e os seus 248 tripulantes. A súa intención era carbonear, aproveitando a neutralidade española. E a mariñeiría enseguida fíxose popular polas rúas de Vigo, onde descansaron varias semanas, en parte obrigados porque, máis aló das illas Cíes, patrullaban os buques franceses.

Publicidade

O canciller prusiano, Otto von Bismarck.

A Guerra Franco- Prusiana desatárase medio ano antes cando o autoproclamado emperador Napoleón III quixo anexionar Luxemburgo a Francia. En Prusia, o chanceler Otto Von Bismarck non tolerou a afronta e declarou a guerra. O resultado final sería a humillación completa de Francia, con París asediada polos prusianos. Tamén, a caída do Segundo Imperio e do petulante Napoleón III, para dar paso á III República Francesa, que duraría ata a ocupación alemá en 1940. E, como consecuencia final, aquela pequena guerra, que durou menos dun ano, remataría coa creación do Imperio Alemán, ao unificarse Prusia cos poderosos estados do sur, Baviera incluída. Moitas noticias para Europa en moi pouco tempo.

Pero, cando a corveta Augusta entra na ría de Vigo aquel decembro, poucos intúen o cambio xeopolítico que está a piques de suceder. Os visitantes prusianos viven en guerra e o seu único obxectivo é permanecer na ría para non verse acosados pola frota francesa.

Con todo, tres semanas máis tarde, o 14 de xaneiro de 1871, entra na ría a fragata francesa Honorine. É un buque moito máis grande que o Augusta. Ten 15 canóns e unha tripulación de 580 homes. Mariñeiros dun e doutro barco, inimigos declarados, coinciden polas rúas e tabernas de Vigo. E a situación faise insoportable, con continuas liortas e provocacións.

Outra imaxe da corveta prusiana Augusta.

O 23 de xaneiro, o Goberno ordena que veña a Vigo o buque de guerra español Fernando El Católico, para manter a paz. Pero ese mesmo día fan a súa aparición outros dous buques franceses: a fragata Valeureuse e a goleta Klever. A tensión é tan enorme que se ten que desprazar á cidade o Capitán Xeral de Galicia para tentar manter a calma.

O Augusta prusiano é un buque cunha historia curiosa. Porque, en realidade, fora construído en Francia. Foi un encargo secreto en 1860 dos Estados Confederados de América a uns estaleiros de Bordeus. Para disimular ante os seus aliados Federados, os franceses dixeron que o buque fora encargado por Xapón. De feito, puxéronlle un nome xaponés: Yeddo. Pero en realidade ía chamarse Mississipi. Cando se descubriu o engano, Napoleón III non tivo outra opción que disimular e rematar por vender o barco aos prusianos, quen precisamente serían os seus inimigos só unha década máis tarde.

Aquelas semanas en Vigo, a tripulación do Augusta provocaba nos bares á dos franceses Honorine, Valeureuse e Klever. Falamos de máis de mil mariñeiros polas rúas da cidade, ademais dos oficiais que frecuentaban hoteis e círculos recreativos. Ee cando en cando, os prusianos amagaban con prepararse para zarpar, o que provocaba a alerta do inimigo, que facía o mesmo. Aquel xogo do gato e o rato era vixiado polo buque de guerra español Fernando El Católico, mentres os vigueses temían que se desatase unha batalla naval en plena ría.

Finalmente, pasaron as semanas e o 30 de xaneiro de 1871 asinábase a Paz de Versalles, que poñía fin á guerra. A humillación de Francia era completa, porque ademais da derrota tamén incluíu ceder a Alemaña os territorios de Alsacia e Lorena, o que explica que en Estrasburgo aínda hoxe falen un dialecto alemán. Aquilo sementou tamén os rancores abominables que logo se verían nas guerras mundiais e as súas humillantes rendicións asinadas nun vagón de tren.

Pero a corveta Augusta foi allea a todo isto. Deixando en Vigo aos tres buques de guerra franceses, vitoriosa e alegre a toda máquina, botando fume cara ás illas Cíes, deixounos o 1 de febreiro de 1871, tras unhas semanas de tensión bélica que estiveron a piques de rematar en traxedia.

1 comentario

  1. O alsaciano remonta o seu primeiro uso documentado a idade media , S IX, non e froito dunha ocupacion de fai 150 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses