Os segredos da lonxevidade

“Xa podo morrer”, di miña avoa cun sorriso pillabán. Eu míroa con atención, contendo a risa. Analizo a súa mirada brillante, as feridas da artrose nos dedos e as poucas engurras da súa cara. As dúas sabemos que lle prohibín morrer. Si, prohibinllo hai uns anos, como se marchar deste mundo estivese nas súas mans. O veto só se levantaría se chegaba aos 100. Estiven tranquila todo este tempo porque a miña avoa nunca incumpriría a nosa promesa. Nunca. Pero agora xa non depende de nós: este luns 9 de novembro, Saludina fixo 100 anos. Non mo podo crer, aínda que sei que as matemáticas non fallan: naceu en 1926. Como é posible, pregúntome. Como é posible que non sexa eterna.

Moitas persoas senten curiosidade por saber por que a miña avoa chega aos 100 anos en tan bo estado de saúde, fóra dos achaques propios da idade. Sobre todo, como é posible que conserve unha memoria tan lúcida á que non se lle escapa un só detalle. “Cadroulle”, di ela, con esa mestura de indiferenza e humor que tanto a caracteriza. Sen sabelo, está a usar o mesmo argumento que utilizaría a ciencia: dende logo, tocoulle a lotería xenética. Despois reflexiona e admite que chegar aos 100 anos debe estar relacionado co moito que traballou ao longo de toda a súa vida. Foi labrega, nai e avoa a tempo completo. Sempre a recordo sachando na horta, levando as ovellas á “veiga da eira” e dándolle de comer á súa manda de galiñas.

Publicidade

Sen sabelo, miña avoa resume con acerto os consellos de moitas voces expertas. Ela sabe de sobra cal é o segredo da lonxevidade: unha boa xenética, a dieta atlántica, o exercicio físico e, como non, o propio azar. Este é o resumo dunha cuestión multifactorial e moi complexa, pero é a mensaxe que transmiten voces como a do cardiólogo José Ramón González Juanatey. “O estilo de vida é clave na promoción da saúde cardiovascular: os prospectos melloran moito deixando de fumar, facendo exercicio de forma regular, coidando a alimentación —eliminando os ultraprocesados e a cantidade de azucre que consumimos— e priorizando produtos locais”, declara nunha entrevista publicada esta semana en GCiencia. 

E non é iso o que fixo a miña avoa ao longo da súa vida? Nunca fumou, sempre tivo unha vida moi activa e de duro traballo físico, apenas comeu azucre e ultraprocesados —agora na vellez, si, para que mentir— e a base da súa dieta sempre foron os alimentos que ela mesma cultivaba. “Hai que promover a dieta atlántica e o exercicio, con independencia da idade”, apunta Juanatey. E iso fixo Saludina sen saber que chegaría aos 100 anos. 

Miña avoa acaba de entrar nun club reducido e privilexiado. En xeral, sempre gozou de boa saúde e, coma ela, moitas outras persoas que superaron a barreira dos 100. O caso de Galicia, como revela a hemeroteca de GCiencia, é particular. Un estudo recente do profesor José María Faílde sinala unha área xeográfica entre Pontevedra, Lugo e Ourense con elevadas taxas de persoas centenarias. É unha zona predominantemente rural e onde a cantidade de mulleres con máis de 100 anos supera con creces á dos homes. Algo hai aí, nese territorio ao que pertence a miña avoa, que merece ser estudado.

O interese por atopar os segredos da lonxevidade non é particular, senón que transcende mesmo ás administracións. O 2 de outubro deste ano, a Xunta publicou a orde pola que se creou e regulou o Rexistro Galego de Persoas Centenarias (Regace). Foi cualificado polo goberno autonómico como “proxecto pioneiro” para obter información sociodemográfica, clínico-epidemiolóxica e estatística para entender que hai detrás da lonxevidade e, ao mesmo tempo, mellorar a atención sanitaria deste colectivo. As cifras explican a importancia para Galicia deste tipo de iniciativas: é a comunidade con máis centenarios do Estado. Estímase que hai unhas 1.800 persoas, que representan o 10,7% da poboación con máis de 100 anos de toda España. 

Coido que miña avoa, cando analizou os factores detrás da súa idade avanzada, se esqueceu de mencionar o seu patrón de alimentación. Expertos e expertas de Galicia veñen reclamando dende hai anos a importancia da dieta atlántica na lonxevidade. En agosto de 2025, publicamos unha reportaxe sobre a alimentación dos centenarios ourensáns apoiándonos nun estudo no que participaron diversas institucións galegas. Nel analizaron os hábitos nutricionais de 156 maiores da provincia e atoparon dúas claves: o consumo de produtos frescos e a escaseza de ultraprocesados.

En concreto, consómense moitas berzas, grelos e brócoli, así como tomates, cebolas e legumes. Tampouco faltan froitas variadas como as mazás, as peras e as cereixas. En canto á carne, a máis consumida é a de porco, e no que respecta ao pescado, óptase máis polo azul, como sardiñas e xurelos. Por suposto, as patacas e o leite son alimentos imprescindibles. Este patrón de alimentación tamén está marcado pola ausencia do consumo de alcohol ou, como moito, viño tinto caseiro de forma ocasional. Amais do que coman, son persoas independentes, con benestar emocional, con sólidas redes familiares e rutinas activas, case sempre vinculadas ás súas hortas. Esta descrición xeral é, para min, un retrato fiel da miña avoa.

Eu non vou atopar as claves da lonxevidade, nin neste artigo nin en ningún outro que poida escribir. Se miro a Saludina, talvez adiviñe algúns consellos que poida integrar no meu día a día, pero o contexto non é tan doado. Teño un traballo sedentario, vivo na cidade e todo o que consumo —agás polo que cultivan meu pai e miñas tías na horta— vén do supermercado. O estilo de vida é diametralmente oposto. Hai tráfico nas rúas, apenas desfruto da natureza no día a día e as relacións interpersoais cultívanse cando se pode. O estrés é o fío condutor de cada xornada, de sentir que unha non chega, non dá, non pode. 

A vida da miña avoa non foi doada, como a de calquera outra nena da guerra. Non podo comparala coa miña, en ningún dos sentidos. Foi filla de emigrante e da viúva dun vivo que faleceu en Cuba. Saludina foi labrega extenuada e muller preocupada, atenta e, sobre todo, avoa. Levábame ao “caseto” do autobús, dábame o almorzo, subía na carreta chea de herba, apañabamos castañas e mesmo intentei facer os meus propios regos na horta. Miña irmá sempre a acompañou máis e foi máis rural ca min, pero as dúas miramos sempre a nosa avoa con admiración, con necesidade, como se non puideramos entender a vida sen ela. 

En realidade, non entendo a vida sen a avoa. Sen avós, en xeral. Sen os meus avós Manolo e Alicia, que xa non están. Sen as historias que tanto me gusta escoitar do meu avó Paco, que xa ten 96 anos e unha saúde de ferro. Que afortunada son de medrar con eles, de desfrutalos e de conservar tantas lembranzas ao seu lado. 

Os catro son (e foron) lonxevos. Homes e mulleres do rural, atravesados pola posguerra, a emigración e o dó. Que fortaleza, penso sempre. Que admirable fortaleza.

Agora si, imos cos temas da semana!


⚫ A xenética do can de palleiro 🐾 Un dos temas máis interesantes da semana é o estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) para descifrar a xenética do can de palleiro. A principal conclusión é que ten unha “constitución xenética singular e diferenciada” respecto doutras razas. A análise do seu ADN tamén revelou unha elevada diversidade, unha moderada consanguinidade e 10 marcadores que permiten reforzar a súa conservación.

O obxectivo do estudo presentado en Veterinaria foi caracterizar xeneticamente o Can de Palleiro mediante información xenómica, avaliando a súa diversidade xenética, estrutura poboacional, consanguinidade e tamaño efectivo da poboación. Foto: Club raza can de palleiro
Un cachorro de can de palleiro.

⚫ Querido amigo 📬 Este tema responde a unha predilección persoal polos intercambios epistolares. Non me escondo. Esta semana, o Consello da Cultura Galega publicou en aberto varias cartas de Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas, e das que se deduce unha forte amizade e complicidade intelectual. É unha marabilla. 

⚫ Case medio millón de galiñas 🐓 O concello pontevedrés de Agolada está no punto de mira. Ao proxecto dunha macrogranxa de 365.000 galiñas súmase agora un novo con 80.000. A veciñanza alerta dos problemas de saúde humana e medioambiental que se poden derivar destas dúas iniciativas e mostran unha preocupación evidente polas similitudes coa Limia, unha comarca con forte presión gandeira. Así o analiza a miña compañeira Noelia.


Recomendación semanal 🪶

Sempre sentín fascinación pola historia de María Estuardo, Anastasia e Sissi. Non me preguntes por que. Estou a ler a biografía de María Estuardo escrita por Stefan Zweig e a película de animación Anastasia —si, son consciente das críticas— é para min un bálsamo da miña infancia. Gustaríame ler algo sobre Sissi, pero xusto este xoves saíu a nova e última temporada da serie La emperatriz. Encantáronme as dúas primeiras, sen entrar a valorar o seu rigor histórico. Déixovos estas recomendacións, por se vos apetece algo de entretemento para esta fin de semana de chuvia. 


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Juanatey: “O maior reto da saúde cardiovascular en Galicia é o envellecemento activo”

O cardiólogo Juanatey, líder do proxecto New Heart na comunidade galega, explica como investigan as doenzas cardiovasculares e resalta a importancia da promoción dun estilo de vida saudable

Buscar e atopar

Unha rara bolboreta nocturna, un tesouro galego baixo a auga e un buque oceanográfico cara á Antártida. Por Andrea Veiga

Ciencia para todo

A divulgación científica rigorosa e de calidade é máis importante ca nunca. Por Laura Filloy

Deixar atrás o tabú

O desabastecemento de fármacos contra a menopausa afecta a 400.000 mulleres en España. Por Andrea Veiga