O can de palleiro é unha das catro razas caninas autóctonas que existen en Galicia, xunto ao perdigueiro galego, o podengo galego e o guicho ou quisquelo. Durante décadas, púxose en dúbida a súa ‘pureza’ e cuestionouse se se trataba dunha raza en si mesma ou se, pola contra, era unha mestura doutras. A ciencia xa ten unha resposta: “O can de palleiro ten un patrimonio xenético propio e diferenciado“, declara o investigador Paulino Martínez.
É catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e líder dun estudo que vén de constatar que existen riscos xenéticos polos que é posible distinguir e identificar os cans de palleiro. Este traballo partiu de 2.890 rexistros de ata cinco xeracións destes animais recollidos no seu libro xenealóxico, do que é depositaria a Consellería de Medio Rural. Deses case 3.000, tiñan a información xenética de máis de 400. “Un total de 396 animais estaban xenotipados para facer un seguemento da súa paternidade. Deles, nós seleccionamos 192 que serviron como mostra representativa da raza”, explica Martínez.
As cifras da poboación de can de palleiro en Galicia están lonxe do ideal, mais deixan atrás os tempos nos que quedaban ao bordo da desaparición. A finais do anos noventa impulsouse un programa de recuperación das razas autóctonas de Galicia que tivo como resultado a creación do estándar racial e o libro xenealóxico do can de palleiro. Existiron estudos previos en torno a este animal que, entre outros, determinaron elementos diferenciados do seu carácter, como que son menos agresivos que outras razas. Así e todo, este estudo céntrase nunha caracterización xenética do can de palleiro que analiza a información do seu ADN, a súa diversidade xenómica e a consanguinidade entre a súa poboación.
O can de palleiro, unha raza galega
O can de palleiro é o animal de pastoreo galego por antonomasia. Das catro razas autóctonas, é a única que non se destina á caza, senón ao acompañamento e coidado do gando. Porén, esta asociación coa gandería galega é parte do declive que experimentou nos anos que precederon as súas iniciativas de recuperación. O Club Can de Palleiro declarou a GCiencia nunha entrevista que “cada vez hai máis explotacións gandeiras extensivas e menos de tamaño pequeno, que é nas que se usa o can de palleiro como pastor”. A organización fundouse en 2002 co obxectivo de loitar pola defensa e a recuperación da raza.
Dende o Club Can de Palleiro xa apuntaban naquela conversa que este tipo de can contaba con características diferenciadoras en canto ao seu comportamento: “Distínguese moi ben das outras tres razas autóctonas, que son todas de caza. Máis alá da morfoloxía, ten un carácter moi axeitado para o pastoreo e a garda. É un can moi familiar que coida do seu territorio, ten movementos áxiles e é moi intelixente, polo que resulta fácil adestralo”.
Un patrimonio xenético diferenciado
As pistas xa estaban aí: un carácter apacible, unha inclinación clara cara ás actividades de pastoreo, unha morfoloxía identificable… Quedaba definir se o can de palleiro era, en efecto, unha raza perfectamente distinguible doutras en base ao ADN. A resposta chegou da man do estudo que vén de presentar o catedrático Paulino Martínez: é a confirmación da existencia dunhas características xenéticas propias que permiten separar este can doutros.
A investigación analizou, entre outras, mostras poboacionais de pastor alemán, border collie, golden retriever, kelpie australiano e can de aldea vietnamita. “Sempre se dixo que o pastor alemán é a raza máis próxima ao can de palleiro; pénsase que puido vir de cruces con el. Nós preguntámonos: é realmente distinto do pastor alemán, ou non?“, apunta Martínez. A resposta a esta cuestión é clara: “Nos resultados puidemos identificalos perfectamente por separado“, declara. O investigador engade que hai un pequeno grao de “contaminación” co pastor alemán, situación que califica como “normal e habitual”, e incide en que todos os individuos puideron diferenciarse.
A comparación das diferentes razas levouse a cabo en base á análise de 10 marcadores xenéticos que o estudo identificou como representativos do can de palleiro. “Reunimos unha mostra con individuos de varias razas que fora representativa da especie canina, no seu conxunto, e estudamos se se poderían distinguir os marcadores que seleccionamos no can de palleiro. Vese que non hai confusión: poden diferenciarse doutras razas”, asegura o catedrático da USC.
Marcadores xenéticos clave
O equipo que levou a cabo a investigación empregou para iso un chip de SNP (polas súas siglas en inglés Single Nucleotide Polymorphism). Son unha ferramenta de laboratorio que permite analizar de xeito simultáneo unha grande cantidade de variacións xenéticas. “O xenoma dun can conten uns 10 millóns de SNPs; nós seleccionamos 770.000 que posúen características técnicas e robustas que permiten levar a cabo unha identificación fiable”, explica o líder do estudo.
A través dunha serie de programas informáticos e estatísticos, o equipo filtrou os marcadores ata reducir a mostra a uns 500.000. “Despois diso, cruzamos a nosa información coa doutra compañía e da cifra total só quedamos con 33.000 SNPs. Aínda que fixemos unha redución ampla, trátase dunha cantidade moi importante“, aclara Martínez. Esta base serviu para realizar a caracterización para diferenciar a raza dende o punto de vista xenético.
Entre os identificadores que atoparon, o catedrático da USC resalta dúas rexións localizadas nos cromosomas cinco e 33, asociadas á cor da capa. “Esta información permitirá levar a cabo cruces controlados. Por exemplo, dende o Club Can de Palleiro están interesados en rastrexar coloracións máis raras que o amarelo, como o alobado ou o marrón, para evitar perdelas”, sinala Paulino Martínez.
Estas diferenzas xenéticas entre razas tamén permitirán desenvolver paneis de marcadores accesibles que poidan identificar a raza dun can de xeito fiable e máis económico que outras opcións de análise molecular.
Unha alta diversidade xenética
Os resultados da investigación apuntan que o can de palleiro ten unha elevada diversidade xenética e que se atopa no rango superior de entre as razas estudadas. “A diversidade xenética é a base para a selección de individuos; é importante presentar alelos [formas alternativas dun mesmo xene que marca unha característica específica do corpo] que determinen unha variación xenotípica“, sinala Paulino Martínez.
O catedrático lembra que hai poboacións de can de palleiro que son moi pechadas, o que favorece a redución da diversidade xenética. Se este illamento de novos factores xenéticos se mantén, o resultado é unha limitación da variación nos xenes.
Unha consanguinidade moderada
Outra das boas noticias que achegan os resultados do estudo é que a consanguinidade —a relación entre individuos con antepasados comúns— dos cans de palleiro é moderada. “Atópase nun estado similar ao que ten a rubia galega agora mesmo”, indica Martínez, e aclara que se trata dun nivel con bos prospectos para a viabilidade da especie.
Esta variable determinouse analizando segmentos de homocigosidade (ROH), rexións do ADN nas que os alelos maternos e paternos son idénticos. “A medida do ROH varía moito duns cans a outros. Hai un, en concreto, cun nivel de 0.4; é un valor moi alto. Tamén hai outros próximos ao cero. En xeral, a media está nun valor de 0.12, que entra nun rango moderado”, explica o líder do estudo.
Esta información permitirá evitar cruces nos que haxa consanguinidade entre os animais. Os resultados da procreación entre individuos cunha relación sanguínea son moi pouco desexables: os cans nados dunha única rama familiar tenden a ser máis débiles, a enfermar con maior facilidade, teñen menos viabilidade ao producirse máis abortos e as camadas son máis pequenas. “O Club Can de Palleiro está facendo un bo traballo para evitar que isto aconteza: usan a consanguinidade de pedigrí para evitar cruces entre primos, irmáns, medioirmáns, etc.”, resalta o investigador.
Así, esta investigación determina que o can de palleiro ten un patrimonio xenético propio e diferenciado e, ademais, “ten unhas características xenéticas moi boas para o futuro“, conclúe Paulino Martínez.














