O can de palleiro é menos agresivo ca outras razas

Un equipo da USC elabora o primeiro estudo científico sobre o seu comportamento e conclúe que son bos animais de vixilancia e pastoreo

O can de palleiro é unha raza autóctona galega.
O can de palleiro é unha raza autóctona galega.

Un ladrido afogado. Ese foi o sinal de alarma para que, a finais dos 90, se comezase a revivir a raza. Buscáronse exemplares superviventes e levouse a cabo un proxecto de recuperación. Todo iso cun único obxectivo: evitar a extinción do can de palleiro. En 2002 deuse un paso máis e fundouse o Club de Raza Can de Palleiro que, dende ese momento, loita pola defensa e consolidación destes animais. Coa idea de seguir mellorando a raza e lograr o seu benestar, un equipo da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de publicar o primeiro estudo científico sobre o comportamento destes cans. A conclusión é clara: son menos agresivos ca outras razas.

“Ata o de agora era o Club quen describía a raza, porque tamén era quen mellor a coñecía. Pero con esta investigación xa temos a evidencia científica”, apunta unha das asinantes do estudo, Ángela González-Martínez. Ao parecer, as conclusións recollidas no traballo non distan demasiado do que xa se pensaba. “Presentan menos agresividade cos seus donos, menos medo coas persoas descoñecidas e outros cans e, incluso, menos temor aos estímulos ambientais, como poden ser os sons fortes”, engade a investigadora. Mais ela fai especial fincapé na agresividade, subliñando que hai outras razas, como o Cocker, nas que pode supoñer un “problema moi grave” que implique o seu afastamento da familia.

Capacidade de adestramento

Outro dos trazos que revela o estudo é que os cans de palleiro teñen maior capacidade de adestramento ca outras razas. Isto, xunto a un menor medo cara ás persoas descoñecidas, indica que son cans moi apropiados para o pastoreo e a vixilancia. “De feito, sempre se usaron para este tipo de labores. Ademais, son cans tranquilos, no sentido de que son pouco excitables, aínda que precisen de moita actividade física como calquera can de traballo”, puntualiza González-Martínez. Polo tanto, aínda que sexa un can activo non vai ladrar por calquera motivo nin adoita ter problemas de comportamento.

“Todas estas características mostran que o can de palleiro ten un temperamento moi estable, que era o que defenía o propio estándar de raza”, indica a investigadora. Mais isto non significa que estes animais non teñan unha conduta predadora moi marcada, algo habitual nas razas de pastoreo. “É normal que teñan esta tendencia. Mentres que o predador vai á espreita, sae detrás da présa, mórdea e mátaa, os cans pastores poden atenazar, pero sen facer dano“, continúa explicando González-Martínez.

Máis estudos e mostras

A investigadora asegura que están “moi contentos” cos resultados e o seu obxectivo principal é seguir facendo estudos que induzan o benestar da raza. É dicir, que non se leven a cabo cruzamentos con outros animais e que se poida seleccionar a aqueles con mellor comportamento para que sexan os reprodutores. Para chegar a estas conclusións, o primeiro que fixo o equipo de investigación da USC foi enviar un cuestionario aos donos dos cans participantes. “Elaboramos un test avalado cientificamente onde se recollían trazos de comportamento do animal: se tiñan tendencia a mostrar problemas de conduta, ansiedade, medo, agresividade…”, sinala González-Martínez.

Amais disto, os investigadores someteron os cans a un test físico, tamén validado cientificamente. Para iso sometéronos a unha serie de estímulos. Pero non a todos os participantes, senón a unha mostra representativa dos mesmos. A idea é ir ampliándoa para obter máis resultados que se sumen a este primeiro estudo científico sobre o comportamento do can de palleiro. “Os resultados foron moi bonitos e moi similares a como o Club describía a raza. Eu nunca vin que unha asociación se implicase tanto no benestar do animal. Están a facer un labor moi bo, controlando as camadas e evitando os cruces estraños”, afirma González-Martínez.

A súa recuperación

Polo de agora, seguir loitando pola recuperación do can de palleiro, unha raza autóctona galega. Segundo os datos facilitados pola asinante do estudo, remitidos polo propio Club, agora mesmo hai 2.089 exemplares. E non só iso: 102 animais están fóra de Galicia, o que podería apuntar, segundo González-Martínez, a un espallamento da raza máis alá das nosas fronteiras. Polo de pronto, todo indica que a raza se vai recuperando. Todo empezou nos 90, cando por iniciativa da Xunta de Galicia se apostou por describir un estándar de raza. E logo continouse co labor do Clube, que é o verdadeiro gardián do can de palleiro.

Segundo apuntan no estudo, os antepasados destes animais eran, probablemente, nativos de Galicia, sendo importados durante o Paleolítico. Polo tanto, esta raza comparte certos capítulos da súa historia con outro tipo cans, como os pastores alemáns, os belgas, os holandeses ou os portugueses Castro Laboreiro. Aquí, en Galicia, o can de palleiro era propio das zonas rurais para desenvolver esas funcións que acaban de ser ratificadas: o pastoreo e a vixilancia das casas. E iso de ser “de palleiro” non deixa de facer alusión ao lugar onde durmían. Xa a mediados do século XX se produciu unha redución significativa de exemplares que están tratando de reverter. Coa idea de que os ladridos que escoitemos dos cans de palleiro —por moito que non sexa dados a iso— nunca volvan ser afogados.


Referencia: Study of Behavioural Traits in Can de Palleiro (Galician Shepherd Dog). (Publicado en Animals)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.