O rastro da esquiva quenlla branca no noroeste peninsular: menos de 30 avistamentos en cinco séculos

Unha investigación con participación galega segue os rexistros do animal nas augas do Atlántico nororiental

A quenlla branca (Carcharodon carcharias), animal protagonista do filme Tiburón (1975), é unha especie difícil de ver nas augas galegas; tanto é así que só existe un avistamento confirmado. Aconteceu en 2021, nun recinto portuario da Coruña. Foi o primeiro —e, ata agora, único— rexistro da presenza deste tipo de tiburón nas costas de Galicia. Poderíase pensar que botando a vista atrás ou ampliando a zona de reconto será posible acadar unha cifra considerable que asegure que a existenza das quenllas brancas nesta parte do Atlántico van máis alá do irrisorio; porén, un estudo con participación galega vén de revisar os rexistros históricos na área oceánica na que se inclúe o noroeste peninsular e a resposta é clara: dende o século XVI, houbo menos de 30 avistamentos.

A investigación, na que participan diferentes universidades e institucións como o CSIC ou a CEMMA, tivo como obxectivo recompilar toda a información científica sobre a presenza desta especie na rexión sinalada do océano, con especial fincapé nos dous avistamentos máis recentes —ambos de 2021— en Galicia e Asturias. A esta fin, o equipo do proxecto levou a cabo unha revisión bibliográfica nas bases de datos científicas, en redes sociais e plataformas de ciencia cidadá —aínda que poñendo o foco nos rexistros confirmados por expertos na materia— das mencións realizadas no último século á existencia de quenllas brancas nas augas do Atlántico nororiental. Dende 1931, houbo un total de 24 avistamentos apoiados por coñecedores da materia, dos cales a maior parte (22) se localizaron en fontes de datos científicas. Tan só dous deles (os que tiveron lugar hai un lustro) se acharon a través de recursos adicionais.

Publicidade

Un animal esquivo

O avistamento máis antigo que localizou a investigación foi publicado nos Annales de la Société des Sciences naturelles de la Charente-Maritime de 2011 e fai alusión a unha quenlla branca vista no século XVI nas augas de Saintonge (Francia) que puido ser confirmado por ictiólogos. A seguinte referencia á presenza deste animal fala dunha observación que tivo lugar ás portas do século XIX (en 1799) na Illa de Gran Canaria, e que compartiu o Instituto Español de Oceanografía en 1931.

A quenlla branca fíxose esperar ata 1821 para ser vista de novo, e dende entón ata marzo de 1880 tan só se avistou nas costas francesas, nun total de seis ocasións. Dende este punto, as referencias a este animal diversifícanse en canto á zona na que se atopan: houbo tres observacións en Senegal (en 1945, 1957 e 1982), dúas en Cabo Verde (unha en 1953 e a outra sen datar), unha nova en Francia (en 1977), seis en Portugal (unha en 1990 e o resto sen datar), unha sen datar en Marrocos e tres en España, das cales unha tivo lugar en Tenerife no 1987 e as outras dúas no norte peninsular en 2021.

Publicidade

A parte destes 24 rexistros que puideron ser confirmados por expertos en tiburóns, hai outros dous, un de 1983 e outro de 1887, que carecen de evidencia conclusiva que probe que os espécimes descritos en cada caso son, en efecto, quenllas brancas. Hai outras especies coas que é posible confundir os Carcharodon carcharias, como o marraxo ou marraxo azul (Isurus spp.) ou o tiburón peregrino (Cetorhinus maximus).

Os avistamentos de 2021

O mércores 29 de setembro de 2021 en torno ás 15:00 horas, en Punta Langosteira, dentro da dársena do porto exterior da Coruña, produciuse o primeiro rexistro dunha quenlla branca viva no norte de España. O artigo de investigación recolle os seguintes detalles sobre o momento da observación: “As condicións do mar eran moi boas, con boa visibilidade (0-1 na escala marítima Douglas). O avistamento, feito por un traballador portuario, duron só uns poucos minutos. O tiburón foi visto inicialmente dende a beira e longo xunto a un barco de 3,5 metros”. Inicialmente, este encontro produciu unha resposta de suspicacia por parte da comunidade científica debido, precisamente, á escaseza destes animais. Así e todo, a CEMMA puido confirmar que, efectivamente, eran quenllas brancas a través de consultas aos investigadores Gonzalo Mucientes e Gorka Ocio.

O segundo visionado produciuse menos dun mes despois, o 16 de outubro de 2021, en torno ás 7:00 horas, ao norte de Ribadesella, en Asturias. As condicións do océano e da visibilidade era similares, e o pescador que viu o exemplar indicou que este pasou aproximadamente dúas horas nadando preto do seu barco. En ambos casos estímase que os animais poderían ter medido sobre cinco metros (no caso do primeiro, tratábase dun tiburón que superaba en lonxitude o barco de 3,5 metros). Os dous avistamentos foron compartidos na plataforma de ciencia cidadá Observadores del Mar e na Infraestrutura Mundial de Información sobre Biodiversidade (GBIF, polas súas siglas en inglés).

O estudo propón que tendo presente o comportamento migratorio das quenllas brancas e as grandes distancias que poden percorrer, así como a súa rareza e a similitude en tamaño, sería plausible considerar que os dous animais vistos en 2021 puideran ser o mesmo exemplar. Porén, isto é unha hipótese: “Non temos suficiente información como para asegurar que sexa ou non o mesmo. Poderían selo pola proximidade e a baixa frecuencia da especie”, explica Alfredo López, presidente da CEMMA e un dos autores do estudo.

Que facer ante un posible avistamento

Esta esquiva especie está en perigo crítico. Ademais, López confirma: “Non hai quenlla branca en Galicia. A súa presenza é moi ocasional”. Sabendo isto, a probabilidade de atopar un destes exemplares é moi baixa. Así e todo, resulta importante saber que facer ante un posible avistamento a fin de evitar confusións.

O presidente da CEMMA pon como exemplo a situación que se deu nun areal do norte de Ferrolterra: “Os socorristas desaloxaron a praia pola presenza masiva de exemplares xuvenís de 50 centímetros dunha especie de quenlla que era Prionace glauca [tiburón azul]. Isto non tería máis transcendencia, só que cando compartiron a información cos medios de comunicación non confirmaran a especie con expertos, e dixeron que atoparan marraxos [Isurus oxyrinchus]. Aí está a dificultade, no erro da identificación“.

O investigador conclúe que é, polo tanto, moi relevante contar coa confirmación de persoas cos coñecementos necesarios para o correcto recoñecemento das diferentes especies de quenlla.


Referencia: Presenza do tiburón branco Carcharodon carcharias no Atlántico nororiental: novos rexistros no noroeste de España, publicado en Graellsia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta que declare o salmón “en perigo de extinción”

Cinco entidades ecoloxistas reclaman que a administración galega "asuma a súa responsabilidade" e protexa a especie

España continuará pescando anguías ata a súa extinción

Desde 1980 a súa poboación derrubouse. A pesar desa pésima situación, a especie é aínda obxecto de pesca comercial e véndese e consómese con normalidade