A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores

A sardiña común ou europea (Sardina pilchardus), esa icona de prata que define a gastronomía do verán nas costas de todo o país, atravesa un dos momentos máis complexos da súa historia recente. A súa pesca viviu a súa época dourada décadas atrás, nos anos oitenta. Hoxe, pola contra, enfronta unha realidade moi distinta: mentres que no pasado se capturaban máis dun millón de toneladas, para 2015 esa cifra reducírase nun 90%. Agora, tras unha pequena melloría no seu número, este animal sobrevive nas costas galegas marcado pola vulnerabilidade fronte a factores medioambientais.

A sardiña pertence á orde Clupeiformes e, en concreto, á familia Clupeidae. Trátase dunha especie peláxica; é dicir, habita as columnas de auga en vez de manterse no substrato oceánico. Estes animais flutúan en relación ao éxito do recrutamento —proceso mediante o cal os xuvenís (os peixes novos) sobreviven ata chegar á idade adulta—, que, á súa vez, está fortemente influenciado polas condicións climáticas e os niveis de pesca.

Publicidade

No caso galego, a sardiña forma parte do stock atlántico sur: é un conxunto compartido con Portugal que abrangue a franxa acuática dende Xibraltar ata a fronteira con Francia no Golfo de Biscaia. Este peixe ten unha grande importancia para o sector pesqueiro e as industrias de conserva e, en consecuencia, resulta crucial coñecer a evolución da dispoñibilidade de sardiña.

O cambio climático, o grande inimigo

A investigadora Isabel Riveiro, do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo, sinala o cambio climático como o factor principal da escaseza da sardiña. “É un animal peláxico e, polo tanto, vese moi afectado polo este ambiente [as condicións ambientais das columnas de auga]”, conta a científica. Unha sardiña fémina pon 400.000 ovos ao ano e as condicións climáticas do periodo de recrutamento son determinantes na viabilidade das larvas. As flutuacións na temperatura da auga, nas correntes, ou a presenza de episodios ambientais desfavorables teñen un forte impacto na cantidade de xuvenís.

Publicidade

Un factor determinante para a costa galega foi o cambio de réxime detectado en 1998. Segundo investigacións publicadas na revista Fisheries Oceanography, a combinación de patróns atmosféricos como a Oscilación do Atlántico Norte (NAO) provocou un aumento da temperatura da superficie do mar e, o que é máis grave para Galicia, unha diminución na intensidade do afloramento costeiro. Esta falta de nutrientes, sumada á prevalencia de ventos do sur que provocaron o afundimento das augas nas áreas de desove, impediu que a poboación recuperase os seus niveis óptimos.

“Os ovos da sardiña poden ser alimento doutras especies, como a xarda, que está presente nas costas durante o periodo de reprodución. Porén, a presenza de depredadores non é un condicionante decisivo na proliferación do grupo. O factor que máis impacto produce na súa viabilidade é o cambio climático” incide Riveiro.

Na pesca, o canto importa

O número de toneladas de sardiñas capturadas experimentou un pronunciado descenso dende os anos noventa. Agardábase que entre o 2000 e o 2010 volvera aumentar o número de capturas, entrando nunha fase positiva do ciclo, mais a realidade foi xusto a contraria: entre 2015 e 2019 rexistráronse mínimos históricos na pesca deste animal, agravada polos picos de presión pesqueira arredor dos anos 2010 e 2011.

Capturas, en toneladas, de sardiñas. Imaxe: IEO
Capturas, en toneladas, de sardiñas. Imaxe: IEO

Malia que entre 2018 e 2019 se viviron os peores rexistros do período, as medidas de xestión e restricións pesqueiras aplicadas conseguiron, polo menos, estabilizar as poboacións e frear unha caída que parecía non ter fondo. “Os organismos científicos recomendamos medidas de xestión, que foron: concentrar a pesca nos meses nos que non se reproducían e reducir a cantidade de sardiñas que podían capturarse”, apunta Riveiro. Coa implantación destas medidas, logrouse retomar a suba das capturas despois da temporada de recrutamento de 2019. Así e todo, as cifras non se aproximan ás rexistradas durante os oitenta.

A sostibilidade da pesca galega

A sardiña posúe un ciclo de vida que se viu drasticamente alterado. Aínda que en condicións ideais podería vivir ata os 14 anos, atopándose a súa esperanza de vida máis habitual entre os 10 e os 12, a intensa explotación pesqueira reduciu a súa esperanza de vida media a tan só catro ou cinco anos.

O método de captura, non obstante, é moi sostible. Isabel Riveiro explica: “Péscanse case por completo con cerco, unha arte de pesca que impacta moi pouco no medioambiente, pois non arrastra o fondo e, polo tanto, non afecta esas especies. Tamén se trata dunha práctica selectiva: os mariñeiros coñecen o comportamento destes bancos de peixes e escollen o que van buscar. Pode haber capturas accidentais mínimas, pero non afecta a sostibilidade da sardiña”. A investigadora engade que o xeito —unha técnica de captura artesanal na que se emprega unha malla vertical— tamén ten certo peso en Galicia, pero tampouco impacta a viabilidade do peixe.

Tendencia na biomasa da poboación de sardiñas do  stock atlántico cun ou máis anos. Gráfico: ICES, 2025
Tendencia na biomasa da poboación de sardiñas do stock atlántico cun ou máis anos. Gráfico: ICES, 2025

A estimación da biomasa dispoñible máis baixa foi a de 2015, con alrededor de 119.000 toneladas, unha cifra que contrasta fortemente cos valores de más dun millón de toneladas nos anos oitenta. Isto supón un descenso de en torno ao 90% na cantidade de sardiñas dun ano ou máis en aproximadamente 30 anos.

Como se determina a cantidade de sardiña que se pode pescar?

Isabel Riveiro subliña a importancia da sardiña nas costas do Atlántico: “Sempre foi unha especie emblemática para Galicia. Por iso, dende hai moitos anos, cando se empezou a traballar aquí na pesca, o IEO estúdaa”. O instituto conta con series históricas de datos da captura, da lonxa, etc. “Facemos mostraxes dos peixes que chegan ao mercado, tanto na lonxa como no laboratorio. Con esa información, valoramos se se están reproducindo, a súa cantidade, a súa saúde e outros factores”, engade a investigadora.

Riveiro explica que o IEO leva a cabo dúas campañas anuais de toma de información sobre sardiñas. “Por un lado, facémolas acústicas durante a primavera: lanzamos ondas de son que rebotan nas sardiñas e, ao medir eses rebotes, facemos unha estimación do número de peixes. Logo, cada tres anos facemos unha campaña para medir cantos ovos hai. Contándoos, podemos estimar o número de sardiñas”, continúa.

Estás medicións permiten determinar a cantidade de stock dispoñible e, así, recomendar canto se poderá pescar ao ano seguinte para non impactar a viabilidade dos bancos do Atlántico.

O efecto dos microplásticos

As causas desta crise son múltiples e forman un cóctel perigoso encabezado polo quecemento global. O aumento da temperatura do mar compleméntanse cunha ameaza invisible pero constante: a contaminación. Un estudo do IEO revelou que o 87% das sardiñas analizadas no noroeste ibérico conteñen microplásticos no seu tracto dixestivo, principalmente polietileno e polipropileno procedentes de embalaxes, o que supón un reto engadido para a súa saúde e a do ecosistema.

Un futuro esperanzado

O futuro da sardiña nas nosas costas dependerá do equilibrio entre a necesidade de preservar a actividade pesqueira e a obriga de protexer o medio mariño. A estabilización das gráficas nos últimos anos ofrece un raio de esperanza, pero a ameaza do cambio climático obriga a manter unha vixilancia constante. Isabel Riveiro agarda que as medidas de xestión sigan dando froitos para que a sardiña deixe de ser unha especie en perigo e recupere os seus números nas nosas costas.

“Para Galicia é moi importante porque os stocks ao redor do Atlántico tampouco están en moi boa saúde. Estamos nunha estabilidade sostida, pero non marabillosa“, sinala a investigadora, e conclúe recalcando que a importancia do clima é maiúscula e, en consecuencia, o futuro da sardiña estará marcado polos cambios na atmosfera, que, como sinala, non poden preverse con certeza a longo prazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nova ameaza para a píllara das dunas: as chuvias intensas reducen a súa supervivencia

Un estudo galego conclúe que os episodios meteorolóxicos adversos poden agravar o seu estado de conservación como especie vulnerable

O equipo do CiQUS que “recicla” dióxido de carbono para lograr unha química máis sostible

O grupo liderado por Manuel Nappi publica un estudo no que se revela un novo mecanismo para activar o CO2 mediante luz

Tecnoloxía galega e vasca moderniza a pesca costeira do bonito

Un grupo da UVigo e do centro tecnolóxico Leartiker desenvolve solucións para reducir o esforzo dos pescadores e mellorar a eficiencia do proceso

O cambio climático aumentou a intensidade das chuvias torrenciais en Galicia

Unha investigación da World Weather Attribution atribúe ás emisións humanas un incremento dun 11% nos episodios máis severos rexistrados na rexión norte