Os científicos alertan: a situación da sardiña é “preocupante”

A sardiña común ou europea (Sardina pilchardus) atravesa desde hai tempo unha situación complicada. A súa importancia comercial e a influencia do cambio global levaron á diminución da especie en moitas pesquerías. Mesmo houbo organismos que pediron recentemente un parón de capturas para axudar a recuperar a súa poboación.
Un novo estudo realizado por científicos do Oceanográfico de Vigo explica como varios factores, como unha “inesperada fase negativa” a finais dos anos 90, os máximos de presión pesqueira nos anos 2010 e 2011 e un erro no recrutamento contribuíron a dar lugar, nos últimos anos, a unha das cifras de captura máis baixas que se recordan na área ibérica, situada entre os 36 e os 44 graos de latitude norte.

A conxunción de varios factores adversos impediron o retorno ao ciclo positivo agardado

Segundo explica o traballo, publicado na revista Fisheries Oceanography, “a finais da década dos 90 do século XX esperábase unha fase positiva (aumento das capturas) na sardiña; pero polo contrario, diminuíron ata hoxe”. No ano 1998 detectouse o último cambio de réxime da poboación desta especie. E nese momento, os principais patróns de circulación atmosférica a gran escala no hemisferio norte – a Oscilación do Atlántico Norte (NAO) e o Patrón do Atlántico Leste (EA), combináronse de forma que se produciu un aumento na temperatura da superficie do mar e unha diminución na intensidade do afloramento costeiro.

Publicidade

Así, houbo tamén varios anos cunha situación de afundimento (prevalencia de ventos do sur) nas principais áreas de desove e alimentación de sardiña na Península Ibérica que afectaron á abundancia da poboación e impedindo o retorno ao ciclo positivo agardado, segundo indican os autores da investigación, Águeda Cabrero, Gonzalo González Nuevo, Jesús Gago e José Manuel Cabanas.

Este cambio negativo detectouse primeiro nas zonas máis ao norte. A variable física relacionada cos intercambios de calor océano-atmosfera, que agrupa un conxunto de procesos ambientais, conseguiu explicar o 72% do recrutamento da sardiña. Debido a isto, os cambios ambientais e a presión pesqueira conduciron á especie a unha situación de extrema fraxilidade, que desde o Oceanográfico de Vigo cualifican de “preocupante”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz

Un estudo alerta do declive de catro peixes migratorios en Galicia: “Ningunha das súas pesquerías é sostible”

Unha investigación recolle datos de 1997 a 2026 e certifica a drástica caída das poboacións de zamborca, lamprea, solla e anguía

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas