Os fibroblastos que actúan sobre as feridas móvense máis rápido de día (esquerda) ca de noite (dereita). Fonte: MRC Laboratory of Molecular Biology.
Os fibroblastos que actúan sobre as feridas móvense máis rápido de día (esquerda) ca de noite (dereita). Fonte: MRC Laboratory of Molecular Biology.

Por que as feridas cicatrizan máis rápido de día que de noite?

O período de descanso nocturno adoita relacionarse como unha fase de restauración do noso corpo, que serve para recargar a mente e o corpo. Porén. parece que non é así en todos os aspectos. Unha investigación realizada por científicos británicos amosa que as feridas curan moito máis rápido de día que de noite debido aos ritmos circadianos que regulan o funcionamento celular.

Este eido de investigación, que tomou forza nos últimos anos e que mesmo foi recoñecido co premio Nobel de Medicina e Fisioloxía, ofrece tamén resposta a este peculiar fenómeno. Así, en 2017, uns científicos da universidade de Cambridge estudaron como un tipo de células da pel, os fibroblastos, reaccionaban en función do momento do día no que tiñan lugar as feridas.

Cando sufrimos unha lesión cutánea, os fibroblastos desprázanse á zona afectada e producen proteínas restauradoras, semellantes ao coláxeno, que axudan a reconstruír o tecido afectado. Pero estes compostos dependen tamén dunha proteína chamada actina. Cando non hai actina suficiente, os fibroblastos teñen dificultade para chegar ao lugar das feridas.

E a presenza da actina está determinada polos ritmos circadianos, tal e como atoparon os investigadores británicos. Cultivaron fibroblastos en placas de Petri, e viron que de noite, as ‘feridas’ artificiais tardaban máis tempo en cicatrizar debido a que os fibroblastos tardaban máis en chegar.

Os científicos viron que, dependendo da hora do día, os fibroblastos tardaban máis en actuar

“Isto ten que ver coa capacidade migratoria das células próximas a feridas recentes, que está determinada polos ritmos circadianos que regulan a presenza da actina”, explican os investigadores. Os científicos traballaron tamén con ratos, nos que se viu o mesmo fenómeno: os animais curaban as feridas máis rápidos durante as horas nas que estaban activos ca nos momentos nos que adoitaban estar durmidos.

“Atopamos continuamente duas fases distintas na velocidade de curación das feridas en función do reloxo biolóxico”, declarou o biólogo John O’Neill, un dos autores do traballo. Porén, esta diferente reacción pode ser tamén manipulada, segundo O’Neill. “Podemos ‘reiniciar‘ a resposta á curacion das feridas facéndolles pensar ás células que estamos nun momento distinto do día, encendendo as luces ou apagándoas no caso dos ratos, ou usando compostos que alteran o reloxo biolóxico no caso das células no laboratorio”.

As queimaduras tardaron 28 días en curar se se producían de noite, fronte a 17 días nas horas de luz

Este tipo de técnicas, segundo os investigadores, teñen un potencial importante nos tratamentos médicos, como por exemplo as cirurxías, para axustalas aos momentos nos que os pacientes poderían responder mellor.

Feridas e queimaduras

No caso das queimaduras, o estudo atopou tamén melloras significativas na súa evolución cando tiñan lugar de día. As que acontecían entre as 20 e as 8 horas tardaron un 60% máis en curar que se acontecían de día: 28 días fronte a 17.

Por agora, os investigadores non atoparon máis explicación a por que acontece isto, aínda que especulan con que pode ser unha adaptación evolutiva: recuperámonos máis rápido polo día porque é o momento no que precisamos estar máis activos.

Referencias:

Circadian actin dynamics drive rhythmic fibroblast mobilization during wound healing (publicado en Science Traslational Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.