O sismo de Melgaço acadou intensidade IV e xerou centos de avisos ao IGN

Foi, segundo testemuñas presenciais, un estrondo que parecía vir do subsolo, ou como se un camión de gran tonelaxe pasara de súpeto pola rúa. Milleiros de persoas puideron percibir o pasado sábado, ás 20.55 da noite, o sismo de magnitude 3,8 (segundo o IGN) que tivo como epicentro un punto situado a catro quilómetros ao sudeste da localidade de Melgaço, vila fronteiriza con Galicia. Porén, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) rebaixa a súa magnitude a 3,5.

Desde ese momento, o Instituto Geográfico Nacional comezou a recibir respostas aos cuestionarios que ten dispoñibles na súa web para estudar os efectos dos terremotos. Foron preto de 200 chamadas (197, segundo os últimos datos) que deron conta dunha intensidade que chegou ata o IV na Escala de Mercalli.

Publicidade

Os avisos ao IGN deron conta de vibracións nos edificios, na louza e nos cristais nos lugares próximos ao epicentro

Os sismólogos distinguen a escala de magnitude, como Richter ou a mbLg, usada na península Ibérica, das escalas de intensidade, que serven para clasificar un sismo en función dos seus efectos nas persoas, nos edificios e obxectos e na natureza.

Así, o terremoto rexistrado en Melgaço o pasado sábado acadou a intensidade IV segundo os datos enviados desde dous puntos do concello ourensán de Padrenda (lugares de A Notaría e A Quinta), Gomesende (Dornelas), Lobeira (Ermille) e os municipios pontevedreses de Crecente e As Neves. Do mesmo xeito, o IPMA calculou tamén esta intensidade ao recibir testemuños desde localidades como Melgaço, Braga e Viana do Castelo. 

Publicidade

Número de avisos por hora recibidos polo IGN despois do terremoto de Melgaço. Fonte: IGN.
Número de avisos por hora recibidos polo IGN despois do terremoto de Melgaço. Fonte: IGN.

Ademais, decenas de avisos remitidos desde diversos puntos das provincias de Pontevedra e Ourense chegaron a describir efectos correspondentes a unha intensidade III.

Segundo explica o propio IGN, nos sismos de intensidade IV apenas hai danos, pero son amplamente percibidos pola poboación, sobre todo dentro dos edificios, e chegan a espertar a algunhas persoas. Son vibracións moderadas, nas que as persoas sinten un leve tremor nos edificios e nos obxectos, e poden chegar a vibrar a louza, os cristais, as fiestras e as portas, ademais de oscilacións nos obxectos pendurados.

Consulta aquí todos os lugares nos que se sentiu o terremoto do pasado sábado 17.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Viaxar no tempo

As últimas escavacións en Santa Clara sacan á luz un tesouro arqueolóxico. Por Laura Filloy

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación