Galicia rexistra o terceiro gromo de sarna norueguesa en 15 días, unha variante máis rara e contaxiosa

O Servizo de Axuda no Fogar do concello pontevedrés de Vila de Cruces concentra varios positivos da enfermidade cutánea

Dende finais de abril, detectáronse dous gromos de sarna norueguesa en Galicia: un no Hospital Provincial de Conxo, en Santiago de Compostela, e outro nunha residencia de Oleiros (A Coruña). Agora, a lista amplíase coa aparición de varios casos no Servizo de Axuda no Fogar do concello de Vila de Cruces. Esta patoloxía cutánea, tamén coñecida como sarna costrosa, é máis frecuente en persoas con enfermidades neurolóxicas, de idade avanzada ou inmunodeprimidas. Caracterízase por presentar unha elevada carga de ácaros, o que incrementa a súa capacidade de transmisión. Jesús Prego, xefe do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Consellería de Sanidade, sinala que “é considerablemente molesta, pero moi rara”. “Neste gromo, como no resto, aplicouse o protocolo vixente; xa se fixo e non hai risco”, apunta, e engade que esta variante destaca pola súa maior facilidade de contaxio.

Pola súa banda, Nacho Doval, dermatólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), explica que tanto a sarna común como a variante norueguesa están causadas polo mesmo parasito, o ácaro microscópico Sarcoptes scabiei. Entre os signos máis característicos figuran lesións extensas cun aspecto húmido que, segundo o experto, lembra á fariña mollada, ademais dun cheiro descrito como “peculiar”. A diferenza doutras formas, pode non producir proído ou facelo de maneira leve, o que dificulta o seu diagnóstico fóra do ámbito especializado.

Publicidade

A súa aparición está estreitamente ligada ao estado do paciente. “As defensas do organismo non son capaces de controlar a infección, polo que o parasito multiplícase”, explica Doval. Así, mentres nun caso de sarna común pode haber entre 20 e 25 ácaros na pel, na sarna cotrosa poden chegar a contarse por milleiros, o que explica a súa maior transmisibilidade.

Un aumento de casos de sarna

“Hai indicios dun incremento xeral dos casos de sarna, o que favorece a aparición de formas menos frecuentes como esta”, sinala o dermatólogo do Chuvi. Aínda así, lembra que se trata dunha afección pouco habitual e que adoita detectarse cando aparecen contaxios no contorno próximo con sarna común.

Publicidade

O tratamento da sarna norueguesa require unha abordaxe máis intensiva. Consiste na eliminación da zona hiperqueratósica —o engrosamento da capa externa da pel— e na administración de terapias tanto orais como tópicas. Segundo Doval, por vía oral só existe unha opción, mentres que os tratamentos cutáneos son máis variados. “A permetrina é a primeira elección, pero pode non ser a máis axeitada, xa que hai indicios de perda de eficacia”, advirte. Ademais, outras alternativas non están comercializadas, o que dificulta o seu acceso.

Para previr novos contaxios, o especialista recomenda manipular a pel con luvas e facilitar un diagnóstico precoz por parte dun dermatólogo. “Mentres non se diagnostica, a enfermidade segue transmitíndose”, conclúe.

Cal é o protocolo?

Segundo o Protocolo de Actuación ante a Sarna Humana da Xunta de Galicia, no caso das residencias, como ocorre en Oleiros, o primeiro paso é a notificación. Posteriormente, búscanse máis casos, subminístrase o tratamento e, no caso dos traballadores, exclúese a aqueles contaxiados. Posteriormente, faise un seguemento da transmisión e recádase información, e cando o gromo xa está baixo control, remata o proceso. Por outra banda, no caso de Saúde Pública, respóndese á notificación, búscase a fonte de infestación e, do mesmo xeito, recóllese información sobre o caso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol