Que é a sarna norueguesa? A enfermidade que xa afecta unha vintena de sanitarios en Santiago

A doenza causa placas costrosas en diferentes partes do corpo e é moi contaxiosa, polo que o Hospital Provincial de Conxo xa iniciou as medidas necesarias para impedir novos casos

O Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria de Santiago enfróntase a un gromo de sarna norueguesa detectado no Hospital Provincial de Conxo. O foco orixinouse tras o ingreso dun paciente que padecía esta patoloxía, pero que non presentaba síntomas iniciais por mor do amplo período de incubación do parasito. Ata o momento, non hai máis pacientes afectados, pero si se detectaron 20 casos entre os profesionais da mesma planta, polo que xa se iniciou o protocolo pertinente para evitar novos contaxios.

Para frear a expansión do gromo, o hospital compostelán reforzou de inmediato as súas medidas de prevención. Entre as actuacións levadas a cabo destacan o illamento dos casos confirmados, a intensificación da limpeza e a desinfección profunda tanto de superficies como de téxtiles. Así mesmo, o persoal sanitario recibiu formación específica para xestionar os contactos estreitos e garantir que se cumpran as recomendacións sanitarias vixentes.

Publicidade

A sarna norueguesa: síntomas e tratamento

A sarna norueguesa, tamén denominada sarna costrosa, é unha variante moi contaxiosa da sarna común. Está causada polo ácaro Sarcoptes scabiei var. hominis, da familia Sarcoptidae, que penetra na pel para deixar os seus ovos. A diferenza da variante común, onde un adulto adoita ter en torno a 10 ácaros, na norueguesa a presenza destes parasitos é masiva. Esta condición prodúcese polo contacto pel con pel cun paciente afectado —mais é posible, aínda que menos habitual, que se produza a través de superficies contaminadas— e pode producirse en calquera sexo ou idade, pero adoita ser máis habitual nas persoas co sistema inmunitario debilitado.

En canto á sintomatoloxía, esta afección maniféstase mediante a aparición de placas costrosas, grosas e escamosas en zonas como mans, pés, cóbados e xeonllos, aínda que pode estenderse a calquera parte do corpo. O prurito ou proído, síntoma principal da sarna común, pode ser leve ou incluso estar ausente nesta variante, o que chega a dificultar o diagnóstico temperán.

Publicidade

O tratamento combina medicación por vía tópica (crema) e oral. Unha vez administrada a primeira dose, é necesario manter un illamento de 24 horas; pasado ese tempo, o paciente deixa de ser contaxioso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar as formas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia

Onde están as mulleres

Un ano máis, os Nobel de Ciencia só se outorgan a homes

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua