Máis de 15 casos de sarna en Vigo: como previr o contaxio?

Varios estudantes da Escola Superior de Arte Dramática infectáronse e o centro pechará o próximo luns para unha intensa limpeza

Niño contagiado de sarna. Crédito: OMS
Niño contagiado de sarna. Crédito: OMS

O próximo luns A Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (Vigo) pechará as súas portas para realizar unha profunda labor de desinfección despois de contraer sarna un 10% do alumnado. Foi o director do centro, Roberto Relova, o que informou de que varios estudantes tiveron síntomas ao longo desta semana e que a cifra de infectados rolda preto dos 20 de 170 alumnos. Estes días iniciáronse labores de desinfección nas aulas mais a escola pechará un día enteiro para evitar que os contaxios se sigan producindo. Así mesmo, o director comunicou que os infectados poden asistir ás clases evitando sempre o contacto cos demais compañeiros.

Nos últimos anos detectáronse varios contaxios por sarna en centros estudantís. De feito, en decembro de 2022, un colexio público do barrio de Lavadores, en Vigo, rexistrou varias infeccións. No mesmo ano, unha escola de Córdoba confirmou a aparición dun gromo de sarna con nove afectados: cinco alumnos, tres profesores e un bedel.

Que é a sarna?

A sarna humana é unha infestación parasitaria causada por Sarcoptes scabiei var. hominis, un ácaro microscópico que se mete na pel e deposita ovos, o que acaba desencadeando unha resposta inmunitaria do hóspede que orixina unha sensación de proído intenso e exantema, unha área da pel que cambia de textura e de cor e que se ve irritada.

A infestación por sarna pode complicarse cunha infección bacteriana, o que dá lugar á aparición de chagas na pel que, á súa vez, poden ocasionar consecuencias máis graves, como septicemia —infección xeral grave do organismo producida pola presenza de xermes patóxenos no sangue—, cardiopatías e insuficiencia renal crónica. En 2017, a sarna e outros ectoparásitos incluíronse como enfermidades tropicais desatendidas (DTN), en resposta ás solicitudes dos Estados Membros e ás recomendacións do Grupo de Asesoramento Estratéxico e Técnico da OMS sobre Enfermidades Tropicais Desatendidas.

Cales son os síntomas?

Os aradores da sarna escavan na capa superior da epiderme, onde a femia adulta deposita os seus ovos. Os ovos eclosionan en tres ou catro días e convértense en adultos nunha ou dúas semanas. Despois de catro ou seis semanas, o paciente presenta unha reacción alérxica á presenza de proteínas e feces dos aradores na galería da sarna, o que causa prurito intenso e exantema.

A maioría das persoas resultan infectadas por entre 10 e 15 aradores. Os pacientes adoitan presentar un proído intenso, galerías lineais e vesículas ao redor dos dedos das mans, do pulso, das extremidades superiores e inferiores e a liña do cinto. Os lactantes e os nenos pequenos poden ter un exantema máis xeneralizado, que inclúe a afectación das palmas das mans, as plantas dos pés, os nocellos e, ás veces, o coiro cabeludo. Debido ao atraso entre a infección inicial e o desenvolvemento dos síntomas, as galerías pódense ver en contactos directos que aínda non desenvolveron prurito.

Os efectos dos aradores na inmunidade, así como os efectos directos do rascado, poden levar á inoculación da pel con bacterias, o que conleva o desenvolvemento de impétigo (chagas na pel), especialmente nas rexións tropicais. O impétigo pode complicarse por unha infección cutánea máis profunda, como abscesos ou enfermidades invasivas graves, incluída a septicemia.

Como se transmite?

A sarna adoita transmitirse entre persoas a través do contacto próximo (por exemplo, por convivencia) coa pel dun individuo contaxiado. O risco de transmisión aumenta co nivel de infestacións, e o maior risco débese ao contacto con individuos con sarna costrosa. A transmisión polo contacto con obxectos persoais inzados (por exemplo, pezas e roupa de cama) é pouco probable no caso da sarna común, pero pode ser significativo se se trata de sarna costrosa. Como hai un período asintomático de infestación, a transmisión pode producirse antes de que a persoa inicialmente inzada presente síntomas.

Cal é o tratamento?

O tratamento principal dos individuos afectados consiste na aplicación dunha crema. Cando o tratamento é eficaz, o prurito adoita intensificarse durante 1 a 2 semanas. Dado que as persoas que se atopan na etapa inicial dunha nova infestación poden ser asintomáticas e que os tratamentos para a sarna non matan os ovos do parasito, os mellores resultados obtéñense tratando a toda a familia ao mesmo tempo e repetindo o tratamento no prazo apropiado para o medicamento elixido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.