Atopan microplásticos no 87% das sardiñas e bocareus estudados no noroeste ibérico

Un estudo do Instituto Español de Oceanografía avaliou a incidencia dos contaminantes no tracto dixestivo de catro especies abundantes nas augas galegas

O 87% dos bocareus e as sardiñas -dúas das especies comerciais máis relevantes no noroeste da Península Ibérica- que foron analizadas nun estudo de científicos do Instituto Español de Oceanografía tiñan microplásticos no seu tracto dixestivo. É unha das cifras relevantes do artigo que publican na revista Marine Pollution Bulletin, e que volve poñer de manifesto a magnitude da contaminación nas augas galegas.

O traballo, codirixido por Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo, e Izaskun Preciado do Centro Oceanográfico de Santander, xunto a Ana Virginia Filgueiras (IEO-Vigo) e Ana Cartón (IEO-Santander), avaliou a incidencia de microplásticos no contido do tracto dixestivo de catro especies de peces moi habituais nas augas galegas e, en xeral, do noroeste ibérico: Engraulis encrasicolus (bocareu), Sardina pilchardus (sardiña), Mullus surmuletus (salmonete) e Callionymus lyra (escarpón).

Publicidade

Segundo explican os científicos no estudo, “a dieta das especies é un factor determinante na transmisión de moitos contaminantes a través da rede trófica polo que, co fin de estudar se no caso dos microplásticos sucede o mesmo, analizouse o contido estomacal de 787 peixes”. E observáronse dúas formas de alimentación distinta: planctívoros (peixes que se alimentan de plancto) e bentívoros (peces que se alimentan de pequenos organismos do fondo mariño). Coa axuda de modelos aditivos xeneralizados (GAM), analizouse a influencia do tipo de alimentación xunto con outras variables biolóxicas (lonxitude do individuo, volume do contido estomacal, etc.) no número e tamaño de microplásticos inxeridos. As mostras tomáronse en numerosos puntos da costa entre o sur de Pontevedra e o País Vasco.

Puntos de mostraxe e especies analizadas. Fonte: IEO.
Puntos de mostraxe e especies analizadas. Fonte: IEO.

Para isto estudouse o contido estomacal de 64 individuos das catro especies de peixes seleccionadas, illando 100 microplásticos: 25 en bocareus, 23 en sardiñas, 14 en salmonetes e 38 en escarpóns. Identificáronse dous tipos de microplásticos: fibras (88%) e fragmentos (12%), e as cores dos plásticos que se atoparon nas especies mudaron en función de se eran bentónicas (as que viven no fondo do mar) ou peláxicas (as que se moven polo resto da columna de auga); así, no bocareu e a sardiña a cor máis abundante era a transparente, mentres que o azul predominaba no salmonete e o escarpón.

Publicidade

A abundancia de microplásticos oscilou entre o 60% do salmonete ata o 87% para o bocareu e a sardiña. Entre os tipos de polímeros, destacaban o polietileno e o polipropileno, tal e como era de esperar debido a que son dous dos máis utilizados en todo o mundo, principalmente como material de embalaxe.

“Xa hai microplásticos en todos os alimentos”

Entre outros achados, os científicos do IEO expuxeron que os peixes con maior tamaño amosaron unha menor incidencia de microplásticos e, por outra banda, non se atopou unha correlación significativa entre os microplásticos e o contido estomacal dos peixes peláxicos e bentónicos.

Noutro apartado de conclusións, o estudo expuso que “as variables relacionadas coa dieta e as conexións tróficas non resultaron ser tan relevantes como se pensaba inicialmente”. Mais a talla dos individuos e a súa condición corporal con todo son variables significativas que explican os cambios na cantidade e tamaño dos microplásticos inxeridos. Unha posible explicación deste feito pode ser o alto nivel de microplásticos existentes tanto na columna de auga como no fondo mariño.

A magnitude da contaminación detectada en especies tan relevantes como as sardiñas ou os bocareus é un sinal de advertencia. Así o manifestaba hai uns meses o investigador Jesús Gago, un dos autores deste novo artigo, nunha entrevista con Boísimo. Gago insistía na necesidade dunha xestión adecuada dos residuos e unha lexislación que se cumpra de forma efectiva para reducir o impacto deste problema.


Referencia: Microplastic ingestion by pelagic and benthic fish and diet composition: A case study in the NW Iberian shelf (Publicado en Marine Pollution Bulletin).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

Candeas e incenso, cando o suposto “benestar” contamina a casa

Desde o punto de vista da química atmosférica, ambos os xestos implican algo moito menos idílico: introducir unha fonte de combustión dentro do fogar