O salmón atlántico (Salmo salar) é unha das especies migratorias en maior risco en Galicia, cunha situación máis preocupante ca da anguía. O Atlas do Salmón Atlántico en España, publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica en 2021, sinala que as poboacións galegas se reduciron en máis dun 80% dende a década de 1970. Este escenario levou a tomar medidas: cinco entidades ecoloxistas recolleron máis de 2.500 sinaturas para solicitar a inclusión da especie no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de “en perigo de extinción”.
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha das organizacións implicadas nesta iniciativa. “Solicitamos a súa inclusión no catálogo con efecto inmediato e a elaboración dun plan de recuperación”, sinala Serafín González, presidente da entidade. A esta postura súmase David Nachón, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO), quen apoia a petición con criterios científicos: “Esta solicitude ten base sólida; estamos a uns niveis realmente críticos”.
Nachón participou en outubro de 2025 nun taller técnico para avaliar a situación de peixes diádromos en augas españolas, co obxectivo de actualizar as categorías da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). Nese encontro, propúxose cualificar o salmón como especie en perigo crítico. Con todo, a realidade galega resulta aínda máis preocupante: “As poboacións de Galicia están en maior perigo ca no resto de España”, advirte o investigador sobre unha especie presente nos ríos Miño, Ulla, Lérez, Eume, Mandeo, Masma e Landró.
As poboacións de Galicia, as máis afectadas
Un gráfico facilitado por David Nachón amosa a evolución das capturas de salmón en Galicia entre 1950 e 2024 e revela o seu declive drástico nos ríos galegos. Entre 1950 a finais dos anos oitenta, as cifras mantivéronse relativamente elevadas, chegando a superar os 2.000 exemplares en 1980, cunha media de arredor de 900 capturas anuais. Con todo, a década dos noventa marcou un punto de inflexión: as capturas desplomáronse en apenas dez anos. Mentres nos anos oitenta a media era de 817 exemplares, nos noventa caeu ata os 95. Dende o ano 2000, a situación non se recuperou e mantense en niveis mínimos, cunha media de 55 capturas anuais, a máis baixa de toda a serie histórica.
As poboacións galegas de Salmo salar presentan, ademais, unha peculiaridade: sitúanse no límite sur de distribución da especie. “Hai quen sinala que pode haber individuo máis ao sur pero, como norma xeral, o límite está no río Miño”, explica Nachón. A esta situación súmase un factor de partida, xa que as poboacións galegas nunca foron tan abundantes como noutras áreas da cornixa cantábrica. “En Galicia non se alcanzaban os niveis de pesca das asturianas, por exemplo”, apunta o investigador do IEO, o que implica unha maior vulnerabilidade fronte ao declive actual.
Unha perda multifactorial
“Todas as tendencias apuntan a unha perda xeralizada en todos os ríos”, sinala David Nachón. Este declive responde a un fenómeno multifactorial no que o cambio climático exerce como principal presión, ao afectar diferentes fases da bioloxía do salmón. A este factor súmanse outros como a pesca, a fragmentación dos ríos polas presas —o que dificulta a súa conectividade— e a deterioración da calidade físico-química das augas. Cómpre ter en conta, ademais, que os peixes migratorios non dependen dun único hábitat. O seu ciclo vital abrangue ríos, mar e esteiros, polo que as ameazas se acumulan en distintos medios.
A pesar de que os salmóns presentan unha elevada fecundidade, especialmente no medio mariño onde acadan maior tamaño, isto non compensa as perdas. “O número de ovos está directamente relacionado co tamaño corporal, e no mar hai máis recursos alimenticios”, explica Nachón. Porén, unha das características máis singulares da especie xoga na súa contra: unha gran parte dos exemplares morre despois da reprodución. Deste xeito, o reducido número de individuos responde a un balance negativo entre reprodución e supervivencia. Ademais, o éxito reprodutivo non depende só das condicións ambientais, senón tamén da densidade de exemplares. “Nun río como o Ulla, de menor tamaño ca outros europeos, é difícil que os individuos atopen parella”, subliña o investigador. Así, a caída das poboacións —con entradas de apenas 50 exemplares— dificulta aínda máis a reprodución, á que se engade a elevada mortalidade natural de ovos e larvas.
A veda total non é suficiente
Unha das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia foi a implantación dunha veda total do salmón en todos os ríos, acompañada dun reforzo do seguimento científico. Porén, os expertos coinciden en que se trata dunha acción necesaria pero insuficiente, ao funcionar principalmente como un paliativo para evitar a perda inmediata dos exemplares. “Paréceme unha aberración que siga aberto o debate sobre se se debe pescar ou non; fan falta figuras de protección que blinden a especie”, afirma David Nachón. No escenario actual, engade, é imprescindible “reducir todas as presións” que afectan o salmón. Aínda que moitos dos factores implicados —como o cambio climático— non poden corrixirse a curto prazo, hai medidas de efecto inmediato. “A medida máis eficaz a curto prazo é blindar a pesca”, subliña.
O declive faise especialmente visible nos ríos, onde tamén resulta máis viable actuar. Neste ámbito, as actuacións prioritarias pasan por conservar e restaurar a vexetación de ribeira, clave para regular a temperatura da auga durante o verán e para reducir a entrada de sedimentos e contaminantes agrícolas que asfixian a ovos e crías.
A isto súmase a importancia dos caudais ecolóxicos. Nos meses estivais, cando os ríos presentan niveis máis baixos, increméntase a presión humana pola demanda de auga asociada de poboación estacional, especialmente en zonas turísticas. Paradoxalmente, é tamén o período no que o salmón require maior estabilidade nas condicións do hábitat.
O plan de recuperación perfecto
“Mentres investimos grandes esforzos en conservar o lince ou o oso pardo, ignoramos a extinción silenciosa desta icónica especie”, subliña Daniel García Souto, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), nunha tribuna publicada en The Conversation. A evidencia científica indica, ademais, que a introdución de exemplares criados en catividade non só non resolve o problema, senón que pode agravalo, ao reducir a diversidade xenética e incorporar liñas pouco adaptadas ao medio natural. Por iso, a medida central debe ser un plan de recuperación.
A inclusión do salmón como especie en perigo de extinción implicaría, segundo a lexislación, a elaboración desta ferramenta de xestión. “Trátase de atallar as causas da mortalidade e favorecer a recuperación das poboacións”, explica Serafín González. Entre as medidas prioritarias, o presidente da SGHN destaca a mellora na calidade das augas, a restauración do hábitat e a recuperación da conectividade fluvial. En última instancia, o éxito destas accións dependerá da administración: “Non hai ningún motivo para no protexelo, agás que a Consellería diga que non lle importa en absoluto a biodiversidade galega”, conclúe González.
















El derribo de barreras a la conectividad fluvial también tiene que ser una actuación prioritaria (al igual que la recuperación de la vegetación de ribera y caudales ecológicos), como una acción de restauración de conectividad y habitat.