A situación da anguía volve estar no punto de mira tras o Nadal: este martes volveu fracasar o intento do Goberno de incluír a anguía no listado de especies Lespre na categoría de “en perigo de extinción”, o que suporía unha protección estrita coa prohibición total da súa captura, unha medida contra a sobreexplotación. Isto ocorreu durante o Comité de Flora e Fauna, onde non se acadou a maioría simple que se precisaba ara continuar o trámite. Galicia, Asturias, Cantabria, Murcia, Comunidade Valenciana e Baleares rexeitaron a proposta, mentres Cataluña, Navarra, La Rioja, Extremadura, Aragón, Castela e León, Madrid, Castela-La Mancha, País Vasco e Andalucía tampouco a apoiaron, condicionando as súas aportaciones segundo a información que se comparta no ámbito do grupo de traballo que se vai crear e ao debate posterior.
Os gobernos autonómicos falan de motivos económicos. No caso da Xunta, asegura que as confrarías se verían afectadas. Segundo Europapress, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, explicou que hai tres plans galegos para a especie nas rías de Vigo, Arousa e Ferrol. “Ano tras ano adáptanse á normativa e aos requisitos da lexislación nacional e europea”, sinala. Tras a reunión da Asociación Profesional da Pesca e Comercialización da Anguía (Aproang) o pasado 11 de febreiro, Villaverde reiterou a defensa dun modelo de aproveitamento responsable que permita compatibilizar a conservación do recurso co mantemento da actividade pesqueira.
Pero a ciencia non está de acordo. O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) leva anos aconsellando este cesamento completo da pesca da anguía (Anguilla anguilla) e das súas crías, os meixóns. “A especie atópase en perigo crítico e fóra dos seus límites biolóxicos de seguridade“, explican dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). “É un descenso alarmante e xeneralizado“, sentenzaba Nachón nesta reportaxe publicada en decembro en GCiencia. Un exemplo son as anguías do río Ulla, onde a estación itiolóxica do couto de Ximonde estima unha redución de entre o 80% e o 90% dos individuos que pasan por ese punto. Mentres, o tramo final do río Miño é o único lugar de Galicia onde aínda se permite legalmente a captura do meixón.
Outros actores importantes decidiron entrar no debate: os cociñeiros. Todo comezou coas declaracións do chef vasco Andoni Luis Aduriz na súa conta de Instagram, na que criticaba abertamente a compañeiros de profesión por amosar “bacanais completas de cría de anguía” e solicitaba unha reflexión colectiva para evitar a súa extinción. Este foi o primeiro paso cara a unha campaña a favor da protección dende o MITECO en mans de representantes da alta cociña española, como Ángel León, Joan Roca ou a galega Beatriz Sotelo.
Unha iniciativa reincidente
Se se aprobase a medida proposta polo Goberno, a prohibición da pesca da anguía sería total. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico emprendeu a campaña para concienciar sobre a necesidade de declarar a anguía “en perigo de extinción”. Trátase dunha medida que xa se intentara establecer no ano 2020 e, de novo, hai pouco máis dun ano, cando tampouco conseguiron o consenso das comunidades autónomas, que negan a evidencia científica detrás do declive da anguía.
A ferramenta para difundir esta mensaxe foi un vídeo que conta coa participación de chefs de renome de toda España: Andoni Luis Aduriz, Joan Roca, Yolanda León, Diego Guerrero, Ángel León, Jesús Sánchez, Maca de Castro, María Gómez, Isabel Álvarez e Beatriz Sotelo dan vida á frase “Meixóns non, grazas”. Pola súa banda, outros galegos como Pepe Solla ou Javier Olleros tamén decidiron falar sobre o tema. Este último declaraba na Voz de Galicia que “os meixóns só son o exemplo máis visible do esgotamento do noso mar”.
A viaxe da anguía europea
O nacemento da anguía europea localízase no corazón do océano Atlántico, no Mar dos Sargazos. Dende alí, como larvas, comezan unha viaxe de 6.000 quilómetros ata as costas do continente, con Galicia ás portas. Esta odisea realízanna como larvas durante un ano enteiro, propulsadas pola Corrente do Golfo cara a Europa. No momento no que acadan a costa, transfórmanse en meixóns, pequenos e transparentes, e inician o seu camiño cara aos ríos, como o Miño. Alí, medran durante anos ata converterse en anguías, momento no que poden reproducirse e regresar ao Mar dos Sargazos para desovar e morrer onde todo comezou.
Unha das peculiaridades desta especie é que, cando son meixóns, empregan unhatécnica de supervivencia que consiste na unión de miles de exemplares en forma de bóla para parecer máis grandes ante os seus depredadores. Con todo, iso non parece funcionar ante unha práctica humana: a sobrepesca.
A fondo: a situación en Galicia
O abrupto declive da anguía en Galicia é un fenómeno multifactorial. En primeiro lugar, o seu hábitat sufriu unha drástica redución do 80% en 100 anos, segundo David J. Nachón. A comezos do século XX, a sopreboación, a construción de grandes presas hidroeléctricas e muíños nos leitos dos ríos levou ao confinamento das poboacións de anguías a poucos quilómetros do mar. No caso do Miño, dende o encoro de Frieira ata a súa desembocadura.
Esperábase que, tras o cese da súa instalación a partir dos anos sesenta, se estabilizase a situación, pero non foi así. Apareceron novas ameazas para a especie, como a introdución nos anos oitenta dun parasito que afecta a vexiga natatoria deste peixe: un nematodo que procede de Asia e que chegou a Europa a causa do comercio de anguía xapónica. “Este parasito non adoita causar mortalidade directa, pero si reduce a calidade de vida“, sinala o investigador do IEO.
Agora, tras o Nadal, púidose comprobar máis que nunca que a anguía europea é un luxo gastronómico. A causa da baixa oferta, un quilo de Anguilla anguilla custou 643,43 euros de media en decembro nas lonxas galegas. Así, expertos como Nachón suxiren que a única solución viable para recuperar a especie é a prohibición da actividade pesqueira, seguindo a proposta do Goberno central.















Pero que vai dicir esta tropiña que temos instalada permanentemente en San Caetano? É de esperar outra cousa que non sexa o camuflexe “Villaverde reiterou a defensa dun modelo de aproveitamento responsable que permita compatibilizar a conservación do recurso co mantemento da actividade pesqueira”. É que me dá a risa total. Estes fan tipo Epstein, con cartos a gogó, chicas/chicos a gogó e anguías e 643euros/kg, para o seu disfrute en selectas bacanais.
Por outra banda, a respecto da influencia que pode supoñer a existencia de presas de muíños, venme ao recordo que, cando era pequeno e ía co meu pai e recoller o feno aló polo mes de xullo, en prados situados na conca do río Tuño, afluente do río Arnoia, sempre collía algunha anguía no rego que nacía nun dos prados. E aínda non fixeran a presa de Frieira, pero sí había multitude de muíños, moitos deles xa en desuso a mediados dos anos 60. Quero dicir con isto que a influencia destas presas de muíños debe de ser escasa. ë maís, neste caso concreto, bastante máis alto é o seime (fervenza) no canón do baixo Arnoia, e máis era superada polas anguías.