Galicia é a principal representante na produción nacional de mexillón (Mytilus galloprovincialis), concentrando arredor do 99% do total. A produción localízase principalmente entre a ría de Arousa (Pontevedra) e Sada (A Coruña). Con todo, só o 25% do produto fresco se destina ao comercio local. Esta realidade está a ser analizada pola Asociación Alimentta a través de estudos sobre a pegada de carbono, nos que participa o investigador Sebastián Villasante, do CRETUS-EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo é analizar a cadea de valor do mexillón para identificar puntos de mellora que permitan avanzar cara a unha alimentación máis nutritiva e sostible. Segundo os datos do estudo, as emisións asociadas á demanda de consumo do mexillón en España (considerando a produción e comercialización de todo o mundo que se consume no territorio nacional) sitúanse en 6,3 quilos de CO2 equivalente por cada quilo de carne comestible.
Ata o de agora, este tipo de análises centráranse unicamente na fase de extracción do produto. Por exemplo, para calcular a pegada de carbono da pesca do atún elaborábase un inventario dos gastos, da enerxía e dos materiais empregados por unha frota para capturalo. Pola contra, este novo estudo amplía o foco a toda a cadea de valor, dende a produción ata a comercialización, incluíndo importacións, exportacións e fluxos intraprovinciais. Para iso empregáronse datos correspondentes ao ano 2017, o máis recente con información completa dispoñible.
No ámbito mariño, a investigación comezou analizando o atún, a pescada e o mexillón. Este último é, segundo Villasante, “a especie máis importante de consumo dos produtos acuícolas en España”. A singularidade da industria mexilloeira galega reside no seu sistema de cultivo natural, que non require pensos e aditivos e, por tanto, resulta nunha produción sostible. En España, a presentación en conserva —en escabeche e en salmoira— é a que maior impacto xera, ao concentrar o 54% das emisións totais, debido principalmente á intensidade enerxética das fábricas, os envases e aos ingredientes adicionais. Así, aínda que o consumo de mexillón fresco é elevado, este apenas representa o 25% das emisións totais do consumo de mexillón en España.
Produción e mexillón en conserva
A cadea de subministración do mexillón para o consumo doméstico nacional dívidese en tres fases principais: a produción, que engloba o cultivo en batea e a obtención do produto; o procesado, coa transformación, limpeza, cocción e envasado; e, finalmente, o transporte ata o consumidor. A produción é o proceso que máis pegada de carbono xera, cun 45%, seguido do procesado (43%) e o transporte (12-13%). “As análises de pegada de carbono están ligados á sostibilidade, sobre todo cando se transportan os produtos”, explica.
A conserva é a opción menos sostible (8,5 kgCO2eq por kg de carne para o escabeche e 6,7 kgCO2eq por kg de carne para a salmoira). “Fundamentalmente elabórase en lata, e súa produción ten un custo enerxético maior ca vendelo fresco, sen tratamento adicional”, explica Sebastián Villasante. Neste proceso é necesario empregar materiais para fabricar o envase, consumir enerxía na súa produción, utilizar auga para a cocción e mesmo a produción de aceite. “Todo iso xera unha pegada de carbono”, subliña o investigador.
Así, as etapas industriais, considerando tanto a industria española como o proceso de produción e comercialización no estranxeiro, “representan o 57% das emisións totais na cadea da salmoira“, aclara. Trátase do factor con maior peso da cadea, pois segundo os resultados tamén amosan un 4,1 kgCO2eq para o mexillón fresco e 3,6 kgCO2eq para o conxelado. Das 276.000 toneladas de mexillón fresco dispoñibles, o 60% deles destínase á industria do conxelado e a conserva.
Alto valor nutricional e baixo impacto ambiental
O mexillón destaca polo seu elevado valor nutricional, reducido impacto ambiental e custo. En 2021, a revista científica Nature publicou un estudo pioneiro no que, por primeira vez, se analizaban de maneira conxunta as principais especies consumidas polos seres humanos. Entre as quince de maior valor nutricional, dez son especies mariñas e o mexillón é a segunda con maior valor nutricional para a saúde humana. Tal e como sinala o investigador, “as verduras teñen unha menor pegada de carbono ca o mexillón, pero tamén achegan un menor valor nutricional”.
Concretamente, o cultivo do mexillón achega proteínas de altísima calidade, converténdose nunha fonte para a alimentación humana sostible fronte a outras fontes de proteína animal, ademais de proporcionar micronutrientes esenciais para a dieta da poboación española.
Neste contexto, o reto pasa por avanzar cara a modelos de produción semellantes ao desenvolvido en Galicia, baseado nun sistema de cultivo natural e eficiente. A isto súmase o seu baixo custo, unha das características máis atractivas do sector e que esperta interese a nivel internacional, con exemplos como Chile, Nova Zelandia e, en Europa, Bélxica.
Vías sostibles
Para acadar unha maior sostibilidade, pódense establecer múltiples vías. Entre elas, Sebastián Villasante fala de “reducir a distancia de transporte, consumir máis fresco e dedicar unha maior parte da produción ao consumo en España”. Con todo, tamén é consciente das dificultades que isto supón: “Hai unha cultura e unha preferencia na poboación de consumir os produtos dunha forma determinada”.
Pero cales poden ser as estratexias dunha pequena empresa galega que se dedica ao sector? “Se traballa exclusivamente co mexillón, pode concentrar os seus esforzos na comercialización local”, sinala, para así ter menos custos de transporte e aproveitar a elevada calidade que ten o mexillón galego no mercado. Iso sen ter en conta os posibles cambios institucionais que poden influír: Galicia, que tamén depende das importacións, vólvese vulnerable ante o contexto internacional. “Dependes do que outros países poidan decidir, se deseñar unha estratexia de desenvolvemento local ou destinala á exportación”, aclara. Deste xeito, importar ou exportar moito a un só país pode xerar unha situación de maior risco ou vulnerabilidade fronte a turbulencias actuais. A solución pode ser diversificar mercados e fortalecer a produción interna en sectores estratéxicos.
No traballo salientan ademais unha menor intensidade de procesado para consumir menos enerxía e materiais, unha loxística optimizada para que, no caso de transportar, sexa eficiente. Sobre todo, subliñan o consumo local para revitalizar o mercado de proximidade e diminuír a dependencia de longas cadenas de subministro e embalaxe.
Referencia: The carbon footprint of the mussel food chain in Spain (Publicado en Resources, Conservation & Recycling)















Lin isto hoxe mércores 18, pola mañán, e decidín ir ao mercado a coller mexilón fresco, e iso que me gusta máis o de conserva en escabeche. Estudos coma este deberan ter máis divulgación para que a sociedade asumira un rol de consumo diferente diferente. Claro que, tamén estou a pensar nun posible estudo da pegada de C para as viaxes lowcost, esencialmente as de avión e tren de alta velocidade.