A día de hoxe, a industria do mexillón en Galicia enfróntase a unha situación complexa: a escaseza de semente está a xerar tensións entre os distintos actores do sector, dende bateeiros ata conserveiras, e a produción vese afectada. Segundo datos do CSIC, ao longo do 2024 recolleuse un 21% menos de mexillón que nas dúas últimas décadas. Como resposta a esta problemática, comezan a xurdir iniciativas innovadoras, como o proxecto MytUniSex, impulsado pola Universidade de Vigo`(UVigo).
Liderado polo investigador Ángel Pérez Diz e co CEO Manuel García á fronte, esta idea ten como obxectivo producir semente de mexillón en laboratorio baixo demanda, así como desenvolver e comercializar liñas de mexillón unisex, seleccionadas polo seu interese comercial vinculado á cor da súa vianda.
Grazas ao apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, a liña de investigación iniciada por Ángel Pérez na súa tese no ano 2000 conseguiu avanzar ata un TRL 3-4, é dicir, ata a proba de concepto experimental. Na actualidade, atópase xa nun TRL 7, unha fase na que o equipo logrou obter as primeiras colleitas de mexillón unisex cultivado en medio natural.
O seguinte paso a curto prazo será a constitución dunha spin-off chamada BenjamINN, para a cal xa están a buscar investimento, especialmente dentro do sector do mexillón. A creación desta spin-off deriva do programa Ignicia, que promove a chegada ao mercado dos resultados de investigacións como esta, a través da sinatura de acordos de licenza coa industria ou creación de spin-offs, como é o caso de MytUniSex.
Hatcheries de mexillón
Como destaca Ángel Pérez, a importancia deste proxecto achega dúas innovacións principais ao sector. Unha delas é a capacidade de producir mexilla en criadeiros controlados en laboratorio, coñecidos como hatcheries en inglés. “Ata onde sabemos, esta técnica aínda non se implementou no mexillón”, explica o investigador principal.
Estes criadeiros de mexillón non existen en Europa, mais si hai iniciativas semellantes noutras partes do mundo con distintas especies, como o mexillón verde en Nova Zelandia ou a ostra en Francia. Nestes sistemas, os científicos procuran reproducir os procesos naturais, modificando parámetros como a alimentación ou a temperatura para asegurar a dispoñibilidade continua de semente ao longo do ano.
A pesar de ser unha novidade no sector galego, o líder do proxecto considera que a creación de hatcheries é parte dun proceso evolutivo lóxico na acuicultura. Por unha banda, permitirían responder mellor a situacións imprevistas como a escaseza de semente vivida na última década; por outra, mellorarían a calidade e competitividade dos produtos.
A cor dos mexillóns e a selección unisex
Outra das innovacións clave do proxecto MytUniSex ten que ver coa aparencia do propio mexillón. A través da selección xenética clásica mediante cruces controlados, o equipo procura desenvolver liñas de mexillón con características concretas que teñan maior valor comercial. Mais, que buscan? Mexillóns cunha vianda de cor laranxa intensa, máis atractiva para o consumidor e, en consecuencia, máis demandada polas conserveiras.
Esta cor está estreitamente relacionada co sexo do molusco: “Os mexillóns moi laranxas son practicamente todos femias, mentres que os de cor máis pálida son machos”, explica o investigador. A partir desta relación, traballan na produción de liñas que denominan “unisex”, un enfoque con décadas de investigación tanto na Universidade de Vigo como noutros centros especializados. En Galicia, empregan a especie Mytilus galloprovincialis, propia da costa atlántica.

Este coñecemento baséase en proxectos de investigación con financiamento público, publicacións científicas e na experiencia acumulada na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, integrada no Centro de Investigación Mariña (CIM). É importante subliñar que, a pesar da desinformación, este proceso non implica modificación xenética, nin transxénese, nin edición xenética, senón que son froito da selección natural.
Ademais dos mexillóns con cores vibrantes, dende MytUniSex tamén exploran novas alternativas comerciais. “O mexillón ten un valor inicial baixo e, aínda que coa escaseza sobe, segue estando por debaixo da ameixa ou da ostra”, apunta Ángel Pérez. Por iso, unha das vías que se explora é a creación de produtos gourmet a partir destas liñas seleccionadas, aproveitando tanto as femias como as súas características biolóxicas. Un exemplo é a obtención de ovocitos, a partir dos cales se pode elaborar unha especie de “caviar de mexillón”, utilizando técnicas de alta cociña.
Unha luz sobre a industria acuícola

O traballo das conserveiras e bateeiros conta cunha longa tradición en Galicia. Por iso, introducir innovacións non sempre resulta sinxelo. A este respecto, Ángel Pérez é claro: “A selección xenética é un paso que quedaba por dar”. Nos períodos de estabilidade non parece urxente introducir cambios. Non obstante, o cambio climático e a variabilidade na dispoñibilidade de semente obrigan a anticiparse.
Con todo, na fase actual de desenvolvemento, a semente medrou con normalidade nas bateas, e o resultado foi prometedor: “A xente do sector pensa que é viable, e saen uns mexillóns preciosos”, afirma o investigador. Ata este momento, demostrouse que o produto se pode comercializar.
“Tras o procedemento inicial, axustamos e aprendemos”, asegura Ángel Pérez. Agora están pensando na posibilidade de patentar parte do proceso da produción de liñas de mexillón unisex. Este proxecto dá resposta a unha sección do sector conserveiro: cando hai escaseza, cómpre unha forma máis eficiente de obter un mexillón cunhas características concretas. E é aí onde aparece MytUniSex.
Futuro como spin-off
Na actualidade, MytUniSex traballa na súa constitución como spin-off empresarial. Segundo explica o seu CEO, Manuel García, o primeiro obxectivo a “moi curto prazo” é producir 800 toneladas de mexilla unisex. A medio prazo, aspiran a desenvolver novas liñas para ser referentes acuícolas do mexillón pola súa resistencia, tamaño, peso e alimentación.
Para iso, a súa actividade centrarase na produción e venda a confrarías, distribuidores, agrupacións de bateeiros e conserveiras con bateas propias. Aínda que se trata dun sector tradicional, “hai un cambio xeracional e as empresas si que están innovando”, explica. O reto reside en que o sector vaia por diante das novas necesidades, do mercado e das condicións ambientais.
“O mexillón de Galicia compite pola calidade, non pola súa explotación”, asegura o CEO de BenjamINN. Lembra como, nos anuncios de mexillóns, todas as imaxes amosan exemplares de carne laranxa intensa. “Fóra de Galicia pode haber quen chegue a ofrecer este servizo”, advirte García, polo que considera fundamental que o sector galego compita dende a excelencia a través da innovación.
Para iso, é clave acompañar o proceso cun período de formación e aceptación do produto no mercado. Así, MytUniSex convértese nunha ponte que conecta o coñecemento científico e a xeración de valor real, innovación e beneficio para a acuicultura e a industria conserveira de Galicia.















Gran error.
Si cada vez hay menos mejillones es porque no les dejan reproducirse, los recogen antes para venderlos con más peso.
Si encima ahora solo van a cultivar hembras… agravamos el problema.
La Ría de Vigo se quedará sin mejillón y dependeremos de los criaderos de laboratorio. Interés económico como siempre.