Bastóns de oídos, cabichas, cordas… Este é o lixo máis común atopado nas praias galegas

Investigadores portugueses analizan dúas décadas de lixo mariño na costa ibérica do Atlántico e inclúen os areais de Rodas, A Lanzada, Rostro e Baldaio

Bastóns para os oídos, cordas e restos de aparellos de pesca, cabichas, gorras, anacos de madeira ou de metal e moito plástico… Un sen fin de lixo chega diariamente ás nosas praias e litorais, dándolle visibilidade a unha contaminación crecente que atenta directamente contra a vida mariña e ameaza a saúde das persoas. Unha contaminación que nos dá na cara e incrépanos.

Pero canta lixo chega? Que tipo de macroresiduos —definidos como desfeitos sólidos de máis de 2,5 centímetros—  se atopan nas praias? Cales son os elementos máis habituais? Existe un patrón cíclico de arribada? O lixo que recollemos nos nosos areais defínenos? Para responder, entre outras, a estas preguntas púxose en marcha o programa europeo OSPAR para a protección do medio ambiente mariño do Atlántico Nordeste, ao que se sumaron, entre outros países, España e Portugal. 

Publicidade

Os datos recollidos ao amparo do programa OSPAR permiten facer a Umberto Andriolo e Gil Gonçalves, profesores da Universidade de Coimbra e investigadores do Instituto de Enxeñería de Sistemas de Computación de Coimbra (INESCC), unha análise espacial e temporal sobre os lixos mariños na costa ibérica do Atlántico Norte. O traballo foi publicado na revista Marine Pollution Bulletin.

Nacións Unidas define como lixo mariño calquera material sólido persistente, manufacturado ou procesado que foi descartado, vertido ou eliminado no medio ambiente mariño ou costeiro. Un marco asumido polos investigadores portugueses.

Publicidade

Andriolo e Gonçalves basean o seu informe nas mostras e datos recollidos durante dúas décadas (2002-2020) en 25 praias: 18 do litoral continental portugués, distribuídas en cinco rexións xeográficas: norte, costa central, Lisboa, Alentejo e Algarve) e 7 españolas: catro localizadas en Galicia e tres en Andalucía. Os areais galegos incluídos no estudo son Rodas (Cíes), A Lanzada (Sanxenxo-O Grove), Rostro (Fisterra) e Baldaio (Carballo).

Aumenta un 35% a basura acumulada 

Ademais dunha diagnose xeral, dúas décadas de estudo reflicten tamén oscilacións temporais, e en cantidade e tipoloxía de residuos chegados aos distintos puntos da costa ibérica atlántica. A saúde do mar é preocupante. Así, no período analizado (2002-2020) a mediana de residuos acumulados aumentou un 35%; os plásticos supoñen, hoxe en día, o 70% do material analizado, converténdose no desfeito máis común na última década esutudada en todas as áreas, excepto Andalucía.

Os autores advirten da carencia de datos puntuais nalgunha praia e da ausencia de control do litoral portugués no período 2007-2012, o que lles leva a falar de tendencias xerais de lixo varado. Estas carencias de datos, con todo, non afectan a costa galega, cuxos areais —Rodas, A Lanzada, Rostro e Baldaio— estiveron monitorizados de maneira ininterrompida durante as case dúas décadas obxecto de estudo. 

En Galicia, durante a primeira década analizada (2002-2012) os residuos que chegaron ás praias en maior medida foron artigos sanitarios, e en concreto, os bastóns de algodón. Mentres que as gorras, as cordas e restos da actividade pesqueira e as cabichas exhibiron un patrón cíclico en termos de prevalencia na costa. 

O 87% do lixo é plástico

Os plásticos foron gañando terreo co paso dos anos, atopándose de maneira xeneralizada en toda a costa ibérica atlántica, tal como queda acreditado cos datos correspondentes ao período 2017-2020. As pezas de plástico convertéronse nos residuos máis comúns nas tres rexións máis ao norte —Galicia, Norte de Portugal e Centro de Portugal—, chegando a supoñer o 87% do lixo controlado na costa galega. Mentres tanto, as cabichas mantivéronse como lixo máis frecuente nas áreas de Lisboa e do Alentejo, e os areais andaluces seguiron coas cordas vinculadas á pesca no primeiro posto.

Praias da costa atlántica ibérica analizadas no estudo sobre o lixo mariño.
Praias da costa atlántica ibérica analizadas no estudo sobre o lixo mariño.

A intensa actividade pesqueira de Galicia e Andalucía explica a persistencia das cordas como elemento residual habitual na súa costa, situándose no primeiro lugar no período 2013-2017 e permanecendo no segundo posto da lista no período 2017-2020, último analizado.

Ademais, a análise estacional non revelou variacións significativas, xa que os artigos residuais documentados máis frecuentes mantiveron unha abundancia constante nas catro estaciones.

O lixo mariño é xa un problema global, ao que PNUMA (Programa de Medio Ambiente de Nacións Unidas) pon cifras: cada ano os mares reciben 6,4 millóns de toneladas de residuos, dos que o 70% acaban no fondo, un 15% mantense na columna de auga e o 15% restante chegan ás praias.


Referencia: Two decades of marine litter surveys on the North Atlantic Iberian coast: a spatial and temporal analysis of the OSPAR dataset for Portugal and Spain (Publicado en Marine Pollution Bulletin)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores