Que se fai cos residuos radioactivos de hospitais e centrais nucleares?

*Un artigo de Logo The Conversation

Ao meu avó Xoel acábanlle de dar a súa primeira sesión de radioterapia contra un cancro de ósos. Irradiárono con estroncio-89 (Sr-89), que é un isótopo radioactivo do estroncio que emite radiación beta, con gran capacidade de penetración no corpo humano. Fantástico para aplicar nun tumor maligno, pero moi perigoso en calquera outra parte do organismo dun ser vivo.

Publicidade

Despois duns dous meses de ser usado no hospital, o Sr-89 ten que ser substituído e pasa a ser un refugallo. Pero non é como os que nós xeramos na nosa casa: é radioactivo e necesita un tratamento adecuado. Como?

Primeiro, almacénase no propio hospital ata que é recollido por Enresa, que é a empresa que se encarga en España da xestión desta clase de residuos. Este isótopo, xunto a outros refugallos radioactivos xerados no hospital, vai por estrada nun transporte especial ao centro de almacenamento de El Cabril, en Córdoba.

Publicidade

Baixo toneladas de formigón

Nesta instalación, reciben un tratamento e acondicionamento específico. Logo, gárdanse en bidóns metálicos de 220 litros de capacidade, nos que un terzo son residuos e os dous terzos restantes formigón. Estes bidóns métense nuns contedores de formigón, inxéctaselles cemento para obter un bloque compacto e cóbrense cunha tapa de formigón.

Finalmente os contedores —dunhas 24 toneladas— introdúcense nas celas de almacenamento, que unha vez cheas con 320 contedores cóbrense tamén cunha tapa de formigón.

Neste centro, que funciona desde 1992, non só se almacenan restos radioactivos que proveñen de hospitais, senón tamén doutros sectores: industria, investigación, eléctrico, alimentación, minería, hidroloxía, arte e medio ambiente. Todos teñen unha emisión de radiación baixa, non xeran calor e a súa actividade radioactiva diminuirá á metade en menos de 30 anos. Para entendernos mellor, son todos os residuos radioactivos que non proveñen do combustible que se utiliza nas centrais nucleares. Tanto en España como noutros países do mundo, utilízase esta solución para a súa xestión definitiva desde hai máis de 40 anos.

Os das centrais nucleares, máis perigosos

En España temos cinco centrais nucleares con sete reactores. E cada 18 a 24 meses é necesario cambiar parte do combustible, que son unhas barras metálicas recheas de pastillas de dióxido de uranio. Aquí, nestas pastillas, prodúcense centos de isótopos radioactivos que emiten doses de radiación moi elevadas, xeran moitísima calor e seguirán sendo radioactivos centos de miles de anos despois. E non, non se poden levar a El Cabril.

Que se fai entón? O combustible gastado en España almacénase de forma temporal nas piscinas que existen dentro dos reactores nucleares. A auga destas piscinas serve para refrixerar e protexer contra a radiación. O obxectivo é que, despois duns 50 anos, o combustible se poida manexar con maior seguridade.

O problema é que a capacidade das piscinas en España esgotouse, polo que se recorreu tamén a un almacenamento temporal en contedores especiais colocados no exterior das centrais nucleares, como se fai tamén en moitos outros países.

Outra solución temporal é almacenar o combustible gastado de todas as centrais nunha instalación centralizada. En España, tentouse en Villar de Cañas (Cuenca), pero por diferentes motivos está opción non saíu adiante. Noutros países, como en Holanda, unha instalación deste tipo en superficie funciona desde hai anos nun polígono industrial de Nieuwdorp.

Cara a unha solución definitiva

Todas estas solucións para o combustible gastado son temporais. Entón, que se fai para a súa xestión definitiva? A solución adoptada a nivel internacional é o almacenamento profundo nunha formación xeolóxica adecuada (granitos ou arxilas). Isto requiriu moitos anos de investigación e de financiamento en todo o mundo.

A idea é moi sinxela e está baseada na natureza. Trátase de interpoñer diferentes barreiras entre os residuos e nós, como se fai nas matrioshkas, as bonecas rusas tradicionais.

Hoxe en día, non funciona aínda ningunha destas instalacións, pero algúns países como Finlandia, Suecia e Francia xa decidiron onde construirán estes almacenamentos en profundidade. Pero en España non: levamos un pouco de atraso.

En 2073, debería estar en funcionamento en España unha instalación deste tipo. Por que tan tarde? O problema é que se trata dun tema político moi delicado que non é nada rendible en termos electorais a curto prazo. Xa o farán outros. O máis complicado é atopar un lugar que cumpra con todos os requisitos técnicos e de seguridade, que son moitos, para a súa construción. E, sobre todo, que exista a aceptación da cidadanía.

En ocasións esquécesenos que, durante os últimos 20 anos, a xeración de electricidade de orixe nuclear en España foi do 20-25%. Con esta electricidade, ademais da xerada con outro tipo de enerxías renovables ou non renovables, cargamos a batería dos nosos móbiles, acendemos as luces ou a lavadora na nosa casa, e fabricouse o coche que conducimos. E sexa cal for a decisión que se tome sobre a utilización das centrais nucleares, os seus residuos haberá que recollelos e xestionalos adecuadamente. Ou ímoslle a deixar este problema aos nosos fillos e netos?

Por certo, grazas ao Sr-89, que agora debe de estar en El Cabril, o meu avó Xoel está curado e gozando da vida.


*Cláusula de divulgación: Luis Montenegro Pérez, como parte dun grupo de investigación do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, recibiu financiamento para o seu traballo en temas relacionados coa xestión dos residuos radioactivos. Trátase de convocatorias de proxectos de investigación nacionais e internacionais, así como de contratos a través da normativa da UDC.

Luis Montenegro Pérez
Luis Montenegro Pérez
Investigador no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) e profesor titular en Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría Enerxética

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras da UDC exploran o potencial da tecnoloxía en nenos con parálise cerebral unilateral

Os resultados en menores de entre 3 e 7 anos amosan unha maior implicación da extremidade afectada durante tarefas motivadoras

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

A UDC logra distinguir moléculas case idénticas nunha alga invasora con potenciais usos biomédicos

O estudo do CICA analiza partículas presentes en 'Sargassum muticum' e propón unha nova estratexia para identificar compostos naturais altamente flexibles