O día en que o pesqueiro galego ‘Xurelo’ freou as verteduras nucleares de Europa

En 1981, unha pequena embarcación enfrontouse aos cargueiros europeos polo lanzamento de máis de 200.000 toneladas de residuos preto da costa

As consecuencias das radiacións nucleares non soan a algo próximo ou a un problema presente en Galicia. Quizais porque a mente pensa en armas de destrución masiva ou grandes centrais nucleares. De momento, a Xunta non ten asignado un presuposto para un “Proxecto Manhattan” e nin Pontevedra nin Lugo parecen o obxectivo dunha suposta guerra nuclear. Aínda así, o risco existe. Baixo a auga, a centos de quilómetros pero relativamente preto da costa galega, hai residuos nucleares. Concretamente, máis de 200.000 toneladas. Unha historia ignorada polas institucións, pero que marcou un punto de inflexión para a loita ecoloxista.

Como toda boa historia, ten os seus protagonistas: os 14 tripulantes do Xurelo. Entre eles, atopábanse o escritor Manuel Rivas, o profesor Roxelio Pérez e o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), Carlos Vales.

Publicidade

A loita remóntase ao ano 1981. Desde 1949, varios países europeos utilizaron a chamada Foxa Atlántica, unha zona na que non hai movementos de terra importantes, para verter os refugallos radioactivos. A zona atópase a uns 700 quilómetros e a máis de 4.000 metros de profundidade. Con intención de frear os cargueiros que lanzaban estes bidóns radioactivos, os 14 activistas e xornalistas, xunto con 4 mariñeiros, utilizaron un pesqueiro cun nome digno deste David contra Goliat: Xurelo.

Non era, nin sequera, a intención de Greenpeace, a organización que quería mandar un dos seus barcos ata esa zona. O que pasa é que se avariou o buque que querían enviar, así que pediron axuda a Esquerda Galega. E así, en setembro dese ano, o Xurelo colocouse fronte aos barcos que facían esas verteduras. En moitos casos obrigou a interromper a operación. En calquera caso, a súa acción conseguiu poñer o foco da súa atención neste tema.

Publicidade

Un segundo asalto

A historia non rematou aí. Un ano despois, Xurelo volveu, pero con reforzos. Dous pesqueiros e o Sirius de Greenpeace achegáronse ata os barcos para intentar frear o seu particular Goliat. Os activistas foron recibidos con chorros de auga a presión e o barco non deixou de lanzar bidóns ao mar.

A imaxe deu a volta ao mundo. Ecoloxistas coas súas lanchas ao lado do cargueiro mentres este lanzaba os residuos aínda que debaixo estiveran os activistas. Algúns deles non volveron nin nas súas lanchas. Modesto “Tin” Solla pisou terra nos Países Baixos. O galego abordou xunto con outros compañeiros o cargueiro, a modo de protesta. O tamén exsecretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) foi detido á súa chegada ao país europeo e pasou dous días no cárcere. Este recordaba para RTVE, anos despois, o apoio de toda Europa. “De forma altruísta colaborabamos e uniámonos por un fin por un obxectivo que criamos xusto”, explicaba Solla.

Mentres tanto, a maioría dos activistas volveron ás súas casas ante a alegría de miles de persoas. Recibidos como heroes, seguiron loitando con protestas en Galicia, algo que contaxiou a outros puntos de Europa, como Londres. Ao final, a presión política chegou a Bruxelas. Os países implicados acordaron unha moratoria para as verteduras de refugallos radioactivos. En 1993 a prohibición foi definitiva.

As verteduras na actualidade

A historia, por desgraza, non rematou aí. E é que, 32 anos despois, aínda non hai un coñecemento profundo sobre o estado das verteduras. A última campaña homologable sobre este tema foi en 1988. A maioría de análises desde que o Xurelo chamase a atención de todo o mundo foron de mostras superficiais.

Agora, un equipo liderado polo xeólogo Javier Escartín e o físico Patrick Chardon xa estudan a situación da zona. Os investigadores do Centro Nacional para a Investigación Científica en Francia (CNRS) fixeron unha mostraxe da auga e dos sedimentos. Tamén enviaron, e esta é unha das partes fundamentais da investigación, o sonar AUV UlyX que recolle os seus datos nun disco duro que pode estar ata a 6.000 metros de profundidade.

https://bsky.app/profile/jescartin.bsky.social/post/3ls6k2tqnac2j

A misión é unha das partes do proxecto NODSSUM, que nesta primeira fase durará un mes. O robot cartografará os barrís, fotografaraos e identificará zonas para a mostraxe da auga. Na segunda fase da campaña, o equipo francés realizará estudos e tomará as mostras nas inmediacións dos barrís.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana