Dous proxectos da área de Santiago avanzan na prevención do fígado graxo e da insuficiencia cardíaca

Facultativos e outros profesionais de centros de saúde colaboran en Esteato-Gal e LUSAPIC para combater estas doenzas

Esteato-Gal e LUSAPIC, dous proxectos desenvolvidos directamente por profesionais da área sanitaria de Santiago de Compostela, están a conseguir importantes avances para facilitar a detección precoz de dúas enfermidades cunha alta incidencia na poboación como son o fígado graxo e a insuficiencia cardíaca. A calidade e os resultados obtidos por ámbolos dous proxectos levounos a seren finalistas nos I Premios de Investigación en Saúde Transfronteirizos Galicia-Norte de Portugal. 

Manuel Portela, médico e investigador que coordina o proxecto Esteato-Gal, explica que a idea xurdiu pola necesidade de acadar un sistema para prever as consecuencias da enfermidade hepática metabólica (coñecida como fígado graxo) xa que é una patoloxía cunha alta incidencia especialmente en pacientes que presentan factores coadxuvantes como a diabetes, a obesidade e o trastorno metabólico.  

Publicidade

“Nunha primeira fase comezamos facendo ecografías hepáticas a aqueles pacientes que podían ser candidatos a desenvolver a enfermidade e despois tamén fixemos escáneres a este tipo de pacientes para comparar os resultados cos das ecografías. O obxectivo era a detección precoz da esteatose hepática para comezar a tratala e evitar que poida chegar a converterse nunha cirrose. A esteatose é a causa máis importante de cirrose hepática de orixe non alcohólica”, sinala Portela. 

Unha vez que se detecta a predisposición a poder sufrir a enfermidade hepática, os pacientes reciben nos propios centros de saúde información sobre hábitos de vida saudables e nutrición para ter máis posibilidades de non chegar a desenvolver a patoloxía, ademais de axustar o tratamento no caso daqueles que xa teñen un primeiro estadio da enfermidade. 

Publicidade

Nos distintos centros de saúde da área de Santiago nos que se están a desenvolver o proxecto hai uns 100 pacientes que foron elixidos para o seu seguimento. Os primeiros resultados xa se publicaron nunha revista médica e a idea é continuar co desenvolvemento do mesmo para poder seguir a evolución dos pacientes ao longo de tres anos. 

Proxecto LUSAPIC

O outro proxecto que se está a poñer en marcha na área de Santiago para prever, neste caso, a insuficiencia cardíaca é LUSAPIC. Trátase dunha doenza que non ten tanta prevalencia na poboación pero si que é a que provoca un maior número de ingresos hospitalarios. Segundo explica o doutor Sergio Cinza, coordinador do proxecto, o obxectivo é tratar de evitar os ingresos hospitalarios e detectar dun xeito precoz a deterioración dos pacientes. 

Cinza explica que os doentes con insuficiencia cardíaca teñen tendencia a descompensarse en moitas ocasión e con rapidez polo que, no centro de saúde de Milladoiro no que traballa, viron a necesidade de como prever estas descompensacións para evitar os ingresos hospitalarios urxentes, que son malos para a saúde do paciente e tamén para o propio sistema sanitario. 

“Unha vez que este tipo de doentes ingresa, o seu prognóstico é moito peor. Resulta fundamental anticiparse á descompensación. O procedemento que implantamos consiste en facer unha ecografía de pulmón aos pacientes que sofren esta doenza para comprobar se teñen líquido, porque é o indicador de que poden sufrir unha descompensación. O que se fai no caso de detectar o líquido é comezar un tratamento con diuréticos para que poida eliminar o líquido, deste xeito pode conseguirse evitar o ingreso e que o paciente mellore”, sinala Cinza. 

O proxecto está a espera de recibir a autorización do comité de ética do Sergas para poder implantarse no próximo outono. “Xa temos os ecógrafos preparados e só agardamos a autorización para poder comezar. Temos uns 100 pacientes aos que lles fariamos o seguimento”, apunta o coordinador do proxecto. 

Ámbalas dúas iniciativas son exemplo destacado de como é posible aplicar a investigación sanitaria directamente sobre os pacientes que xa están a ser atendidos nos centros de saúde. Sen dúbida, os profesionais que atenden diariamente os doentes contan coa experiencia necesaria para detectar as súas necesidades e cales poden ser os instrumentos máis axeitados para conseguir o obxectivo de prever e combater máis eficazmente as doenzas que padecen. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago identifica novos biomarcadores da obesidade e do fígado graxo

O estudo do IDIS revela novos mecanismos de comunicación entre órganos a través de vesículas extracelulares

Investigadoras da USC atopan unha nova diana contra o fígado graxo

A investigación do CiMUS abre a porta a novas opcións terapéuticas para unha patoloxía que afecta o 25% da poboación española

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento