Un equipo de Santiago identifica novos biomarcadores da obesidade e do fígado graxo

O estudo do IDIS revela novos mecanismos de comunicación entre órganos a través de vesículas extracelulares

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acaba de publicar na revista Journal of Translational Medicine un estudo no que revelan novos mecanismos de comunicación entre órganos a través de vesículas extracelulares no contexto da obesidade e das súas comorbilidades, como o fígado graxo. O grupo identificou biomarcadores que poderían ser indicadores da progresión das enfermidades nas primeiras etapas. O traballo forma parte da tese de Nerea Lago, investigadora do grupo Obesidómica do IDIS.

“Levamos anos desenvolvendo distintas liñas centradas no estudo das vesículas extracelulares, que son unhas pequenas esferas liberadas por todas as células do noso organismo e presentes en calquera fluído biolóxico. Posibilitan a comunicación entre si de células e tecidos dunha maneira moi sofisticada, non só en condicións normais, senón en situacións de enfermidade”, explica María Pardo, líder do grupo.

Publicidade

“Este estudo demostra que o tecido adiposo humano de pacientes con obesidade secreta vesículas, que denominamos obesosomas, que teñen a capacidade de interactuar con células do sistema inmunolóxico tipicamente presentes na graxa acumulada durante o desenvolvemento da obesidade, promovendo a súa inflamación e a liberación de citocinas proinflamatorias. Este fenómeno podería estar exacerbando non só o ciclo de inflamación local e sistémico asociado á obesidade, senón tamén promovendo a resistencia á insulina (diabetes) tanto a nivel local como a distancia”, indica a investigadora.

Afectación na enfermidade de fígado graxo non alcohólico

O traballo permitiu demostrar a interacción directa dos obesosomas liberados polo tecido graxo de pacientes con obesidade, co fígado. Isto provoca nos hepatocitos unha redución significativa da sensibilidade á insulina (promovendo a diabetes) e unha alteración das vías do metabolismo de lípidos e glicosa asociadas ao desenvolvemento do fígado graxo, unha patoloxía común no sobrepeso e na obesidade.

Publicidade

Este achado é particularmente relevante no caso das vesículas liberadas polo tecido adiposo situado a nivel central (visceral) en pacientes con obesidade, xa que lograron describir como estes obesosomas son considerablemente máis nocivos que os secretados pola graxa subcutánea. O efecto deletéreo dos obesosomas viscerais está relacionado coa diabetes e o grao de inflamación do paciente con obesidade.

Doutra banda, no estudo observouse que os hepatocitos, no desenvolvemento do fígado graxo, liberan vesículas denominadas esteatosomas (de esteatose hepática), que son funcionais e provocan resistencia á insulina ao interactuar con hepatocitos sans, empeorando así a enfermidade do fígado graxo unha vez establecida.

Finalmente, o grupo do IDIS destaca o avance que supuxo poder caracterizar, por primeira vez, o contido molecular presente no interior destas vesículas, especificamente ao analizar a carga proteica dos esteatosomas secretados por hepatocitos en condicións de esteatose. Esta análise resalta a importancia dos esteatosomas como reservorios de biomarcadores de enfermidade hepática nas súas etapas iniciais e como posibles indicadores da progresión da enfermidade, o que os converte en candidatos prometedores para a súa análise non invasiva e personalizada mediante estudos de biopsia líquida.


Referencia: Intra and inter-organ communication through extracellular vesicles in obesity: functional role of obesesomes and steatosomes (Publicado en Journal of Translational Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Unha investigación galega abre unha nova vía para mellorar o diagnóstico de tumores en tecidos brandos

O equipo de Radioloxía do CHUS e do IDIS combina por primeira vez a elastografía e a microvascularización para coñecer mellor o comportamento biolóxico das lesións