A borrasca Martinho activa a alerta laranxa por forte temporal: estes son os concellos afectados

A primavera arrinca este xoves ás 10 horas por vento no mar e ondas e refachos que poden superar os 100 km/h en terra

A chegada da primavera, que arrinca este xoves ás 10 horas, vén acompañada dunha forte borrasca atlántica situada ao oeste de Galicia. Considerada de grande impacto e nomeada Martinho, o sistema de baixas presións activará as alertas nas vindeiras horas por temporal marítimo e fortes refachos de vento que poderán acadar os 100 km/h e, puntualmente, os 130. Agárdanse precipitacións, tamén en forma de neve, máis frecuentes entre venres e sábado, que poden vir acompañadas “dun auténtico vendaval”. Martinho irá perdendo influencia durante a fin de semana, dando paso á chegada das altas presións a partir do domingo.

Pontevedra, a máis afectada

Avisos activos por concellos para este xoves. Foto: Meteogalicia

Con todo, Galicia vivirá nos próximos días un forte temporal de vento e temporal, sobre todo no mar. A provincia máis afectada ao longo deste xoves será Pontevedra, con 47 concellos en alerta laranxa por ventos de entre 70 km/h e 80 km/h: Catoira, Valga, Pontecesures, A Estrada, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro, Dozón, Lalín, Silleda, Forcarei, Cerdedo-Cotobate, A Lama, Fornelos de Montes, Covelo, A Cañiza, Pazos de Borbén, Mos, Redondela, Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Oia, Cangas, Bueu, Moaña, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Pontevedra, Poio, Meaño, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Meis, Ribadumia, Barro, Portas, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa.

Publicidade

A seguinte provincia con máis municipios afectados é A Coruña, con 22, por refachos superiores aos 100 km/h: Camariñas, Vimianzo, Zas, Muxía, Dumbría, Mazaricos, Cee, Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Lousame, Rois, Padrón, Dodro e Rianxo. E, finalmente, Ourense, con 19 concellos en alerta laranxa por ventos que poden acadar os 80 km/h: Riós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo, O Bolo, A Veiga, Carballeda, Manzaneda, Vilariño de Conso, Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil, Esgos, Xunqueira, Maceda e Montederramo.

Melloría de cara ao domingo

O resto de Galicia estará en alerta amarela, tamén por fortes ventos, durante o xoves. As precipitacións, que serán máis frecuentes e intensas no sur e no oeste do país, poderán chegar aos cumios máis altos en forma de neve. A situación de inestabilidade continuará durante o venres, cando a alerta laranxa se desactive e se manteña a amarela no mar, tanto na Costa da Morte como nas Rías Baixas. Segundo Meteogalicia, será unha xornada de chuvias xeneralizadas en toda Galicia e ceos moi nubrados. Os ventos continuarán sendo os protagonistas, con refachos moi fortes.

Publicidade

O sábado non se agardan grandes cambios na configuración atmosférica, malia que Martinho se irá movendo progresivamente cara ao norte. Con todo, haberá chuvias xeneralizadas, sobre todo pola tarde. De momento non hai activada ningunha alerta. Dado o desprazamento da forte borrasca, Meteogalicia prognostica que a partir do domingo se produza un cambio de tempo e entren as novas presións, o que redundaría nun aumento das temperaturas e na baixa probabilidade de chuvia. Así, malia que os primeiros días da primavera estarán marcados polas precipitacións e os fortes ventos, unha vez pasada a fin de semana prevese a recuperación da estabilidade en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense