A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) acende o aviso laranxa no oeste da Coruña, que se manterá activo ata as 17.59 horas, por precipitacións que poden acumular ata 30 mm en tan só unha hora. Gran parte de Galicia tamén está en alerta amarela por fortes chuvias e posibles tormentas e sarabia. En concreto, están en aviso toda a provincia de Pontevedra: o centro de Lugo; o interior e o suroeste da Coruña; e o interior, noroeste e Miño de Ourense. Esta previsto que as alertas amarelas se manteñan durante o xoves por chuvias e tormentas na provincia de Pontevedra; no suroeste da Coruña; e no Miño, interior e noroeste de Ourense.
A situación de profunda inestabilidade na que se atopará Galicia entre o mércores e o xoves débese a unha borrasca situada ao noroeste. Agárdanse, por tanto, tormentas e precipitacións intensas na maior parte do territorio, pero con maior probabilidade na metade oeste e no sur. As temperaturas non superarán os 24 graos de máxima en ningunha das cidades galegas. A situación manterase de cara ao xoves, cando Galicia continúe baixo a influencia das baixas presións. Chegará, ademais, unha masa de aire frío que descenderá aínda máis as temperaturas, que roldarán os 20 graos de máxima.
Segundo a previsión de Meteogalicia, a estabilidade comezará a recuperarse a partir do venres, cando volva coller forza a influencia anticiclónica. Aínda así, agárdanse ceos nubrados e precipitacións máis probables no oeste, mentes que as temperaturas comezarán a ascender de forma progresiva. O sábado Galicia estará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, cunha xornada de ceos nubrados, agás en certas zonas de Ourense e no sur de Lugo. De cara ao domingo e a comezos da vindeira semana, todo apunta a que se recupera de forma definitiva a influencia anticlónica e espérase unha baixa probabilidade de precipitación.













