Un estudo afonda nas alerxias aos ácaros: “Galicia é unha das zonas con máis prevalencia do mundo”

Unha investigación relaciona a sensibilidade ás proteínas dos artrópodos presentes no po con maior severidade de asma e rinite persistente

A alerxia é un problema de saúde crecente entre a sociedade. Nunha década, a metade da poboación padecerá esta afección en maior ou menor grao: así o afirma o alergólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Manuel Rial Prado. O doutor vén de publicar, xunto a varios especialistas de múltiples centros médicos, un estudo sobre a prevalencia molecular que teñen os alérxenos dos ácaros en diferentes rexións nacionais, o que afecta o impacto das alerxias en cada área. Dentro de Galicia, o perfil da Coruña é especialmente complexo por presentar tres especies distintas e, en consecuencia, unha maior variedade de elementos que poidan causar alerxia na poboación.

O autor destaca que Galicia, en específico, é unha rexión clave neste campo de investigación: “Somos unha zona especialmente sensible ás alerxias, dado que temos unha presión ambiental dos ácaros moi elevada“. Rial engade que as proteínas destes arácnidos microscópicos son o alérxeno máis prevalente no mundo; a comunidade galega, en concreto, é unha das máis afectadas a nivel global debido ás condicións climáticas que favorecen o desenvolvemento destes pequenos artrópodos.

Publicidade

Un mapa actualizado

“Os alergólogos de varios hospitais notamos que nos últimos anos está cambiando o patrón de sensibilización típico. Hai determinados ácaros en zonas onde non deberían estar, e xa non todos os pacientes responden ás inmunoterapias habituais”, recoñece Manuel Rial. O investigador explica que existe unha referencia nacional de alérxenos que apenas experimentou actualizacións nos últimos anos. A teoría xa non é un espello da realidade. Por este motivo, os tratamentos que ata este punto foran útiles están perdendo efecto, ou, mellor dito, están deixando de telo sobre un grupo crecente de pacientes.

“Un ácaro ten moitas proteínas. Cando un laboratorio crea unha vacina, usa os datos da súa poboación e identifica os alérxenos aos que están habituados nesa zona. Entón, se emprego unha vacina creada en Alemaña ou en Inglaterra en pacientes de Galicia, é posible que os seus sistemas non recoñezan a proteína sobre a que actúa o tratamento”, indica o doutor do hospital de Ferrol.

Publicidade

O experto en alerxias sinala que esta situación foi o que o levou a investigar os perfís de sensibilidade nalgúns puntos especialmente dados a presentar estas afeccións por causa dos ácaros no territorio nacional. A análise comezou con mostras de sangue que, tras ser centrifugadas, produciron un soro no que queda a parte proteica. Tomáronse 458 mostras entre Galicia, o País Vasco, Valencia, as Illas Baleares e as Illas Canarias e estudouse a presenza de anticorpos en múltiples proteínas a través da plataforma de análise multiplex MADx.

Os resultados: o perfil galego é complexo

Hai varios condicionantes na sensibilidade aos ácaros. O experto en alerxias enumera os seguintes: “A idade, o tempo de exposición e a zona xeográfica, debido, isto último, á presión climática sobre o alérxeno”. Como conta Manuel Rial, o sistema recoñecerá máis ácaros a medida que se envellece, polo que unha persoa adulta será máis alérxica que un meniño.

O tempo de exposición aos alérxenos dunha área específica tamén xogan un papel na sensibilidade molecular aos mesmos. Isto tívose en conta para escoller os participantes do estudo: “As persoas tiveron que estar un mínimo de dez anos na zona que se ía analizar“, aclara o doutor.

No relativo ao espazo xeográfico, a investigación achou que Galicia ten un perfil moi complexo. “En Galicia temos unhas condicións de humidade moi superiores a áreas do interior. Os reinos dos ácaros en España son Galicia e as Canarias“, sinala Rial. Polo tanto, engade, os pacientes galegos, que están máis expostos a estes alérxenos, son idóneos para realizar estudos alergolóxicos.

As especies con máis impacto

Manuel Rial explica que hai tres especies de ácaros que destacan en Galicia: son o Dermatophagoides pteronyssinus, que é o ácaro común con máis presenza; e o Blomia tropicalis e Lepidoglyphus destructor. Estes dous últimos denomínanse ácaros menores ou de almacenamento debido a que tradicionalmente se atopaban en áreas de almacenaxe. “Adoitaban acharse en zonas rurais, pero actualmente teñen unha presión moi alta en toda Galicia”, recoñece o doutor.

Manuel Rial explica que a investigación concluíu que a distribución destes tres arácnidos varía ao longo da comunidade. “Na área sanitaria da Coruña e Cee están presentes as tres especies; é a zona máis complexa dende o punto de vista alergolóxico”, conta Rial. En Santiago de Compostela e a súa contorna tamén se atopa o Dermatophagoides pteronyssinus, mais case non se rexistraron Blomia tropicalis. No caso do Lepidoglyphus destructor observaron que o resultado variaba en función da procedencia específica da persoa: puideron detectar o ácaro nas persoas que viñan de áreas rurais. O caso de Lugo é similar: pode detectarse o ácaro común en xeral, pero o Lepidoglyphus destructor destaca en quen vive fóra da propia cidade.

Así e todo, o investigador sinala Compostela como unha pequena excepción nos resultados: “En Santiago, aínda que chove moito, non hai a mesma humidade relativa que no mar. Ademais, os ácaros non toleran ben os cambios de temperatura”. Así, a capital galega desentoa fronte ás áreas costeiras que a rodean.

A relación dos ácaros coas afeccións respiratorias

O estudo determinou unha relación clínica entre a sensibilidade aos ácaros e certas afeccións respiratorias. “Moitas das proteínas dos ácaros son proteasas [é dicir, enzimas que rompen outras proteínas]. Destrúen o noso epitelio respiratorio, que temos tanto no nariz como nos bronquios e que nos protexen dos alérxenos. Se os ácaros atravesan dito epitelio, entrarán en contacto moito máis rápido coas células inmunolóxicas”, explica o investigador. Engade que, por isto, é máis fácil que os pacientes cuxos sistemas recoñecen moitas proteínas desenvolvan afeccións severas, en especial asma e rinite persistente.

Este estudo formula a necesidade de cambiar as baterías de diagnóstico estándar para ampliar o número de alérxenos analizados. “Estamos vendo que hai que probar alérxenos que antes non se facía, porque doutro xeito non se detectarán”, conclúe o alergólogo do hospital de Ferrol.


Referencia: Diversidade rexional dos principais alérxenos de ácaros do po doméstico (HDM) en España: perfís moleculares e correlacións clínicas publicado no Journal of Allergy and Clinical Immunology: Global.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a comida é veleno: alerxias alimentarias, un problema en alza

Cacahuetes, ovos e leite son produtos inofensivos para a maioría, pero para algunhas persoas son unha ameaza perigosa, mesmo letal

O 20% dos nenos galegos sofren alerxias, cos ácaros do po como a máis habitual

O cambio climático e o conxunto de factores aos que estamos expostos favorecen o incremento de persoas que a sofren

As choivas dan un respiro aos alérxicos ao pole, que enfrontan novas ameazas pola mimosa e o cambio climático

Alergólogos recomendan ás persoas con alerxias consultar as ferramentas de información que prevén a concentración de pole no aire

Bacterias, fungos, ácaros… Estes son todos os teus diminutos compañeiros de cama

Un estudo demostrou que, tras unha semana de uso, a funda da almofada pode albergar tres millóns de patóxenos por centímetro cadrado