Venres 29 Marzo 2024

Humanos e ácaros evolucionamos xuntos

Todos os seres humanos, sen excepción, teñen ácaros. A comunidade científica descoñece polo momento como se adhiren, se transmiten e que papel xogan, pero ten a certeza de que están relacionados con certas enfermidades cutáneas. Así se defende nun artigo publicado esta semana na revista da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos (coñecida como PNAS polas súas siglas en inglés), un estudo liderado por científicos do Bowdoin College e a Academia de Ciencias de California, e no que tamén participa a investigadora galega Iria Fernández, integrante do grupo Phylogenomics da Universidade de Vigo, pero que actualmente traballa nesta academia con sede en San Francisco, a onde chegou grazas ao programa europeo de formación de investigadores Marie Curie.

A investigación fai unha viaxe pola “fascinante pero pouco coñecida” historia dos ácaros Demodex folliculorum, usando probas xenéticas para vincular a evolución do animal microscópico coa do propio ser humano. Tras recoller mostras de ácaros de todo o mundo, este equipo científico descubriu que as diferentes poboacións humanas teñen distintos ácaros, que eses microrganismos seguen familias a través de xeracións e que non se transfiren casualmente entre os seres humanos.

Publicidade

Demodex follicorum, unha das dúas especies de ácaros que viven na faciana dos humanos.
Demodex follicorum, unha das dúas especies de ácaros que viven na faciana dos humanos.

Aínda que habitualmente traballa con organismos mariños, Iria Fernández participou neste estudo centrándose na realización de análises de ADN, analíticas que serven para estudar os patróns de intercambios de migrantes entre poboacións e distribucións xeográficas de liñaxes. “Unha das cousas realmente fascinantes da bioloxía é que todos os organismos, por grandes ou pequenos que sexan, e cada un co seu estilo de vida, teñen as mesmas propiedades fundamentais e proceden todos dun antecesor común”, explica desde San Francisco a investigadora, que fai fincapé en que a evolución sempre deixa marcas no xenoma, “por iso eu podo utilizar as mesmas ferramentas de análise de ADN para estudar de igual xeito a evolución dun peixe, unha planta ou un ácaro, como foi neste caso”.

“Os ácaros dos membros da mesma familia gardan alto grao de parentesco”, explica Fernández

Segundo se recolle no artigo, en Latinoamérica atopáronse ácaros de liñaxe europeo, africano e asiático, “como era de esperar nun continente no que a poboación descende maioritariamente de nativos americanos, conquistadores europeos e escravos africanos”, subliña a investigadora, que resalta que “curiosamente” as persoas de orixe asiático ou africano que viven en Estados Unidos manteñen ácaros da liñaxe dos seus devanceiros e que os mesmos ácaros persisten nunha mesma persoa durante varios anos. “Ademais, os ácaros dos membros da mesma familia tamén gardan un alto grao de parentesco”, explica Fernández, quen aclara que todo isto, xunto con outros moitos datos, os levou a concluír que os ácaros e os humanos están intimamente ligados e que a súa historia evolutiva corre en paralelo.

Cos resultados deste estudo sobre a mesa ábrense agora vías para utilizar estes organismos para resolver preguntas pendentes relacionadas coa historia das migracións humanas. Nesta liña a investigadora explica como anteriores estudos de ADN de prantas (a pataca doce e o taro) e animais domésticos (porcos e galiñas) foron utilizados para resolver preguntas pendentes relacionadas coa colonización de Oceanía e a existencia de contactos precolombinos entre habitantes de Sudamérica e das illas do Pacífico.

Iria Fernández tomou numerosas mostras de ácaros da cara.
Iria Fernández tomou numerosas mostras de ácaros da cara.

Mellorar o coñecemento dos ácaros do rostro axudará a entender a evolución humana e tamén o papel que xogan na saúde das persoas. Se ben para a maior parte da xente os ácaros son inofensivos, noutros casos poden estar asociados con diversos trastornos da pel e os ollos, incluíndo a rosácea e blefaritis, “unha doenza que provoca a inflamación do borde das pálpebras”, explica Fernández, que fai fincapé en que esta é unha das razóns que fai necesario seguir investigando. A publicación deste artigo supón un novo paso na traxectoria da bióloga Iria Fernández, pois, tal como explica, PNAS é unha das revistas científicas máis prestixiosas a nivel internacional. Leva case dous anos en San Francisco como investigadora da Academia das Ciencias de California, un dos museos de historia natural máis importantes do mundo, e antes estivera na de Hawai, e tamén en Okinawa, Xapón. “Con todos estes grupos manteño o contacto”, explica Fernández.

“O grupo de David Posada é excelente, e a Universidade de Vigo lidera o Campus do Mar no que colaboran outras institucións galegas e do norte de Portugal”, lembrou Fernández, ao tempo que subliñou que agarda poder aplicar o coñecemento adquirido e aproveitar a colaboración con grupos estranxeiros para avanzar no estudo dos ecosistemas mariños en Galicia e o Atlántico nordeste. “A principal riqueza de Galicia é o mar e a investigación en bioloxía mariña é fundamental para poder lograr e manter o equilibrio entre o uso do mar para a pesca e actividades recreativas e a a saúde do ecosistema”, resaltou, ao tempo que fixo fincapé en que “é fundamental acercar este coñecemento á sociedade porque as persoas coidamos o que amamos, e amamos o que coñecemos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que os humanos non teñen cola? A resposta está nos “xenes saltóns”

Un estudo publicado na revista 'Nature' explica que secuencias móbiles de ADN propiciaron a perda deste apéndice

Os bebés con Down eran enterrados con rituais específicos na prehistoria europea

Unha investigación identificou seis casos de nenos e fetos, cinco deles de entre 5.000 e 2.500 anos atrás