AtlantTIC deseña un novo sistema de comunicación vía satélite con drones

Investigadores de AtlantTIC, en colaboración con Gradiant e SCR (Sistemas de Control Remoto, SL) do grupo Everis Aeroespacial y Defensa, veñen de desenvolver, ao abeiro do proxecto Táctica, un sistema innovador de comunicación satelital en tempo real en drons. Esta nova tecnoloxía probouse no aeródromo de Rozas (Lugo), onde se levaron a cabo voos experimentais que permitiron validar con drons e nunha contorna real o sistema de comunicación satélite desenvolvido para uso civil. Os test centráronse nun novo sistema de comunicacións embarcado nun dron e conectado en tempo real a través dun satélite que permite transmitir máis información en menos tempo, adaptándose automaticamente á canle para transmitir sen erros. A realización de probas reais, que segundo os investigadores é especialmente complexa no caso das comunicacións por satélite, permite contrastar a tecnoloxía moito mellor ca nunha contorna de laboratorio.

O equipo de transmisións vía satélite de alta capacidade.
O equipo de transmisións vía satélite de alta capacidade.

O reto desta investigación reside en mellorar os actuais sistemas de comunicación vía satélite para escenarios de mobilidade centrándose no ámbito civil (drons, coches, avións, barcos), posto que actualmente xa existen drons no ámbito militar que incorporan sistemas de comunicación por satélite moi sofisticados. Para isto, AtlantTIC desenvolveu algoritmos de adaptación de enlace que permiten adecuar as transmisións ás condicións nas que se atopa a canle. Deste xeito, mellórase a fiabilidade da comunicación nas diferentes condicións de voo e auméntase a velocidade de transmisión de datos.
Para achegar o estado de maduración da tecnoloxía a unha fase próxima a produto, AtlantTIC contou co coñecemento e experiencia do Centro Tecnolóxico Gradiant e da empresa SCR. Os primeiros foron os responsables de integrar os algoritmos en un hardware de comunicacións ad-hoc, un prototipo embarcable nun UAV (drone ou vehículo aéreo non tripulado) que se comunicou a través dun satélite norteamericano a 10.500 km de altura cunha base terrestre situada en Vigo. A experiencia en innovación de SCR, fixo posible realizar os voos de proba desta tecnoloxía grazas á súa plataforma de voo ATLANTIC, un UAV de medio alcance que permite voar cargas de pago de 7kg en misións de ata cinco horas.

O proxecto busca incorporar a uso civil tecnoloxías de datos que só se usan no eido militar

O desenvolvemento do algoritmo e a posibilidade de realizar as probas reais insírese nunha das liñas de traballos principais do proxecto Táctica, que conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Esta iniciativa, liderada polo centro AtlantTIC, plantexouse como un gran proxecto de I+D, con varios eidos de investigación que impulsasen o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia arredor da EE de Telecomunicación e que permitan xerar coñecemento aplicado con resultados transferibles á industria. Así, e tras anos de estreita colaboración coa Axencia Espacial Europea, AtlantTIC tense consolidado como referente internacional no eido das comunicacións por satélite e o éxito das probas realizadas abre un novo espectro de oportunidades para o centro no marco do sector dos UAV, unha industria que foi adquirindo peso en Galicia nos últimos tempos e onde a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apostou fortemente co UAV Civil Initiative, para crear un polo de desenvolvemento tecnolóxico-industrial no ámbito dos sistemas aéreos non tripulados.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pint of Science: “É fantástico pasar do contexto pechado da investigación á contorna afable dos bares”

O investigador de atlanTTic Diego Cajaraville dará o 19 de maio ás 19:30 horas unha charla no bar De Catro a Catro de Vigo

Fernando Aguado: “A variación do sinal con respecto a Vigo axudará a situar Orion na Artemis II”

O catedrático da Universidade de Vigo cualifica de “soño” a participación do seu equipo no percorrido cara á Lúa na nova misión da NASA

Galicia, na misión Artemis II da NASA: así traballa a UVigo no seguimento de Orion

Un grupo de atlanTTic analizará unha monitoraxe continua durante dez días para asegurar a correcta traxectoria da cápsula

atlanTTic impulsa unha rede experimental única de referencia internacional en 5G e 6G

O centro da UVigo desprega no campus de Lagoas-Marcosende unha infraestrutura avanzada para validar comunicacións móbiles de nova xeración en contornas reais