O 20% dos nenos galegos sofren alerxias, cos ácaros do po como a máis habitual

O cambio climático e o conxunto de factores aos que estamos expostos favorecen o incremento de persoas que a sofren

Un de cada cinco nenos galegos sofren alerxias. Unha cifra que, lonxe de diminuír, vai en aumento co paso dos anos por factores como o cambio climático e o exposoma, é dicir, a exposición a todos os factores que nos inflúen no día a día ao longo de toda a nosa vida, desde os medioambientais a outros de índole social como o lugar onde vivimos ou o nivel de vida económico.

Galicia, por exemplo, está condicionada pola humidade que traen as frontes atlánticas que atravesan a súa xeografía de forma constante. Para as alerxias, a humidade ambiental é unha arma de dobre fío. Converte o territorio galego nun refuxio para as persoas con reacción ao pole das plantas e condena aos que padecen a dos ácaros do po.

Publicidade

Estímase que o 70% dos pacientes que recorren aos servizos sanitarios en Galicia por síntomas de alerxia respiratoria son persoas con alerxia aos ácaros do po. As choivas que fan de puntos como Santiago unha das zonas máis húmidas da península eleva tamén a humidade intradomiciliaria. E esta favorece o crecemento dos ácaros.

Este minúsculo animal atopa as condicións óptimas para a súa reprodución e desenvolvemento cando a humidade rolda entre o 65 e o 70% e as temperaturas oscilan entre os 20 e os 25 grados. Galicia é, xunto con Canarias, as comunidades cantábricas e as mediterráneas, un dos territorios de todo o Estado máis sensibles á presenza desta subclase de arácnidos microscópicos.

Publicidade

Os ácaros, que por riba dos 1.100 metros de altitude non pode sobrevivir, viven durante todo o ano, aínda que atopan no outono a súa época máis propicia para reproducirse. O motivo son o aumento das choivas nun momento no que as temperaturas aínda se manteñen relativamente cálidas. En inverno, a calefacción e a falla de ventilación nos fogares fai que sigan manténdose nos fogares, namentres que en primavera e, sobre todo, en verán, a baixada das precipitacións contribúe a reducir os síntomas dos alérxicos aos ácaros do po.

Aumento de alerxias e asma

Os últimos estudios feitos en Galicia apuntan a unha tendencia alcista no número de casos de alerxia e asma entre os cativos. O motivo parece estar detrás do cambio climático, que desencadea múltiples cambios en distintos factores, o que leva a elevar o que se coñece como exposoma. Este termo fai referencia ao conxunto de factores que inflúen nunha persoa durante todo o seu ciclo vital. Desde a contaminación aos hábitos de vida e alimenticios, pasando polos factores económicos ou as características físicas de cada quen (o metabolismo, a inflamación ou a resposta inmune).

Deste xeito, a herdanza xenética e factores ambientais determinan, en gran medida, a posibilidade padecer rinite asociada á alerxia, tantas veces vinculada a outros problemas respiratorios como a asma. Unha recente investigación vén de destacar tamén o impacto do cambio climático para os alérxicos, especialmente para os que sofren de pole.

A investigación destaca que catro estudos examinados e comparados indicaron un aumento no uso de atención médica relacionada coa rinite alérxica, especialmente entre os residentes de baixos ingresos. Mentres que outros dous informaron de que os profesionais da saúde desexan máis educación sobre o cambio climático.

“A crise climática está a agravar a rinite alérxica. Os seus síntomas representan en si mesmos un problema significativo para a calidade de vida. Ademais, o empeoramento desta resposta inmunitaria tamén incrementa o risco de infeccións sinusais e do desenvolvemento de asma alérxica”, aseguran as autoras da investigación da Universidade de Washington (Estados Unidos).

O panorama para as persoas que sofren alerxia e as novidades no seu tratamento serán abordadas no congreso da Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alergoloxía e Asma Pediátrica (Seicap), que terá lugar na segunda semana de maio en Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro