Tes alerxia ao pole? Así é como o cambio climático agrava os teus síntomas

Unha revisión de estudos relaciona os efectos do quecemento global cunhas concentracións de alérxenos cada vez maiores

Coa chegada da primavera, a rinite alérxica esténdese entre as persoas que a sofren ano tras ano. Esta reacción inflamatoria da mucosa nasal prodúcese por unha hipersensibilidade do sistema inmunitario a substancias ambientais.

Un estudo liderado por Alisha R. Pershad e Neelima Tummala, científicas da Universidade de Washington (Estados Unidos), analiza 30 artigos publicados entre 2000 e 2023 para coñecer a relación entre o aumento das temperaturas e a intensificación destes síntomas.

Publicidade

Segundo 17 destes estudos, as tempadas de pole son cada vez máis longas ou presentan maiores concentracións como consecuencia do cambio climático. Unha das razóns deste aumento do pole é o CO.

“O dióxido de carbono atmosférico favorece o crecemento de certas plantas e árbores. Isto permítelles producir máis pole mentres que plantas como a ambrosia permanecen activas máis tempo no outono”, segundo declaran a SINC as autoras deste traballo que publica a revista The Laryngoscope.

Publicidade

Juan José Zapata, presidente do Comité de Aerobioloxía Clínica da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), que non participou no estudo, explica a SINC: “Debido ás temperaturas suaves do inverno e as choivas de marzo medraron as poboacións das plantas e aumentou a polinización. Ademais, o estrés ao que está sometida a flora fai que se exprese en proteínas que normalmente son alérxenos. Isto provoca que o pole estea cargado de substancias moito máis alerxénicas e que procesen unha resposta máis inflamatoria no hóspede”.

Que pasará no futuro?

Os estudos retrospectivos incluídos neste traballo mostraron un aumento na gravidade e a duración dos períodos de alerxias. Dous deles desenvolveron modelos de proxección sobre como se espera que cambie o pole no futuro. Por exemplo, prevese un aumento na duración da tempada de pole dun 19%. Tamén un incremento na concentración total anual de entre un 16% e un 40%.

“Aínda que non podemos predicir con exactitude o que ocorrerá en cada época do ano, si podemos observar as tendencias nas tempadas de alerxias”, subliñan as autoras.

“Estas cifras axúdannos a identificar que a variación nas épocas de pole non é pequena. Pode ter consecuencias continuas para os pacientes con rinite alérxica”, continúan.

A súa implicación na saúde

A investigación tamén destaca que catro dos estudos examinados indicaron un aumento no uso de atención médica relacionada coa rinite alérxica, especialmente entre os residentes de baixos ingresos. Mentres que outros dous informaron de que os profesionais da saúde desexan máis educación sobre o cambio climático.

A crise climática está a agravar a rinite alérxica. Os seus síntomas representan en si mesmos un problema significativo para a calidade de vida. Ademais, o empeoramento desta resposta inmunitaria tamén incrementa o risco de infeccións sinusais e do desenvolvemento de asma alérxica”, aseguran as autoras.

R. Pershad recalca: “Os médicos están nunha posición privilexiada para observar o impacto da rinite alérxica nos resultados dos pacientes e poden adaptar a súa práctica a medida que se intensifica o cambio climático. Ademais, como voces de confianza para a comunidade, deberían aproveitar a súa experiencia de primeira liña para avogar por un cambio significativo na loita contra esta crise”.

Nese sentido José Zapata, argumenta: “A partir do cambio climático antropoxénico producido pola actividade humana, estamos a ver respostas nos pacientes cunha mucosa moito máis irritada e con maiores posibilidades de ser danada por certos alérxenos que están no ambiente”.

Como empezan as alerxias?

A alerxia é unha reacción esaxerada do sistema inmunolóxico ante substancias que en condicións normais son inofensivas para o resto das persoas. A predisposición para padecer unha alerxia depende dos xenes e da epixenética, aqueles xenes que poden cambiar co tempo. As persoas pasan por unha ‘marcha alérxica’ ao longo da súa vida. É dicir, unha serie de alerxias que se presentan de maneira secuencial que poden evolucionar co tempo.

“Os nenos aos meses de idade poden ter sensibilidade a certos alimentos como o leite ou os ovos. Logo poden presentar problemas de pel como a dermatite atópica. Empezan a sensibilizarse ante alérxenos como ácaros, poles ou fungos. Isto fai que se configure esa secuencia de alerxias”, explica Zapata.

Con todo, este tipo de reaccións pode comezar en calquera momento da vida. Por exemplo, entre os 25 e 35 anos tamén hai unha casuística moi importante de alerxias.

“Actualmente estamos a ver fenómenos que antes non sucedían. Pacientes por encima dos 65 anos mostran afectacións de sensibilidades por primeira vez. Por tanto, desenvolver unha alerxia vai depender moito do medio externo e da impregnación xenética que cada paciente teña”, conclúe o presidente do SEAIC.


Referencia: How Climate Change Is Impacting Allergic Rhinitis: A Scoping Review (Publicado en The Laryngoscope)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis vexetación, máis pole: por que esta primavera será peor para os alérxicos en Galicia?

As borrascas de febreiro acumularon humidade que elevará os niveis de gran de bidueiro en Pontevedra, Ourense e Lugo

Alerta, alérxicos: os niveis de pole dispáranse esta fin de semana

Veñen días complicados para as persoas que sofren alerxias, con días solleiros e ventos que traerán o pole da floración das oliveiras do sur da península

As choivas dan un respiro aos alérxicos ao pole, que enfrontan novas ameazas pola mimosa e o cambio climático

Alergólogos recomendan ás persoas con alerxias consultar as ferramentas de información que prevén a concentración de pole no aire

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades