Bibiana Campos: “Trump quere unha elite intelectual de líderes ricos, brancos, cristiáns e homes”

Doutora en Química, a galega regresou á terra dos Estados Unidos meses antes do regreso de Trump ao poder: "O seu é ignorancia"

A universidade é o novo campo de batalla para a administración de Donald Trump na súa guerra contra o coñecemento e a ciencia. Un ecosistema que coñece moi ben a galega Bibiana Campos Seijo, doutora en Química pola Universidade de Manchester que regresou á súa terra no verán de 2024 desde os Estados Unidos, país no que residiu a última década. Alí continuou unha carreira que a levou a ser unha referencia no ámbito das publicacións científicas centradas na química. Decidiu regresar ao seu país meses antes das eleccións que devolveron a Trump ao despacho oval, desde onde emprendeu unha ofensiva contra a ciencia, con anuncios de recortes masivos en programas e institucións. Analizamos con Campos Seijo o panorama para o coñecemento na nova etapa do republicano na Casa Branca.

— Investigación médica, NASA, universidades… que cres que hai detrás desta ofensiva da administración Trump contra a ciencia e o coñecemento?

Publicidade

— Ignorancia. Creo que é un intento de utilizar o poder político para manipular a ciencia. Non ten moito sentido, porque evidentemente calquera avance científico é un avance para a humanidade, sobre todo cando ten que ver con cousas como a saúde, o medio ambiente, ou con institucións que teñen unha historia moi longa detrás. Falamos das mellores universidades e institucións do mundo. É un paso moi retrógrado e moi destrutivo.

— É unha guerra cultural, como din algúns?

Publicidade

— Non creo que haxa un odio da ciencia en si. Hai un certo esnobismo da administración cara á xente educada. É a loita contra organizacións establecidas. A idea de que, como dicía Trump en campaña, hai que limpar a auga estancada. Creo que pretenden renovar institucións que teñen unha historia moi longa e que son centros con ideas liberais ou que permiten que haxa todo tipo de ideoloxías facendo avances importantes. Identificounos como obxectivos. Harvard ten moita xente poderosa detrás, antigos alumnos que dan diñeiro e que son de ideoloxía diferente e que ven o risco de capitular ante este tipo de demandas que non só van danar a Harvard. Tamén danan á ciencia e ao avance científico.

— Ata o momento non se está a dar unha resposta frontal desde as institucións a estes plans de Trump.

— Polo de agora ninguén lle está a parar os pés nin enfrontándose a este tipo de cambios que son tan transformativos e tan destrutivos. Xa non falamos só de universidades como Harvard, por exemplo. Cando pensas na Food and Drug Administration (FDA) , o Centers for Disease Control (CDC), a Environmental Protection Agency (EPA)… Son institucións que, ao longo do mundo, son un exemplo en canto ao traballo que fan, o labor que desempeñan. E que unha persoa poida vir así sen máis e desmontalas… Paréceme que a democracia nos está a fallar un pouco nese sentido. Unha soa persoa non debería poder ter ese poder. E o Congreso parece que non está disposto a poñerse en pé e exercer ese privilexio que ten tamén. Aí hai un problema que ten que ver ca democracia nos Estados Unidos.

— Cales poden ser as consecuencias para o coñecemento nos Estados Unidos?

— A curto prazo, miles de persoas en paro. Xente moi especializada, con moita educación, que veñen de todas partes do mundo, por exemplo, ao National Institute of Health; e que os están botando á rúa sen tampouco moito plan. Porque en moitos casos botan aos investigadores, pechan os programas e á semana seguinte descobren que é un programa que é crítico e vólvenos a contratar. Iso quere dicir que non hai un plan moi robusto detrás de todo este tipo de accións que están a tomar. E iso evidentemente é moi preocupante. Creo que se está a esgotar o tempo, porque en tres meses que leva no cargo xa fixo moito dano.

Bibiana Campos con Jennifer Doudna
Bibiana Campos con Jennifer Doudna

— Está a darse un éxodo de investigadores e científicos desde os Estados Unidos?

— Son tres meses nada máis, entón é moi difícil para a xente cambiar vidas de hoxe para mañá. Toda a xente que perdeu o traballo, aos que lles pecharon os programas, que xa non reciben bolsas que pensaban que tiñan garantidas por un tempo. Toda esa xente está moi afectada. E despois, calquera persoa cun pouco de información ou criterio pensaríao dúas veces antes de trasladarse aos Estados Unidos para facer calquera tipo de investigación. É probable que haxa un éxodo que está a comezar agora. A situación é tan caótica e indefinida que a xente ten que pensar nas súas familias e o futuro. Porque o contexto é máis grande que o mundo da ciencia. Vai subir o custo da vida, vai ser máis difícil moverse, incluso dentro do país. Se es estranxeiro ou unha minoría, vanse poñer as cousas más difíciles.

— Vostede tomou a decisión persoal xusto antes das eleccións.

— Alégrome de que o fixeramos. Vivín alí durante os catro anos do primeiro mandato de Trump e foron anos moi duros porque cada día levantábaste cunha historia diferente e preguntábaste, como é posible que nun dos países máis poderosos do mundo pasen estas cousas? E agora este segundo mandato vai ser mesmo peor porque Trump xa coñece o sistema, coñece as institucións, xa fixo amigos, fixo inimigos… Estase asociando con xente como Jeff Bezos, Elon Musk, Marck Zuckerberg, xente dos medios de comunicación.. Paréceme que é unha especie de tornado que se está acelerando de maneira brutal e moi rapidamente.

— Están politizadas as universidades estadounidenses como di Trump?

-O que teñen é unha política diferente da del. É un presidente que pensa que os outros líderes do mundo teñen que bicarlle o cú. É unha persoa que demanda ese tipo de tratamento por parte dos outros. E supoño que lle parecerá mal que as universidades teñan outro tipo de maneira de gobernarse. As universidades suponse que son centros de excelencia para a educación, onde se forma aos líderes do mañá, onde se exploran ideas que están nos límites do que se explorou xa. Entón eu creo que ten que haber sempre, pois, de todos os extremos, non? E é algo que non está ben visto por Trump e os seus asociados. Pero non creo que as universidades estean tan politizadas. Pero é posible que as vexa así simplemente porque se negan a facer o que el quere.

Bibiana Campos
Bibiana Campos

— Que son os programas de diversidade que a administración Trump quere eliminar dos campus universitarios?

— Son programas que dan axudas a persoas de grupos que están infrarrepresentados. E iso, Trump e o seus nin o entenden nin o apoian. Se recoñecemos o talento como se facía antigamente, imos acabar cunha elite intelectual de líderes que ricos, brancos, cristiáns e homes. Estes programas están feitos para eliminar barreiras e apoiar a persoas que teñen diferentes contextos, que veñen de diferentes partes da sociedade, do mundo, doutras relixións, culturas. Para non restarlle mérito a ninguén, simplemente para asegurarse de que hai esa diversidade de pensamento nas universidades. Trump quere ver máis xente como el en posicións de poder. Entón, é unha maneira de chegar a ese estado.

— Como é a relación a nivel económico das universidades ca administración?

— Teñen un sistema de financiamento bastante complexo. Reciben diñeiro a nivel federal, a nivel filantrópico de antigos alumnos e teñen programas cos que tamén recadan cartos. Pero claro, as ameazas de Trump van doer moito. En Harvard estamos a falar de creo que 2.200 millóns de dólares. Aínda que sexa unha parte pequena das súas fontes de ingresos, é unha barbaridade de diñeiro. Supoño que cando Harvard se nega a capitular é porque teñen un plan sólido detrás.

-O plante de Harvard, co peso simbólico que ten, pode desatar un movemento contestatario contra Trump?

-Pode ser. É posíbel que intenten xerar un movemento nas institucións, unha especie de onda contra as decisións de Trump, probablemente intentando asociarse con compañías e figuras filantrópicas que se está a opoñer a este tipo de medidas tan ditatoriais. Harvard ten moitos anos de historia detrás e moito que perder. Están nunha posición de poder e creo que outras institucións virán detrás. Se están a pasar este tipo de cousas con tres meses no poder, quen vai quedar sen estar afectado? Se invaden ao teu veciño, vante invadir a ti despois porque estás no camiño. Este movemento ten que comezar por algún sitio.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns nenos teñen problemas coas matemáticas?

Investigadores detectan que certas habilidades cognitivas e de planificación inflúen no rendimiento académico infantil

Do Caribe a Galicia: as tartarugas mariñas atrapadas polas borrascas

Os temporais marítimos das últimas semanas achegan exemplares ao litoral, onde permanecen inmóbiles por hipotermia e inanición

Un estudo de Science con participación galega vincula células inmunitarias do cerebro coa fertilidade

O descubrimento abre novas vías para entender a puberdade e como se altera en trastornos endócrinos relacionados coa reprodución

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego