Venres 26 Abril 2024

Bautizan esta nova especie de verme co nome de Donald Trump

Cando o pasado ano Donald Trump retirou aos Estados Unidos do acordo climático de París, deu unha razón sorprendente: o seu país abandonaba a loita contra o cambio climático “para que o mundo se deixe de rir de nós”.

“Xa non queremos que outros líderes e outros países rían de nós, e non o farán”, prometeu Trump en xuño de 2017. O argumento era bastante infantil, como xa é un clásico no líder estadounidense. E tivo un efecto inesperado: agora é o mundo o que está a rir del.

Publicidade

Porque unha compañía de Londres chamada EnviroBuild pagou esta semana 25.000 dólares nunha poxa para poñerlle nome a unha nova especie de anfibio recén descuberta. E observaron semellanzas entre o inquilino da Casa Branca e a criatura serpentina, que é case cega e vive enterrada. Así que dende este martes ese verme se chama “Dermophis donaldtrumpi” en recoñecemento á posición do presidente sobre o cambio climático. Tamén fixeron a montaxe fotográfica que encabeza esta reportaxe.

Imaxe do Dermophis donaldtrumpi

O anuncio produciuse pouco despois do acordo desta fin de semana dos negociadores do clima en Polonia sobre as regras para implementar o pacto de París, que Trump considera contrario aos intereses de Estados Unidos.

A empresa EnviroBuild, que se dedica á construción con materiais sustentables e ecolóxicos, quere así chamar a atención sobre as terribles consecuencias no mundo real da negativa de Trump a recoñecer unha catástrofe ambiental, que os científicos din que podería chegar xa no ano 2040.

“Ao decatarnos das similitudes entre o asombrosa pero descoñecida criatura e o líder do mundo libre, non puidemos resistirnos a comprar os dereitos en honrar ao presidente”, dixo Aidan Bell, cofundador de EnviroBuild, a The Washington Post.

A firma agregou unha mopa de cabelo louro á imaxe dun anfibio da mesma familia para completar a sátira. Nun comunicado, a empresa dixo que Dermophis donaldtrumpi é especialmente vulnerable aos efectos do cambio climático e “por tanto, está en perigo de extinguirse como resultado directo das políticas climáticas do seu homónimo”.

Os dereitos de denominación puxéronse á venda o 8 de decembro nunha “Poxa de legados de especies” patrocinada por Rainforest Trust , unha organización sen fins de lucro para a conservación con sede en Virginia que cualificou ao evento como “a maior poxa de nomes de especies da historia”.

EnviroBuild recoñeceu que a autoridade para nomear unha nova especie adoita estar reservada para os biólogos. Bell sinalou que o título tería que someterse a unha revisión por pares, de acordo coas normas que rexen a nomenclatura zoológica. Pero non é a primeira vez que se honra a persoas famosas. O ex presidente George W. Bush, o ex vicepresidente Richard B. Cheney e o ex secretario de defensa Donald H. Rumsfeld teñen nomes de escaravellos. O nome de Beyonce adorna unha mosca de cabalo. E unha ra de árbore comparte nome co príncipe Carlos de Inglaterra.

O Dermophis donaldtrumpi mide 10 centímetros, é case cego e vive baixo a terra. “Concorda totalmente co presidente Trump, que é cego ante o cambio climático e prefire agachar a cabeza no chan”, dixo a compañía nun comunicado.

Pero Dermophis donaldtrumpi non está soa entre as criaturas que levan o nome de Trump. A revista ZooKeys alcumou a unha traza de pelo louro como “Neopalpa donaldtrumpi“. E no 2016, bautizaron como Trump unha nova especie de ourizos de mar fósiles atopada en Texas.

Aínda que o xornal The Washington Post faise hoxe eco desta nova especie en homenaxe a Trump, ata o de agora non hai reaccións do presidente. Seguiremos atentos ao seu Twitter. E, obviamente, tampouco sebemos que pensa de todo isto o propio becho.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro