Por que os vapers lle cambiaron a voz a Selena Gómez? O (pouco) que se sabe dos cigarros electrónicos

A docente da USC Julia Rey explica que conteñen substancias canceríxenas tamén presentes no tabaco convencional

A cantante Selena Gómez compartiu nas súas historias de Instagram que o consumo de nicotina a través de cigarros electrónicos (vapers) cambiou a súa voz. Gómez declarou que non sería capaz de revertir os efectos que esta adicción provocou sobre as súas cordas vogais. Esta historia trae de volta á actualidade a crenza errónea de que un cigarro electrónico é seguro, a diferenza do tradicional. A profesora de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Julia Rey advirte que isto é falso: “Os vapers non son inocuos“.

A docente da USC indica que aínda hai poucos estudos sobre os efectos do consumo prolongado de cigarros electrónicos, polo que calquera información presente debe tomarse con precaución. Así e todo, o que si confirma é que non son seguros: “No seu líquido hai substancias que comparten co tabaco tradicional, como as nitrosaminas, que son canceríxenas“.

Publicidade

Segundo o Observatorio de Saúde Pública de Galicia, no 2022 o consumo de cigarros electrónicos tivo unha prevalencia do 1,83 entre a poboación galega. Isto é, case dúas de cada 100 persoas galegas vapeaban nese ano. O grupo poboacional cunha maior incidencia é o dos adolescentes e os adultos mozos. Entre os 15 e os 34 anos, a prevalencia foi de 4,62 puntos, que se reduciu a 0,72 no grupo de 35 a 64 anos. O mesmo estudo revela que as prevalencia é maior entre as mulleres (1,84) que entre os homes (1,82).

O efecto de vapear nas cordas vogais

Debe terse presente que a investigación en torno aos cigarros electrónicos —en especial aquela sobre os efectos a longo prazo— é aínda moi recente e, polo tanto, limitada. Así e todo, xa comezan a presentarse algunhas respostas. “Hai estudos, algúns en humanos e outros en ratóns, que sinalan que pode haber unha inflamación sobre os tecidos, e que o contido do váper pode xerar sequidade. Como consecuencia, poden aparecer rouquén, carraspeira, tose… Dun xeito similar ao tabaco convencional”, explica Julia Rey.

Publicidade

A investigadora sinala que no caso dos cigarros tradicionais si hai un corpo extenso de estudos e análises que confirman os seus efectos nocivos na saúde. “O seu consumo está asociado á aparición de moitas doenzas. Principalmente, dá lugar a tres tipos de enfermidades: os tumores, as cardiovasculares e as respiratorias“, indica Rey. A docente da USC sinala que entre as afeccións tumorais destaca o cancro de pulmón e o da larinxe, aínda que sinala que hai máis de 10 asociados ao consumo do tabaco. “Tamén pode causar cardiopatía isquémica, danos cerebrocasculares (como o ictus) e infeccións respiratorias como a tuberculose, a neumonía ou patoloxías crónicas como a EPOC, a enfermidade pulmonar obstructiva crónica”, apunta Julia Rey.

Lembra que o tabaco contén máis de 7.000 substancias nocivas, das cales 70 son canceríxenas, e que os vapers comparten parte deste contido.

Os danos son reversibles?

A falta de estudos a longo prazo volve imposible responder a cuestión dun xeito fiable. Así e todo, si se sabe que no caso do tabaco tradicional os efectos de fumar poden revertirse, ata certo punto. “Cando deixas de fumar empeza un proceso de recuperación do corpo. Por exemplo, volven o olfato e o gusto”, explica Julia Rey, e engade: “Pero por agora non é posible saber se podería haber unha recuperación, en especial a nivel respiratorio, despois do uso dos cigarros electrónicos”.

A investigadora advirte que o máis importante dos vapers, ao igual que o tabaco convencional, é non empregalos: “En caso de ser usuario, déixao canto antes. E se nunca os usaches, non o fagas. A nicotina é unha droga que crea dependencia, tanto nos cigarros electrónicos como nos convencionais”. O mesmo aviso fixo Selena Gómez no seu vídeo: “Se estás pensando en vapear: non paga a pena“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Vinte anos de loita contra o tabaco: logros obtidos e retos do futuro

Entre 2020 e 2023 produciuse un descenso do 2,8% no número de fumadores en España. Por Julia Rey Brandariz, Carla Guerra-Tort e Mónica Pérez Ríos / USC

Catro de cada dez casos de cancro poderían evitarse

Unha exhaustiva análise global identifica 30 factores de risco modificables, como o tabaco, o alcol e, por primeira vez, nove infeccións oncoxénicas