España ocupa o noveno posto do ranking de fumadores diarios da Unión Europea, cun 19,7% da poboación que fuma todos os días. Nos últimos tempos, demostrouse que o número de consumidores baixou grazas ás medidas de prevención e ás normativas que se instauraron dende a lei antitabaco de 2005. Con todo, prevalencia do consumo é moi elevada, tamén en adolescentes, ao que hai que sumar a proliferación de aparellos como os vapers e cigarrillos electrónicos, que romantizan o feito de fumar polas súas formas e cores. A lei antitabaco supuxo no seu momento unha gran controversia, con todo, demostrou ser eficaz, de aí que os expertos na materia pidan unha actualización.
No sétimo episodio de Investigar na USC, o pódcast de GCiencia en colaboración coa Universidade de Santiago, falamos coa científica Julia Rey, que é coautora dunha investigación recentemente publicada que demostra que o risco de contraer EPOC se reduce dende o primeiro ano sen fumar. Rey poñeranos ao día sobre os últimos achados dos perigos que supón consumir tabaco e tamén, inhalar fume ambiental. A investigadora insiste na importancia de lexislar para regular os vapers, elementos que conteñen substancias canceríxenas e que se venden, por exemplo, en festivais de música.
Edición: Carlos Tresandí
Escoita Investigar na USC en: Spreaker, Spotify, Ivoox, iHeart, Google Podcasts, Deezer, Podcast Addict, JioSaavn e Podchaser.
Boas..o tabaquismo tiña que ser visto coma o que é, unha porcallada que está aceptada pola maioría da xente, ademais de ser unha enfermidade.