Máis vexetación, máis pole: por que esta primavera será peor para os alérxicos en Galicia?

As borrascas de febreiro acumularon humidade que elevará os niveis de gran de bidueiro en Pontevedra, Ourense e Lugo

O inicio da primavera marca tamén o comezo dunha das tempadas de alerxias máis complexas dos últimos anos. As intensas chuvias atrasaron a polinización das especies que florecen na estación fría e incrementaron a humidade ambiental. Esta é a situación que agora agrava os síntomas dos alérxicos. Segundo explica Joaquín Martín Lázaro, alergólogo do Hospital da Coruña e presidente da Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SGAIC), a gran cantidade de auga acumulada no solo favorecerá un crecemento máis intenso da vexetación, o que se traducirá en niveis de pole máis altos. Galicia, que en xaneiro foi unha das rexións do mundo con maior volume de precipitacións, non escapa a esta tendencia.

En consecuencia, esta primavera non será doada para os alérxicos, especialmente porque “dura un pouco máis o calendario de alerxias”, indica Martín Lázaro. O mes de marzo remata con menos chuvias, temperaturas máis altas e días de sol máis longos, condicións que favorecen a dispersión do pole. Segundo a Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), a tempada de pole podería prolongarse ata un 19%, mentres que a súa concentración anual podería medrar entre un 16% e un 40%. O especialista engade que o cambio climático fai que a primavera dure máis, e a contaminación intensifica a alerxenicidade do pole ao liberar proteínas máis agresivas. “Tamén afecta ao epitelio respiratorio que, ao estar danado, é máis propenso a empeorar”, sinala o alergólogo. Así, aumenta a propensión ás reaccións alérxicas.

Publicidade

Aínda que máis chuvias manterían os niveis de pole lixeiramente máis baixo, sobre todo en Galicia, onde é máis habitual, “hai o mesmo nivel de vexetación que sempre, o mesmo número de alérxicos, pero o diferente é que hai máis coñecemento por parte dos médicos, máis derivación a consultas e máis diagnóstico”, engade Martín Lázaro.

Niveis de pole

Segundo datos de Copernicus publicados en ElTiempo.es, os niveis de pole de bidueiro serán especialmente altos dos próximos días, situando a Galicia como a comunidade máis afectada por esta especie. O 27 de marzo, Pontevedra e Ourense rexistrarán niveis altos, mentres que na Coruña e Lugo serán moderados. A partir do 28 de marzo, descenderán na maior parte da comunidade, pero Pontevedra manteranse con niveis moderados.

Publicidade

Os mapas da Rede Galega de Aerobioloxía mostran que a influencia do pole das especies de floración invernal, como os ameneiros ou os freixos, desapareceu entre o 11 e o 18 de marzo, debido ao final da floración e ás precipitacións. No norte da comunidade, aínda poden rexistrarse valores puntualmente moderados de pole de alcipreste. Por outra banda, xa se observan niveis altos de pole de piñeiro en Lugo e de chopo nas cidades de Vigo e Ourense. As estrugas presentan niveis especialmente elevados en toda Galicia, sobre todo na franxa atlántica, con máis de 30 grans de pole por metro cadrado de aire (grans de pole/m3de aire) desta especie herbácea.

As previsións da SEAIC para as gramíneas na cornixa cantábrica indican niveis maiormente medios-leves, oscilando entre os 1.500-2.000 e os 3.000-5.300 gramos por metro cadrado. Con todo, outras persoas alérxicas a outros poles, como as urticáceas en Vigo, poden experimentar síntomas intensos mesmo ao estar menos sensibilizadas ás gramíneas.

  • Niveis de pole de bidueiro para o 27 de marzo. Foto: ElTiempo.es
  • Niveis de pole de bidueiro para o 28 de marzo. Foto: ElTiempo.es

Bidueiro e Paritaria judaica

En España, os grans de pole máis problemáticos na primavera son os de gramíneas e oliveira, e en menor medida, tamén son culpables os plataneiros, malezas como a barrilleira (Salsola) ou a parietaria. En Galicia, segundo a SGAIC, xa en marzo comezan a liberarse grans de pole de bidueiro (Betula pubescens), plataneiro e carballo, polo que o seu contido polínico aumentará progresivamente o longo do mes polo inicio da súa floración. As gramíneas son comúns a todas as comunidades, pero a alerxia ao pole tamén depende da zona: “Na costa predomina a herba dos muros (Parietaria judaica), un tipo de maleza, e no interior é importante o pole de bidueiro”, sinala Joaquín Martín Lázaro.

Concretamente, o caso do bidueiro é curioso: o doutor explica que a reactividade cruzada entre as abelás e a pole de bidueiro fai que esta alerxia sexa especialmente frecuente en Ourense, Lugo e Santiago de Compostela. Por que ocorre isto? Este froito seco e os grans desta especie comparten proteínas. Ademais, tamén inflúen os factores xenéticos: os emigrantes ou descendentes de suízos con alerxia ao pole de bidueiro en Suíza poden presentar alerxia á abelá en Galicia.

Non hai unha idade

“Unha persoa non nace con alerxia, simplemente nace predisposto”, sinala Martín Lázaro. Así, se os dous proxenitores son alérxicos ao pole, existe unha alta probabilidade de que o fillo o sexa tamén. Sinala que, hai anos, os nenos e nenas pequenos padecían máis alerxias, pero agora van a consulta “alérxicos en todas as etapas da vida”. Previr a súa aparición depende de factores como o estilo de vida, a dieta ou os niveis de estrés: unha vida sana, durmir ben, consumir alimentos frescos e de proximidade e facer exercicio e, polo tanto, evitar o sedentarismo.

Que facer ante a alerxia?

Para Joaquín Martín Lázaro, o principal erro dunha persoa alérxica, especialmente ao pole, é fumar, pois trátase dun hábito que empeora a sintomatoloxía. Nos casos de pacientes con asma, o problema é a falta de emprego dos inhaladores. “Todo está conectado cos esquecementos e coa pereza”, sinala o doutor.

Así, cunha primavera dura por diante, o presidente da SGAIC recomenda os seguintes hábitos:

—Usar gafas de sol e máscara para reducir o contacto directo co pole

—Manter as fiestras pechadas durante as horas de maior concentración (mañá e tarde-noite).

—Ter a man antihistamínicos, colirios ou inhaladores prescritos e non esperan a que os síntomas sexan insoportables para comezar o tratamento.

—Acudir ao alergólogo para confirmar o diagnóstico e valorar o uso de vacinas, que son o único tratamento que pode modificar a evolución da enfermidade.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla