Abelás no interior e mariscos na costa: unha guía das alerxias alimentarias en Galicia

A incidencia de reaccións a determinados alimentos crece cada ano e varía segundo a idade, as dietas e a zona xeográfica, con diferenzas mesmo entre provincias

Coñeces a alguén que nos últimos anos desenvolveu unha alerxia alimentaria? A Sociedade Española de Médico Xerais e de Familia (SEMG) estima que arredor de dous millóns de persoas en España sofren algún tipo de alerxia a alimentos, e cada ano aumenta en torno a un 2% a porcentaxe de nenos afectados. Pero, cales son os motivos que se esconden detrás das alerxias alimentarias?

O primeiro paso para afondar neste tema é diferenciar alerxias de intolerancias, como explica Joaquín Martín Lázaro, alergólogo do Hospital da Coruña e presidente da Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SGAIC). A principal diferenza reside na reacción e nas células implicadas: nas alerxias, a responsable é a inmunoglobulina E, mentres que nas intolerancias esta non intervén, podendo aparecer por distintos mecanismos.

Publicidade

Tamén difiren os efectos na persoa. Mentres que a intolerancia provoca reaccións leves, unha alerxia pode ser grave e incluso mortal. “Se tomas un alimento ao que tes intolerancia, simplemente pasas mal durante un tempo, pero unha reacción alérxica pode ser seria e inmediata“, explica o doutor Martín, que insiste en que estas reaccións deben ser atendidas de forma urxente polos seus posibles efectos letais.

O aumento da incidencia das enfermidades alérxicas tamén se relaciona cun maior coñecemento da poboación e cunha mellor atención médica, que leva a que as persoas acudan con máis frecuencia ao alergólogo. “Agora detéctanse e estúdianse mellor”, comenta o especialista. O que antes se evitaba comer, hoxe permíteo o diagnóstico: identificar o alimento responsable e valorar como afecta a outros alimentos estruturalmente semellantes.

Publicidade

Que ocorre no noso corpo para desenvolver unha alerxia alimentaria?

Aínda que existen distintas hipóteses, Joaquín Martín asegura que o fenómeno nunca se chega a coñecer completamente. Unha das explicacións máis aceptadas é a influencia da carga xenética, é dicir, a predisposición que teñen certos xenes a desenvolver unha alerxia. “Se os teus pais son alérxicos, é máis probable que tamén haxa alerxias na familia”, explica, dado que aumenta a presenza de antecedentes familiares.

Outro factor clave é o ambiente. Se unha persoa predisposta nunca entra en contacto co alimento ou substancia que podería provocarlle alerxia, probablemente nunca a desenvolverá. En cambio, a exposición repetida a esa substancia incrementa a probabilidade de que o corpo reaccione de forma alérxica. Este fenómeno é habitual en Galicia, onde a alerxia ao marisco é a máis frecuente.

Con todo, outros alimentos destacan en diferentes rexións. Por exemplo, o cacahuete é un alérxeno común en países como Estados Unidos, mentres que en España non é tan habitual. Aquí, as reaccións alérxicas por este alimento adoitan deberse a alerxias cruzadas provocadas polo pole e a proteínas presentes en froitas e froitos secos. “En Estados Unidos, a alerxia provén do propio cacahuete”, aclara o doutor Martín, a causa da exposición ao alimento.

Combinacións de alerxias cruzadas

Que alerxias cruzadas poden existir? O doutor Joaquín Martín explica que hai reactividade cruzada entre froitas, froitos secos e legumes. Ademais, tamén se rexistran reaccións cruzadas entre froitas como o plátano, o aguacate, a castaña e o kiwi co látex.

“As persoas alérxicas ao pole teñen máis probabilidade de desenvolver alerxias a certos alimentos vexetais”, aclara o especialista. Do mesmo xeito, os alérxicos aos ácaros do po ten máis posibilidades de facerse alérxicos ao marisco, xa que comparten proteínas similares.

Así, unha persoa que presenta alerxia ao peixe non sempre o é polo peixe en si mesmo, senón que pode ser alérxica ao parasito do peixe, o anisakis.

Dependen da idade e do lugar

A idade inflúe na dieta, polo que tamén é un factor que condiciona a incidencia das alerxias alimentarias. O doutor Joaquín Martín explica que nos nenos pequenos a alerxia ao leite é a máis común, xa que é o único alimento que consumen. “Segundo se introducen outros alimentos, poden aparecer alerxias ao ovo ou aos cereais“, aclara.

Nas persoas adultas, as alerxias alimentarias varían segundo os hábitos dietéticos. Por exemplo, a alerxia ao marisco é moi frecuente en Galicia, pero non tanto na área mediterránea, onde é máis habitual atopar alerxias ao melocotón, froitos secos ou vexetais, frecuentemente relacionadas coa alerxia ao pole.

Mesmo dentro dun territorio limitado como Galicia existen diferenzas provinciais. O doutor Martín explica que en Ourense e Lugo a alerxia ás abelás é típica, debido á reactividade cruzada co pole de bidueiro, moi presente nestas zonas e tamén en Santiago de Compostela. “Deste xeito xurde unha síndrome de alerxia oral por abelá, que comparte proteínas co pole de bidueiro”, engade. Ademais, factores xenéticos tamén inflúen: emigrantes ou descendentes de suízos con alerxia ao pole de bidueiro en Suiza poden presentar alerxia á abelá en Galicia.

Nas zonas de costa, as alerxias máis habituais son ao marisco ou ao peixe. Estes exemplos evidencian que “a dieta está estreitamente relacionada con desenvolvemento de alerxias alimentarias“, segundo explica Martín. Con todo, algunhas das reaccións máis graves seguen vinculadas ao ovo e aos froitos secos.

Cales son as máis raras?

Todos coñecemos persoas con alerxias, pero existen casos especialmente curiosos. Joaquín Martín lembra dous exemplos. Por unha banda, hai persoas moi sensibles ao marisco que poden experimentar síntomas respiratorios simplemente ao inhalar os vapores da súa cocción, sen necesidade de comelo.

Por outra, os alergólogos do Hospital Universitario LUCUS AUGUSTI (HULA), do que Joaquín Martín era membro, investigan unha rara alerxia á carne de mamífero en Lugo, diferente das alerxias máis coñecidas. Dende hai uns dez anos, detectouse que nalgúns pacientes que sufriran picaduras de carracha desenvolvían anticorpos que provocaban reaccións retardadas á carne. Esta alerxia non produce reacción inmediata: “Se comen churrasco ao mediodía, a reacción pode aparecer ás tres da madrugada“, explica.

Isto ocorre porque o alérxeno é absorbido progresivamente polo sistema dixestivo. Mentres que normalmente as alerxias están causadas por proteínas, neste caso o responsable é un tipo de azucre. “Esta alerxia revoluciona todos os dogmas da alergoloxía“, comenta Martín Lázaro, que contabiliza entre 80 e 90 casos en Lugo, principalmente en cazadores e axentes forestais. “Só se coñece no suroeste de Estados Unidos e Galicia“, engade.

Diagnóstico e tratamento

Para diagnosticar unha alerxia, o primeiro paso é acudir a un especialista que poida identificar correctamente os alimentos implicados. O doutor Joaquín Martín recomenda comezar cunha entrevista cun experto en alerxias. A continuación, poden realizarse análises de sangue ou probas cutáneas intraepidémicas, coñecidas como PRICK TEST.

O seguinte paso para comprobar os resultados adoita ser unha proba de exposición controlada, na que se administra ao paciente unha cantidade controlada do alimento sospeitoso para observar se se produce unha reacción. “Con iso conseguimos confirmar a alerxia e determinar a dose que provoca a reacción”, explica o especialista. Ademais, permite ao paciente recoñecer os síntomas nun espazo seguro.

En canto ao tratamento, a solución non se limita simplemente a evitar o alimento. “Estase investigando un método chamado desensibilización“, informa Martín. Este consiste en administrar pequenas doses do alimento ao paciente para que o corpo se acostume, reducindo a probabilidade dunha reacción grave ao expoñerse ao alérxeno. Deste xeito, nalgúns casos as alerxias poden desaparecer, aínda que o doutor Martín Lázaro advirte: “Unha alerxia grave non adoita desaparecer”.

Retos pendentes na investigación

A prevención é outro ámbito onde aínda existe debate. Segundo explica o doutor Joaquín Martín, antes se recomendaba atrasar a introdución de alimentos máis susceptibles de causar alerxias ata que os nenos alcanzaban idades máis avanzadas. “Agora a tendencia é introducilos de forma precoz”, advirte. Ademais, hai evidencia científica que indica que a lactancia materna pode protexer fronte ás alerxias alimentarias.

Neste contexto, xorden moitos dos retos pendentes na investigación e diagnóstico das alerxias alimentarias. Martín asegura que o primeiro obxectivo debe ser optimizar as probas de diagnóstico, evitando que o paciente se expoña innecesariamente ao alimento e reducindo o risco de reaccións graves.

Tamén destaca a importancia de melloras no ámbito social: “Mellorar o etiquetado dos alimentos mediante leis e políticas e aumentar a concienciación e educación sanitaria“. Esta última considéraa escasa en colexios e revistas de divulgación. Resalta, ademais, o papel fundamental dos médicos de cabeceira para orientar correctamente aos pacientes e derivalos ao alergólogo.

“Moitas veces chegan pacientes que deron voltas polo sistema sanitario sen recibir unha atención adecuada“, explica, facendo fincapé en que a falta de información provoca diagnósticos erróneos de alerxias ou intolerancias. No fondo, coñecer e comprender o noso corpo é o primeiro paso para protexer a saúde sen renunciar ao pracer da comida.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un minuto e moitas incógnitas: a nubosidade media nas últimas tres décadas foi do 30% para o 12 de agosto

O meteorólogo Benito Fuentes indica que as formacións baixas e unha cobertura do 35% son as principais ameazas para a observación

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas