Xoves 25 Abril 2024

Mesturas alimentarias, indixestas só na nosa cabeza

Á mesa ou no refraneiro, algunhas combinacións de alimentos son proscritas pola sabedoría popular aínda que sen ningún fundamento científico

Non comer castañas ou polbo e beber auga ou non tomar unha laranxa despois dun produto lácteo como un iogur para non sentirnos mal. Estes son só algúns exemplos dunha longa lista de combinacións alimentarias desaconselladas moitas veces pola sabedoría popular. Pero, teñen algunha base científica estas recomendacións? Para sabelo, falamos con Nicolás Piedrafita, dietista-nutricionista ademais de investigador en Innovación e Seguridade en Tecnoloxías Alimentarias na Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen asegura ter escoitado na consulta algúns exemplos de combinacións de alimentos, supostamente perigosas, para a nosa saúde. “É verdade que existen moitos mitos sobre mesturas alimentarias máis ou menos daniñas. Moitas veces trátanse de explicar deste xeito algunhas situacións que vivimos, aínda que non teña ningún fundamento. A realidade é que non hai estudos que demostren esa relación que se establece entre alimentos ou as consecuencias na nosa saúde das que se falan. Ao mesmo tempo, é moi frecuente que a xente intente atopar sempre ese factor, case máxico, que vai salvar a nosa alimentación e ofrecernos un nivel máximo de saúde”, explícanos.

As castañas, tamén con auga

Se non hai mesturas de alimentos desaconselladas polos científicos como resultado da súas investigacións nin combinacións prohibidas, cal podería ser entón a orixe desas consecuencias para a nosa saúde das que se nos advirte na casa ou cando estamos á mesa con amigos?

Publicidade

“A castaña absorbe máis cantidade de auga e pode facer que o noso estómago se expanda”

NICOLÁS PIEDRAFITA, dietista-nutricionista e investigador na USC

Piedrafita explícanos, por exemplo, de onde pode vir a advertencia popular de non comer castañas e beber auga ao mesmo tempo. “Seguramente a castaña absorbe máis cantidade de auga e fai que se infle e se expanda no noso estómago provocando unha sensación de saciedade moi grande. É posible que isto lle aconteza a algunhas persoas, pero non se pode xeneralizar, non podemos pensar que a toda a xente lle vai ocorrer o mesmo e que por iso non podemos inxerir castañas e auga xuntas. Isto tamén pode pasar coas sementes que poden aumentar de volume e provocar esa sensación de saciedade. As castañas son moi saudables e podemos acompañalas con auga sen problema”, afirma o investigador.

Iogur e laranxa, unha combinación inofensiva

Unha das crenzas que máis se repiten á mesa é a de non consumir lácteos e froita no mesmo menú se queremos evitar ter molestias intestinais.

“É certo que moitas veces se cre que consumir produtos lácteos con outros alimentos como a froita é arriscado porque se pode cortar o leite. A realidade é que a acidez que temos no estómago é tan elevada que ese tipo de combinacións nunca se van dar e, polo tanto, facernos sentir algunha molestia. A acidez vai destruílo todo nun alimento para poder dixerilo, polo tanto non é posible sentirse mal. Esta crenza non é real e hoxe non temos unha base sólida científica para explicala”, subliña Piedrafita.

Nicolás Piedrafita, investigador en Innovación e Seguridade en Tecnoloxías Alimentarias na USC.

Cada un cos seus límites

O dietista-nutricionista advirte, iso si, que debemos ter en conta as alerxias ou a intolerancia dalgunhas persoas a determinados grupos de alimentos. Nicolás Piedrafita tamén nos lembra que certos medicamentos non se poden mesturar con algúns alimentos que serán sempre indicados tanto polo médico como no prospecto, xa que poderían interferir no resultado que se busca co tratamento.

´”Sabemos que o pomelo, por exemplo, non se pode consumir con certas medicacións porque pode interferir no seu efecto. E isto si que é certo, temos que ter coidado coa interacción dalgúns alimentos con determinados fármacos. Un caso moi típico pode ser o dalgúns tratamentos da tiroide cos que non se pode comer nin soia nin os seus derivados porque non se conseguiría o efecto que se busca. Hai algunhas situacións nas que é necesario centrarnos no caso individual de cada persoa”.

Comer de todo e, se é posible, de temporada

Piedrafita insiste en que as mesturas imposibles de alimentos das que se fai eco incluso o refraneiro, non teñen base científica e que os consellos para unha alimentación segura e saudable son os que enumera para rematar esta conversa con GCiencia.

“Hai que apostar por unha alimentación rica en froita e verdura, e mellor se é te temporada”

NICOLÁS PIEDRAFITA, dietista-nutricionista e investigador na USC

“Temos que ter sobre todo unha alimentación rica en froita e verduras de todo tipo. É importante consumir, se se pode, produtos de temporada para gozar dun mellor sabor ou dunha mellor textura ademais de ter un prezo máis interesante que é algo que tamén temos que ter en conta. No que se refire á hidratación a auga debe ser a fonte principal no día a día e, por último, intentar consumir menos carnes e máis legumes como lentellas ou fabas. Estas son, desde o meu punto de vista as tres chaves dunha boa alimentación para mellorar a nosa saúde persoal, pero tamén para respectar o medio ambiente que é un elemento moi importante a ter en conta hoxe cando falamos de alimentación”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

O río Lagares, o máis contaminante de Galicia: arrastra 13 toneladas de plástico ao mar

A organización The Ocean Cleanup deseñou un mapa interactivo mundial dos 1.000 cursos de auga que máis residuos depositan nos océanos

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite