Venres 29 Marzo 2024

A machada de Elviña: estes son os segredos dunha xoia de 7.000 anos de antigüidade

Un artigo asinado por investigadores galegos sobre a ferramenta alpina atopada na Coruña protagoniza a portada da revista Munibe

Máis de 1.600 quilómetros separan Elviña, na Coruña, da localidade italiana de Sanfront. A ruta máis directa sería en coche e tardaríase en chegar arredor de 17 horas. Nada mal, malia que o avión sería a opción máis rápida e, probablemente, máis cómoda. Pero hai 7.000 anos non existían infraestruturas ferroviarias, nin autopistas, nin moito menos tráfico aéreo. Porén, unha investigación demostrou que as comunidades neolíticas galegas estiveron en contacto con poboacións que vivían a miles de quilómetros de distancia. Unha das probas é a machada de Elviña, unha fermosa ferramenta elaborada con xade e de orixe alpina que leva a recaudo da Real Academia Galega (RAG) dende os anos 20. Un equipo da Universidade de Santiago (USC) pensa que procede da zona de Sanfront. E agora, o seu estudo é portada da revista Minube, que decora a súa páxina frontal coa beleza dunha machada incomparable.

As dúbidas superan con creces ás incertezas, pero a detallada investigación do equipo galego logrou revelar algún dos segredos mellor gardados da machada de Elviña. Segundo relata Carlos Rellán, que integrou o equipo do Ramón Fábregas na USC e actualmente é profesor da Universidade de Granada, ata hai uns anos descoñecíase a existencia da machada. Todo comezou cun proxecto europeo coordinado polo Centre national de la recherche scientifique (CNRS) de Francia —equivalente ao CSIC español— e no que participaba o grupo de investigación dirixido por Fábregas. Coordinados polo investigador Pierre Pétrequin, trataban de estudar a circulación e produción duns machados moi concretos durante a prehistoria europea. “Pulíanse nos Alpes, no que hoxe en día é a fronteira entre Francia e Italia, tanto nas ribeiras do río Po como a 2.000 metros de altitude”, explica Rellán.

Publicidade

Unha intensa cor verde

Os creadores destas ferramentas viviron arredor do 5.000 antes de Cristo. Subían ás montañas e explotaban unha serie de materiais do grupo do xade para fabricar machados pulidos. “Eran moi apreciados porque cando se traballaban adquirían unha tonalidade verde moi marcada. Case todas as poboacións, ata o día de hoxe, senten simpatía polo verde. Talvez pola súa significación en termos de vida e fertilidade”, continúa indicando Rellán. Iso explicaría que, na época, fosen considerados artigos de luxo. De feito, tal era a súa valía que non quedaron illados na zona alpina, senón que circularon por toda Europa. Atópanse machados deste tipo dende Sicilia ata Escocia e dende Hungría ata Portugal. É dicir, ao longo e ancho de todo o continente encontráronse miles destas pezas prehistóricas. Por iso, para o seu estudo, era preciso un amplo equipo que incluíu a máis de 20 centros de investigación de toda Europa.

Portada da revista Munibe, coa machada de Elviña como protagonista.

Segundo conta Rellán, o papel da USC no proxecto coordinado dende Francia foi facer un inventario de todos as machadas atopadas en España e Portugal. O único territorio onde eran coñecidas era Cataluña, pero había un gran descoñecemento destas ferramentas no resto da península ibérica. Porén, no seu labor de investigación atoparon unha machada que se achara no século XIX na parroquia de Vilapedre, en Vilalba. Dende os anos 30 dicíase que a súa orixe era alpina, pero non se fixeran probas que demostrasen esta hipótese. Ata que o equipo de Fábregas se puxo mans á obra e lograron corroborar os rumores. “O principal problema é que descoñecemos de onde proviña. Case todas as machadas que se atoparon na península están descontextualizadas. É dicir, non sabemos se proveñen dunha tumba, dun poboado, dun asentamento…”, expón Rellán. Ademais, como a peza de Vilapedre se atopara no século XIX, os investigadores galegos non sabían se realmente proviña de Galicia ou se intercambiara. Ao parecer,o troco destes elementos “tan bonitos e atractivos” era habitual entre os eruditos da época.

Para confirmalo, o equipo da USC acudiu aos arquivos da RAG para revisar os documentos persoais de Manuel Mato Vizoso, que foi quen atopou a machada de Vilapedre. Alí atopáronse cunha colección de pezas arqueolóxicas que proviñan da zona da Coruña e que doaran membros tan destacados como Lugrís Freire. “Non sabiamos desta colección e foi alí onde atopamos a machada de Elviña. Luis Monteagudo fotografáraa nos anos 40 e publicou sobre ela nos 90, pero non tiñamos constancia destes estudos”, recoñece Rellán. Así foi que unha vez que a viron, empezaron a sospeitar que se podería tratar dunha peza de procedencia alpina, semellante á que se atopara moito antes en Vilapedre. Fixeron as análises correspondentes e o resultado foi abraiante, pero correspondente coas sospeitas: a machada de Elviña era a segunda de orixe alpina que se atopara en Galicia.

“Case todas as machadas que se atoparon na península están descontextualizadas e descoñecemos de onde proveñen”

CARLOS RELLÁN, autor do estudo e investigador na Universidade de Granada

“Son pezas moi significativas. En Galicia atopamos dúas pero na península ibérica só hai documentadas 50”, di o investigador galego, dando conta da importancia do achado. Ademais, na fachada atlántica, tanto da portuguesa como da española, tan só se atoparon cinco. “Aínda que son poucas, isto permítenos demostrar que a machada de Vilapedre non era única, que non chegou de casualidade, senón que as comunidades prehistóricas galegas estaban en contacto con poboacións doutros territorios non só penínsulares, senón tamén europeos”, engade Rellán. Non hai moitas probas que permitiran corroborar estas hipóteses, dado que os solos galegos son moi ácidos e pérdese o ADN dos ósos. Hai hipóteses que apuntan a un intenso movemento entre poboacións durante a Prehistoria, pero só queda poñer esperanza nos obxectos para corroboralo. Rellán cre que o principal contacto que puideron ter as comunidades neolíticas galegas con territorios tan afastados como a Bretaña francesa foi a traves do mar.

“Os machados pulidos adquirían un rol de pezas de luxo. Pero, en realidade, concibíanse para ser utilitarios, para curtar ábores e rochas moi duras. De feito, unha vez pulidos eran moi resistentes ao paso do tempo e é moi frecuente que teñan ese aspecto de boa preservación“, indica Rellán, algo que se pode comprobar facilmente botando un ollo á fotografía da machada. Ademais, o investigador galego asegura que eran pulidas moi intensamente e chegaban a adquirir un “brillo espectacular”. Tal era así, que Rellán asegura que calquera se podería ver reflictido nelas, case como un espello. Algo que dá conta da importancia da peza, que malia que pasaran 7.000 anos aínda se conserva en todo o seu esplendor, como se fose unha xoia de primeira calidade.

Os túmulos funerarios

Aínda que algúns dos segredos da machada de Elviña quedan revelados con esta última investigación, portada da revista vasca Munibe, algúns outros non se poderán saber nunca. O común denominador das pezas alpinas atopadas na península é a súa descontextualización e a de Elviña non é unha excepción. A principal hipótese é que proveñen de túmulos funerarios, pero é imposible corroborar esta teoría. “Cando chega a agricultura, a xente empézase a enterrar nunha serie de estruturas, algunhas máis grandes e outras máis pequenas. Un exemplo pode ser o dolmen de Dombate. En Galicia, sen ir máis lonxe, temos preto de 8.000″, apunta Rellán. Segundo continúa explicando, o gran problema é que a partir do século XVII, especialmente en Galicia, saqueáronse estes túmulos pensando que atoparían ouro ou outras pezas de moito valor. Polo tanto, tiraban con todo aquilo que non lles interesaba, como podían ser as olas de barro.

“Os machados pulidos adquirían un rol de pezas de luxo”

CARLOS RELLÁN, autor do estudo e investigador na Universidade de Granada

Tamén puido acontecer isto coas machadas, aínda que a súa beleza puido facer que se gardasen nas casas como amuleto. “Pensaban que eran pedras de raio. É dicir, que os protexerían das tormentas. É un elemento que se vincula co folclore”, di Rellán. Polo tanto, fose por un motivo ou outro, o certo é que as machadas quedaron na superficie ata que alguén se atopou con elas. No caso de Elviña, a información máis fiable é a que achega Monteagudo, que foi o primeiro que publicou información sobre esta peza. “Concretamos bastante o lugar onde se atopou, en torno a un quilómetro cadrado“, afina Rellán. Coincide, por tanto, cunha área da Zapateira que a día de hoxe está totalmente cambiada. Porén, sábese por anteriores estudos e incluso fotografías que alí había tres túmulos funerarios. “Cremos que a machada provén de aí. Foi saqueada, tirada a superficie e logo atopada polo pai de Lugrís. Sabemos con toda seguridade que apareceu a menos de 200 metros deses túmulos“, finaliza Rellán, talvez imaxinando como vivían aquelas xentes. Pero, sobre todo, como chegaría a Elviña aquela marabillosa peza.


Referencia: Algunas reflexiones sobre un hacha de jadeíta de procedencia alpina depositada en la Real Academia Galega (A Coruña, Galicia). (Publicado en Munibe)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A machada neolítica que saíu dos Alpes, pasou por Bretaña e chegou a Vilalba

Investigadores da USC reconstrúen o percorrido dunha peza atopada no concello lugués no século XIX, cunha rocha presente no Piamonte

A ‘Fisterra’ en Cova Eirós: o límite occidental da arte rupestre paleolítica

Unha investigación na que participa a USC afonda no coñecemento do xacemente lucense e abre a porta á existencia de enclaves semellantes en Galicia

Un vaso atopado en Cova Eirós contribúe ao estudo do consumo de leite na Prehistoria

Os investigadores da USC Ramón Fábregas e Arturo de Lombera colaboran nun amplo estudo internacional que lidera Miriam Cubas

Cova Eirós: a convivencia de neandertais, sapiens e osos das cavernas

A tese da investigadora Irene Valverde, codirixida polo catedrático da USC Ramón Fábregas, aborda a interacción entre humanos e fauna no xacemento lucense