O pasado 18 de xaneiro o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón detectou no ceo unha perturbadora espiral cósmica. Foi a través do seu Telescopio Subaru, que está situado no monte Mauna Kea, un dos lugares con menos contaminación lumínica do planeta. Ichi Tanaka, un investigador do Telescopio, estaba ocupado noutra tarefa cando recibiu unha imaxe no seu teléfono deste fenómeno case fastasmal: “Cando abrín Slack, iso foi o que vin e foi un evento asombroso para min”, contou a The Guardian.
A espiral voadora pode estar relacionada co lanzamento dun satélite militar a mesma mañá do 18 de xaneiro por parte de Space X, empresa fundada por Elon Musk. A localización da espiral coincide co punto no que previsiblemente se situaría a segunda etapa do cohete despois do seu lanzamento. Non é a primeira vez que se observa unha espiral no ceo despois do lanzamento de Space X, ocorrera tamén en xuño de 2020 sobre Queenstown, Nova Zelanda, segundo informou The Washington Post.
Unha das hipóteses radica en que cando os cohetes expulsan o combustible sobrante aparecen estas formas no ceo, que iluminadas pola luz do Sol propician estes remuíños tan curiosos e estraños para os ollos humanos. Polo momento, non hai explicacións por parte de Space X, a única versión oficial é a do Observatorio Astronómico de Xapón.